Saltar ao contido principal
Xornal

O Colexio de Fonseca acolle este venres o acto académico de apertura do curso 2019/20 das universidades galegas

Como novidade, o habitual paseo da Comitiva Académica de profesorado togado comezará no Colexio de San Xerome para dirixirse ao Colexio de Fonseca pola rúa do Franco

Actualizada: 06-09-2019 12:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O acto desenvolverase a partir das 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca

O acto académico da apertura do curso 2019/20 nas universidades galegas celebrarase este venres 6 nunha sesión solemne no Salón Nobre do Colexio de Fonseca da USC a partir das 12.00 horas. Como novidade, a comitiva de profesorado togado que habitualmente abre o acto comezará o seu paseo a partir das 11.50 horas no Colexio de San Xerome, sede da Reitoría, para dirixirse pola rúa do Franco ata o Colexio de Fonseca.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conformará a mesa presidencial da sesión xunto aos tres reitores galegos, Antonio López Díaz (USC), Julio Abalde Alonso (UdC) e Manuel Reigosa Roger (Uvigo); e ao presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva. Logo da apertura do acto, o catedrático de Química Analítica da USC Rafael Cela Torrijos pronunciará a lección maxistral da xornada, titulada ‘A década que cambiou a química analítica’.

O discurso do reitor compostelán Antonio López Díaz e o do titular do goberno autonómico porán o peche á xornada e darán por inaugurado o curso nas universidades galegas. Esta sesión de inauguración do curso poderá seguirse en directo a través do enlace https://www.youtube.com/user/UniversidadeUSC.