Saltar ao contido principal
Xornal

A USC colaborará co Sergas na realización dun estudo sobre a epidemioloxía do suicidio en Galicia

O Sergas achegará 21.500 euros no bienio 2019-20 para esta investigación, segundo o convenio asinado polo reitor Antonio López e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez

Actualizada: 04-09-2019 08:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Antonio López e Jesús Vázquez Almuíña, trala sinatura do convenio

A USC e o Sergas veñen de asinar un convenio para a realización dun estudo sobre a epidemioloxía do suicidio en Galicia. O Sergas achegará 21.500 euros entre os anos 2019-20 para a execución deste traballo, segundo se recolle no acordo asinado polo reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

 

Esta actuación permitirá contar cunha información axeitada sobre a prevalencia do suicidio e a conduta suicida. Deste xeito, o Sergas poderá desenvolver programas preventivos e asistenciais dirixidos tanto á promoción da saúde mental como á detección e intervención precoz. O obxectivo é reducir as taxas de suicidio e establecer medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas familias.

  

Plan de prevención do suicidio en Galicia

O Sergas considera o suicidio como un problema de saúde pública prioritario, tal e como recoñece nas Estratexias Sergas 2014 e 2020 e no Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, entre outras iniciativas. Segundo datos do Imelga, no 2018 faleceron en Galicia 288 persoas, o que supón un descenso do 11,11% respecto a 2017 e de 100 falecementos menos respecto a 2014.

 

O Plan de Prevención do Suicidio en Galicia posto en marcha en setembro de 2017 permitiu a actualización dos protocolos de prevención do suicidio no ámbito hospitalario, ao tempo que tamén activou o protocolo de prevención do suicidio no ámbito escolar e a formación de bombeiros e persoal de intervención de primeira liña, mediante a Academia galega de emerxencias, e de profesionais sanitarios, a través da Axencia de coñecemento en saúde. Así mesmo está previsto o establecemento de comités multidisciplinares de prevención do suicidio en todas as xerencias de xestión integrada, ademais doutras medidas.