Saltar ao contido principal
Xornal

Recepción ao alumnado internacional do campus de Lugo

O reitor da USC, Antonio López, deu a benvida ao estudantado estranxeiro do campus de Lugo, un colectivo que representa este curso o 20% da nova matrícula

Actualizada: 04-10-2019 13:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Alumnado participante no Welcome Day posa xunto ao reitor Antonio López e a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel

O reitor da USC, Antonio López, ofreceu no auditorio da Casa do Saber unha recepción institucional ao alumnado internacional que formalizou este curso a súa matrícula en algún dos títulos de grao ou posgrao impartidos na sede universitaria luguesa. Este campus está a mellorar progresivamente o seu grao de internacionalización, tal e como o proban as estatísticas de matrícula, nas que o alumnado procedente de fóra de España representa preto do 20% do total de novos estudantes rexistrados no campus de Lugo.

 

A USC formalizou xa este curso a matrícula de máis dun centenar de estudantes internacionais procedentes de máis de 15 de países de Europa (Portugal, Italia, Francia e Romanía), América (México, Brasil, Chile, Perú e Uruguai), África (Alxeria, Tunisia) e Asia (Xordania, Palestina, Xeorxia, Armenia e China) nos diferentes títulos de grao e posgrao implantados nos centros universitarios do campus de Lugo. Esta primeira quenda de estudantes internacionais, cuxa cifra podería chegar a duplicarse ao longo do segundo semestre cando se resolvan as convocatorias aínda abertas dos programas de mobilidade, proban a cada vez maior dimensión internacional do campus de Lugo, unha proxección tamén avalada polo impacto do seu labor científico.

 

A maioría do estudantado internacional chegado ao campus de Lugo da USC procede de países iberoamericanos, aínda que tamén hai unha crecente presenza de investigadores en formación procedentes de países afroasiáticos que están a cursar diversos programas de posgrao e doutoramento nesta sede da USC. A diferenza, o fluxo de alumnos ‘erasmus’ chegados este curso a Lugo redúcese a menos dunha ducia.  A estas estatísticas provisorias de alumnado foráneo, cómpre sumar tamén outro grupo de estudantes de intercambio procedentes de universidades españolas que elixiron o campus lugués para realizar este curso académico.

 

Os convenios bilaterais que mantén a USC con universidades de todo o mundo constitúen a principal canle deste fluxo de alumnado estranxeiro. Outro grupo importante de estudantes internacionais recala nesta sede da USC a través de programas de mobilidade estudantil transnacional como o Erasmus+ International Credit Mobility KA107.

 

Xornada de acollida

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o adxunto á citada Vicerreitoría da USC para Internacional, Cultura, Estudantes e Servizos, Jesús Varela Zapata, acompañaron ao reitor Antonio López nesta xornada de benvida ao alumnado estranxeiro, unha sesión que congregou preto de 50 estudantes

 

O ‘Welcome Day 2019’ serviu asemade de marco acaído para que a responsable da Oficina de Relacións Exteriores no campus de Lugo, Bárbara Rovira; a responsable da Oficina de Voluntariado, Fátima Teixeiro, o coordinador do Centro de Linguas Modernas da USC na sede universitaria luguesa, Manuel Fernández Méndez, así como o xestor de Internacionalización do Campus Terra, Pedro Fiz Rocha Correa, informaron da oferta de servizos e actividades da USC neste campus.

 

Unha vez rematada a quenda de intervencións, o programa desta xornada de benvida rematou cunha visita guiada polo chamado ‘Lugo monumental’ a cargo de Guido Álvarez, un itinerario turístico e cultural a través do que os visitantes estranxeiros tiveron a oportunidade de visitar algunhas das partes da trama urbana menos coñecida de Lugo.