Saltar ao contido principal
Xornal

O IV Ciclo Universitario da USC bota a andar no campus de Lugo coa presentación do curso 2019-20 na Facultade de Humanidades

O prazo matrícula neste programa de formación de persoas maiores de 50 anos permanecerá aberto do 9 ao 20 de setembro nos campus de Santiago e de Lugo

Actualizada: 03-09-2019 14:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Fachada da Facultade de Humanidades do campus de Lugo

O IV Ciclo Universitario da USC, un programa formativo orientado á participación de maiores de 50 anos, bota a andar este xoves 5 de setembro, a partir das 17.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, coa celebración dunha sesión informativa sobre a programación académica ofertada para o curso 2019-20, así como respecto dos prazos e lugares onde se pode formalizar a matrícula, cuxo prazo permanecerá aberto do 9 ao 20 de setembro nos campus de Santiago e Lugo.

 

A vicerreitora de Titulacións da USC, Victoria Otero Espinar, e a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira Olveira, serán as encargadas de presentar ao público presente o calendario, a oferta académica e as novidades do novo curso, no marco dunha sesión na que tamén participará a coordinadora deste programa de formación sénior da USC na sede universitaria luguesa, a profesora Teresa Rodríguez López.

 

A sesión de presentación do curso 2019-20 do IV Ciclo da USC no campus de Lugo inclúe tamén un relatorio a cargo da profesora na EPS de Enxeñaría Rosa Romero, quen ofrecerá unha charla baixo o título ‘As plantas medicinais: Un recurso natural con futuro’.