Saltar ao contido principal
Xornal

O Congreso de Economía Agraria da AEEA ve na sostibilidade do medio rural un dos piares básicos para o desenvolvemento futuro

O conselleiro José González adianta na EPS de Enxeñaría de Lugo as apostas da Xunta de Galicia para impulsar e dinamizar os sectores agrogandeiro, forestal e vitivinícola

Actualizada: 09-09-2019 14:03
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Brugarolas, Santos, López, González, e García, na clausura do congreso

A sostibilidade do territorio e dos sistemas de cultivo e de produción agrogandeiros e forestais no medio rural son elementos clave para o futuro desenvolvemento social, tal e como se puxo de manifesto este venres na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC na sesión de clusura do XII Congreso de Economía Agraria da AEEA, un acto presidido pola adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, Elvira López Mosquera, no marco do que o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, adiantou algunhas das acción e estratexias nas que está a traballar o Xunta de Galicia para “manter viva a Galicia rural e verde”, ademais de impulsar e dinamizar os sistemas de produción e a rendibilidade dos sectores agrogandeiro, forestal e vitivinícola.

 

Ao fío da última sesión plenaria deste congreso estatal, co que a Asociación Española de Economía Agraria congregou en Lugo máis de 200 investigadores de universidades españolas e Iberoamericanas, no que os relatores convidados abordaron a importancia da cooperación e da acción dos clústeres e da innovación na dinamización dos sectores produtivos primarios, o conselleiro González Vázquez tamén apelou a cooperación social e institucional para traballar a prol dun futuro de éxito para o medio rural.

 

Aposta pola innovación

A aposta pola innovación e a colaboración coas universidades para transferir os últimos avances técnicos e tecnolóxicos ao tecido empresarial e produtivo determinará a acción da Xunta de Galicia neste eido, salientou o Conselleiro de Medio Rural, unha actuación global que estruturou en grandes ámbitos: forestal, agrogandeiro e alimentario e viticultura e enoloxía.

 

A elaboración dun abano de propostas sobre as claves que debe recoller a Política Agraría Común que rexerá para os próximos sete anos e na que a Xunta está a traballar en colaboración coa USC, a reorganización da estrutura minifundista da propiedade no medio rural nunha Galicia na que dous de cada tres habitantes son propietarios de parcelas, a través do impulso de medidas de xestión compartida e mesmo de polígonos agrarios respectuosos coa propiedade, ou a implementación doutras medidas sempre respectuosas co medio ambiente constitúen algunhas das iniciativas nas que está a traballar a Xunta de Galicia, dixo.

 

O Conselleiro de Medio Rural, tamén falou da futura lei de mobilización de terras produtivas en Galicia, unha medida orientada a regular e poñer en valor as terras abandonadas ou en desuso, así como do novo plan de xestión e tratamento de puríns, unha acción necesaria para a protección do medio ambiente, pero que “non suporá o peche de ningunha granxa por falta de apoios da Administración autonómica”, dixo. González Vázquez aproveitou asemade este foro para reiterar a tolerancia cero da Xunta cos incendios forestais. Así, logo de destacar que a grande eficiencia dos servizos de extinción impiden que dous de cada tres lumes non pasen de conatos,  tamén apelou a necesidade dunha maior colaboración de toda a sociedade a fin de deter aos posibles infractores.

 

Éxito de congreso

Logo das intervencións das autoridades, a profesora da EPS de Enxeñaría da USC Ana Isabel García Arias, como voceira do comité de organización local deste congreso da AEEA, destacou o éxito de participación desta reunión, así como a alta calidade das preto de 200 comunicacións científicas presentadas. A presidenta electa da Asociación Española de Economía Agraria, Margarita Brugarolas Molla-Bauza, tamén cualificou de sobresaínte o desenvolvemento do congreso celebrado en Lugo, ao tempo que adiantou unha nova edición que se desenvolverá en Cartaxena en 2021.

 

Unha vez rematada a sesión de clausura, na que tamén participou o tenente de alcalde do Concello de Lugo Álvaro Santos Ramos, e as demais sesións de traballo, os congresistas aproveitarán a tarde do venres, para, distribuídos en función das súas preferencias, coñecer de primeira man a viticultura heroica Ribeira Sacra, coñecer a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, visitar unha explotación agropecuaria en ecolóxico no concello de Láncara ou para percorrer espazos naturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño.


Outras imaxes


Congresitas e autoridades presentes no acto de clausura celebrado na EPS de Enxeñaría de Lugo