Saltar ao contido principal
Xornal

A USC dará esta fin de semana a benvida ao alumnado internacional no Welcome Day

O evento contará coa asistencia de máis de 300 estudantes procedentes de 40 países

Actualizada: 10-09-2019 13:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A xornada celebrarase este sábado 14

Coa celebración este sábado 14 do International Students Welcome Day, a USC dará a benvida ao alumnado internacional que vai cursar estudos na institución académica este curso 2019/20. A xornada, organizada polo Servizo de Relacións Exteriores, celebrarase entre as 12.30 e as 17.30 horas nos xardíns do Colexio de Fonseca.

O programa do evento contará con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá entre o novo alumnado, así como diferentes aspectos da cultura galega. Ao comezo da xornada terá lugar unha benvida institucional por parte de representantes da USC, Concello de Santiago e Xunta de Galicia. A continuación organizaranse actividades de tipo lúdico, como dinámicas de grupo para que os alumnos interactúen entre eles e unha mostra de música tradicional galega do Espazo de Danza da USC. A continuación servirase un xantar con diferentes produtos típicos da gastronomía galega.

Este curso académico a USC contará con máis de 1.000 estudantes internacionais procedentes de 40 países, que pertencen a diversos programas de mobilidade. Aínda que a mobilidade na universidade se segue asociando fundamentalmente ao programa Erasmus e ao ámbito territorial de Europa, a USC nos últimos dez anos ampliou dunha forma substantiva e significativa o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico, incluíndo actualmente programas con China, Xapón, múltiples países do ámbito latinoamericano, Líbano, Marrocos, Palestina, Exipto ou Afganistán, entre outros.

A USC ten actualmente 600 convenios de mobilidade asinados, o que implica posibilidades de mobilidade con practicamente todo o mundo, fundamentalmente con Iberoamérica, por motivos culturais, históricos, pero tamén con diferentes países do norte de África, Canadá, Australia, Estados Unidos ou Oriente Medio.