Saltar ao contido principal
Xornal

A USC fomenta o emprendemento feminino na India a través do proxecto Erasmus + Enprendia

A Facultade de Dereito acolleu os días 12 e 13 de setembro unhas xornadas nas que tomaron parte representantes de universidades indias

Actualizada: 13-09-2019 13:26
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Representantes das universidades indias que tomaron parte nas xornadas

A Rede Empresa e Administración, xunto co Grupo de Referencia Competitiva Empresa e Administración GI-1876 e o grupo GPC Valfinap GI-1866 veñen de organizar os días 12 e 13 de setembro, na Facultade de Dereito da USC, as xornadas ‘ENhancing female EntrePREneurship in iNDIA’, destinadas a fomentar o emprendemento feminino na India no marco do proxecto Erasmus + Enprendia. Co gallo das xornadas, a Facultade recibiu a visita de representadas das universidades indias que integran o proxecto.

O obxectivo de Enprendia é promover a cultura empresarial entre a poboación feminina nas institucións de educación superior da India, ao tempo que se promove a igualdade de xénero e a igualdade de oportunidades, tanto dentro da universidade como na sociedade civil e as súas comunidades. Este proxecto busca fomentar a participación das mulleres na sociedade, crear e compartir ideas de negocio e, ao mesmo tempo, apoiar as comunidades locais, e as empresas e as universidades mediante a participación da poboación feminina no desenvolvemento socioeconómico do país.

O vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, presidiu a inauguración das xornadas na que tamén tomou parte a profesora Sara Fernández López, titular de Economía Financieira e Contabilidade e responsable da actividade xunto coas profesoras Alicia Villalba e Andrea Garrido da Facultade de Dereito.