Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores da USC analizan de que xeito a sociedade española asume o cambio climático e as súas ameazas

O grupo en Pedagoxía Social e Educación Ambiental impulsa este estudo que pode servir para orientar as políticas públicas que faciliten a transición ecolóxica

Actualizada: 11-10-2019 14:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA-interea) colabora coa empresa Ideara no desenvolvemento dun proxecto para realizar un estudo demoscópico que permita coñecer con maior profundidade como está a ser asumido na sociedade española o cambio climático e a forma en que a humanidade pode afrontar as ameazas que comporta. O proxecto acaba de obter o respaldo da Fundación Biodiversidad a través dunha convocatoria de concorrencia competitiva para a realización de proxectos en materia de adaptación ao cambio climático.

 

Abordar como a cidadanía coñece e valora a problemática climática e como esta pode influenciar os comportamentos individuais e colectivos, resulta clave para orientar as políticas públicas orientadas a facilitar a transición ecolóxica na sociedade española. Este é o obxectivo principal do proxecto que, ademais, dá continuidade aos estudos similares realizados polo Grupo SEPA-interea nos anos 2009, 2011 e 2012, sobre a representación do cambio climático na sociedade española, financiados pola Fundación Mapfre.

 

Para a realización deste estudo deseñarase un cuestionario específico que se aplicará telefonicamente a unha mostra representativa do conxunto da poboación española de 16 e máis anos, incorporando a chamada Xeración Greta. O cuestionario explorará os coñecementos, as valoracións e os comportamentos da poboación con relación á crise climática, coa intención de analizar a súa evolución no tempo e de ofrecer un retrato do escenario social actual. Tamén se realizarán comparacións dos resultados obtidos con outras sociedades da contorna europea e latinoamericana. Con este traballo preténdese xerar unha secuencia de investigacións que permitan ter unha visión lonxitudinal de como vai evolucionando a percepción da sociedade española sobre a crise climática.