Saltar ao contido principal
Xornal

A Estación Científica do Courel aborda o patrimonio cultural local os días 27 e 28 de setembro no seminario ‘Castrexos e romanos’

O programa impulsado pola USC e estruturado en cinco relatorios ofrece 40 prazas. A matrícula é de balde no enderezo electrónico estacion.courel.inscricions@usc.es

Actualizada: 11-09-2019 09:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do seminario sobre patrimonio cultural courelá 'Castrexos e romanos'

O patrimonio cultural courelá, así como a súa importancia e posta en valor, serán obxecto de análise e debate no marco da segunda edición do seminario ‘Castrexos e romanos’, un foro promovido desde o campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá os días 27 e 28 de setembro na Estación Científica do Courel.

 

Este programa, que está estruturado en cinco relatorios repartidos ao longo de dúas xornadas de traballo, ofrece un total de 40 prazas. A inscrición é gratuíta para todas as persoas interesadas, que xa poden formalizar a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico estacion.courel.inscricions@usc.es. As persoas interesadas poden obter máis información e acceder ao formulario de matrícula en liña na web da Estación Científica do Courel

 

O profesor da Universidade de Coimbra Brais X. Currás e o investigador do CSIC Javier Sánchez-Palencia abrirán o 27 de setembro, ás 19.00 horas, a quenda de intervencións deste foro cunha exposición sobre a explotación do ouro na época romana na cunca media do Sil e o complexo mineiro do Courel no seu contexto.

 

O relatorio ‘A herdanza inmaterial de Roma na Gallaecia: a lingua’, a cargo do catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, dará continuidade ás sesión deste foro na mañá do sábado, na que están programadas outras dúas charlas, unha a cargo do profesor ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Felipe Arias Vila, que falará sobre a arqueoloxía do Courel, e outra do arqueólogo Luis López González, quen aproveitará a súa intervención para facer unha aproximación ao poboamento castrexo nas serras orientais galegas.

 

O tamén arqueólogo Iván Álvarez Merayo, membro do comité científico do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, pechará en quenda de tarde o programa deste seminario sobre patrimonio cultural courelá cunha visita guiada ao castro da Torre de Sobredo.