Saltar ao contido principal
Xornal

Talento da USC desde o Atlántico ata o Pacífico

A enxeñeira agrónoma titulada no campus Lugo María López de la Calle traballa en California nun proxecto de mellora da calidade de tomate para procesado industrial

Actualizada: 30-09-2019 14:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

María López de la Calle, na Universidade de California, en Davis

A pegada da USC é pouco menos que universal, tanto pola diversa procedencia do seu alumnado, como polo alcance das súas investigacións nun mundo cada vez máis globalizado e cuxas problemáticas requiren solucións transnacionais. A enxeñeira agrónoma formada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC María López de la Calle  é un exemplo máis de que a ciencia é unha actividade en rede que non entende de localismos. De feito, logo de completar a súa primeira etapa de formación universitaria no campus de Lugo, esta investigadora predoutoral natural da Estrada atópase agora na Universidade de California de Davis traballando nun proxecto relacionado coa mellora da calidade de tomate para o seu procesamento da industria alimentaria.

 

A estadía investigadora que está a completar María López de la Calle na Universidade de California grazas a unha bolsa do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, permitirá a esta egresada da EPS de Enxeñaría aprender novas técnica de análises de datos no laboratorio de investigación que dirixe a doutora Blanco Ulate.

 

López de la Calle, que prolongará ata finais de ano a súa estadía en California, confía en poder aplicar todos os coñecementos e habilidades analíticas adquiridas na Universidade de Davis á súa tese de doutoramento, un traballo de investigación que está a realizar no Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (Cebas), en Murcia, baixo a dirección dos doutores Vicente Martínez e Rosa María Rivero.

 

A tese de doutoramento na que traballa López de la Calle pescuda sobre como afectan ás plantas a combinación de distintos estreses abióticos, como por exemplo, os producidos polo cambio climático. A súa liña de investigación concrétase nas plantas de tomate, un dos cultivos de referencia da chamada horta murciana e dos de maior importancia económica a nivel mundial. López de la Calle salienta asemade a pertinencia deste tipo de estudos son moi acaídas ante o previsible empeoramento das condicións ambientais durante os próximos anos, uns efectos que poden ocasionar grandes perdas no sector agroalimentario, xusto nun período temporal no que se agarda un aumento da poboación.

 

A aventura americana de López de la Calle é un paso máis nunha traxectoria investigadora aínda curta, pero non por eso pouco intensa. De feito, logo de completar os estudos do grao en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria na EPSE da USC, un período no que gozou dunha bolsa ‘erasmus’ na Mendel University da República Checa e tamén tivo a oportunidade de iniciarse no mundo da investigación como alumna interna do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, da man das profesoras Elvira López Mosquera e Socorro Seoane, López de la Calle tamén superou con éxito o Máster en Enxeñaría Agronómica da USC, un programa que coordina  o catedrático Santiago Pereira Lorenzo.

 

A traxectoria académica desta investigadora nova está tamén aliñada de diversos premios que dan testemuño do seu bo rendemento académico, un “background moi sólido”, recoñece López de la Calle, que lle abriu as portas para ter unha primeira experiencia laboral na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC, o chanzo previo á obtención dunha bolsa FPU grazas á que está a realizar a súa tese de doutoramento na Universidade de Murcia, na que tamén colabora en tarefas docentes no departamento de Enxeñaría Química, nos graos de Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.