Saltar ao contido principal
Xornal

O CLM da USC comeza este xoves en Santiago e o luns en Lugo os test de nivel de idiomas a alumnado para o curso 2019-20

O período de matrícula permanece aberto na web do CLM da USC, onde tamén se pode consultar a oferta de cursos e idiomas programados durante o primeiro semestre

Actualizada: 10-09-2019 14:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz coa programación de cursos e idiomas do CLM da USC

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC comezará este xoves 12 de setembro a celebración de probas ou test de nivel de idiomas a aquelas persoas interesadas en estudar unha lingua da que xa posúan coñecementos previos, pero que non teñan o nivel asignado polo CLM nin pola EOI nos últimos dous anos. As datas habilitadas para a realización destas probas, cuxo calendario está accesible na web do CLM da USC, comezarán o luns 16 no campus de Lugo.

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberta a matrícula nos cursos de idiomas que impartirá ao longo do primeiro semestre do curso 2019-20, así como nos test de nivel. A oferta formativa do CLM inclúe cursos de alemán, francés, inglés, italiano, portugués, catalán, checo, xaponés, galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira no campus de Santiago. No campus de Lugo, o CLM da USC ofrece cursos de alemán, francés, inglés, galego para non galegofalantes e español como lingua estranxeira. A matrícula xa está aberta para todas as persoas que queiran continuar o estudo da lingua elixida ou comezar a aprendizaxe dunha nova, segundo a normativa recollida na convocatoria e publicada na web do CLM da USC.

Unha das novidades da nova programación de cursos do CLM da USC atinxe á posibilidade de que tamén os estudantes da USC que non teñan acreditado o nivel B1 en ningún idioma estranxeiro poidan solicitar o recoñecemento de créditos ECTS por cada 25 horas de curso. Ademais, segundo a normativa vixente, canto maior sexa o grao de coñecemento da lingua e cantos máis cursos realicen, máis créditos académicos poderán acadar ata un máximo de seis, segundo indicou a directora do CLM da USC, Katerina Vlasakova, quen destacou a “relación óptima entre o prezo e a calidade das clases, así como a  atención individualizada por parte do profesorado altamente cualificado”.

Probas de competencia lingüística segundo o MECR B1, B2
O CLM é tamén o centro examinador para a comunidade universitaria da USC das probas B1 e B2 de alemán, inglés francés, italiano e portugués en Santiago, e de alemán, inglés e francés, en Lugo, segundo as convocatorias dispoñibles na web do CLM.

Probas externas
O CLM da USC, en calidade de centro delegado de diferentes entidades de prestixio internacional (Goethe Institut, Instituto Cervantes, Japan Foundation, Università per Stranieri di Siena e British Council entre outros), organizará durante o curso 2019-2020 máis probas externas para acreditar os niveis segundo o MECR. Estas probas están abertas tamén a persoas á USC.

As persoas interesadas en obter máis información sobre os cursos, probas e outras actividades académicas do Centro de Linguas Modernas da USC programadas para o curso 2019-2020 poden consultar a  páxina web e o seu perfil de Facebook, onde se publican as novas e avisos importantes.