Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor emérito Xosé Antón Gómez Segade, II Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC

O acto de entrega terá lugar o luns 16 de setembro, ás 13.00 horas, no Paraninfo da Universidade

Actualizada: 13-09-2019 12:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo de Xosé Antón Gómez Segade

O xurado do II Premio Luís Porteiro Garea destinado a recoñecer a promoción e uso do galego da USC concedeu por unanimidade este galardón na que xa é a súa segunda edición, a Xosé Antón Gómez Segade, catedrático emérito de Dereito Mercantil. O acto de entrega terá lugar o luns 16 de setembro, ás 13.00 horas, no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia.

O xurado salientou na súa acta o compromiso do premiado “coa lingua na súa vocación de creador e, sobre todo, de transmisor do coñecemento do dereito, especialmente no eido da propiedade industrial, onde goza dun enorme prestixio e proxección internacional”.

Nesta segunda edición do premio, o xurado presidido polo reitor Antonio López, estivo integrado polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa; Rita Gradaílle Pernas, representante da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro; Ana María González Noya, representante das comisión de normalización lingüística do Campus de Santiago; Ana Isabel García Arias, representante das comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo; Xavier Varela Barreiro, profesor da Facultade de Filoloxía; Ana Isabel Boullón Agrelo, profesora da Facultade de Filoloxía; e Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística e secretario do xurado.

Traxectoria académica

Catedrático de Dereito Mercantil dende 1981 na USC, Gómez Segade despregou unha intensa actividade académica e de investigación, en particular en España, Portugal, Alemania e nos Estados Unidos. Resultado dese traballo foron, entre outros motivos, varios libros, máis de 130 artigos en revistas extranxeiras e nacionais, quince teses de doutoramento, participacións en cursos ou congresos. Foi decano da Facultade de Dereito, director do Instituto de Dereito Industrial e vicerreitor da USC, entre outros cargos.  Gómez Garea foi recoñecido co Premio Galicia de Investigación Montero Ríos concedido polo Goberno Autónomo Galego en 2002 pola súa traxectoria como profesor e investigador senior.