Saltar ao contido principal
Xornal

Últimos días para inscribirse nos módulos de habilidades comunicativas do Servizo de Normalización Lingüística

Estas actividades formativas que chegan xa á súa segunda edición constan dunha duración de 25 horas

Actualizada: 04-10-2019 13:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A cada un dos módulos recoñéceselles 1 ECTS para todas as titulacións da USC. Imaxe de arquivo

A USC a través do seu Servizo de Normalización Lingüística mantén aberto o prazo de inscrición en dous dos módulos da segunda edición do seu curso de habilidades comunicativas. Esta actividade formativa atópase integrada por diferentes módulos que poden cursarse integramente ou por separado, constando de 25 horas cada un.

 

O curso estará dispoñible en versión presencial no campus de Santiago durante o primeiro cuadrimestre do presente curso. No segundo cuadrimestre, levarase a cabo unha edición virtual para estudantes dos campus de Santiago e de Lugo. A cada un dos módulos recoñéceselles 1 ECTS para todas as titulacións da USC.

 

A defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, ou a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa, son algunhas das cuestión abordadas no módulo do curso cuxo prazo de inscrición remata o 11 de outubro. O estudantado da USC, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén debe ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. Neste sentido, o SNL entende que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral.

 

Outro dos módulos está centrado nas presentacións dixitais eficientes. Con esta actividade preténdese que nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde se atopan as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. O prazo para inscribirse neste módulo remata o 31 de outubro.

 

Nesta ligazón pode obterse máis información sobre o proceso de inscrición nos módulos que integran o curso.