Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue mobilizan a comunidade educativa a través do ‘Reto 5000’

Esta campaña especial de sensibilización a prol da doazón de sangue achegarase aos campus de Lugo e Santiago o martes 8 de outubro

Actualizada: 07-10-2019 14:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mar Lorenzo, xunto coa responsable de Comunicación de ADOS, destacou o compromiso da USC co Reto que se desenvolverá este martes

A USC e a  Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convidaron este luns á participación de todos os membros da comunidade universitaria para que tomen parte activamente no ‘ Reto 5000’, promovido desde a Rede Española de Universidade Saudables (REUS). Este reto ten o obxectivo de acadar, ao longo do martes 8 de outubro, un total de 5.000 doazóns de sangue entre todos os centros universitarios de España que se sumen a esta iniciativa.

 

A  vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, xunto coa responsable de Comunicación de ADOS, destacou, no transcurso do acto de presentación desta iniciativa, que tivo lugar no Colexio de San Xerome, o compromiso da USC co Reto que se desenvolverá este martes e, en xeral, coas campañas de ADOS pola súa dimensión social e solidaria, ao tratase dun acto de xenerosidade imprescindible ao que a comunidade universitaria nunca deixa de acudir.

 

Dobre obxectivo

Esta campaña especial, na que toman parte activa as tres universidades galegas, ten un dobre obxectivo xa que, por unha banda, promove e sensibiliza a prol do solidario xesto da doazón e, por outra, supón o inicio de campaña de doazón de sangue por parte de ADOS nas universidades galegas, para o que a Axencia tamén ten o seu propio Reto 5000: superar as 5.000 doazóns de sangue ao longo do presente curso académico 2019-2020 en toda Galicia.

 

As unidades móbiles de ADOS estarán este martes 8 de outubro, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, fronte ao edificio administrativo, entre as 09:30 e as 14:30 horas, e das 15:30 ás 21:00 horas. Nos Campus de Santiago, as unidades situaranse nas facultades de Enfermaría e Ciencias da Educación, diante da entrada principal, entre as 10:00 e as 14:30 horas, e das 15:30 ás 21:00 horas.

 

Traxectoria de colaboración

O compromiso da USC con ADOS principiou no ano 1993, coa posta en marcha das primeiras campañas de doazón de sangue e que teñen situado á Universidade como a de maior participación de Galicia, recollendo, no transcurso destes máis de 25 anos, máis de 81.000 doazóns de sangue entre os centros docentes dos Campus de Lugo e Santiago. Nese mesmo sentido, manifestouse Lorenzo Moledo, salientando a sempre excelente resposta coa que cada ano a comunidade universitaria deixa constancia do seu compromiso. A vicerreitora chamou a atención tamén sobre a importancia que teñen as aulas universitarias para ser capaces de formar especialistas e persoal cualificado, pero tamén cidadáns comprometidos e comprometidas coa sociedade.

 

Pola súa parte, ADOS puxo en valor a colaboración brindada polas tres universidades galegas nesta primeira fase da campaña de doazón de sangue que se prolongará ata o vindeiro mes de decembro, así como unha segunda fase que comprende os meses de marzo e maio do 2020. O obxectivo da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue para a este curso 2019-2020, pasa por superar as 4.601 doazóns rexistradas no pasado ano académico, das cales 1.684 correspóndense con persoas que doaron nos Campus de Lugo e Santiago, sendo a Universidade galega con maior participación.

 

Desde ADOS, lembrouse a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido educativo, tanto en centros de educación non universitaria como universitaria xa que, para moitos xoves, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue. Ademais, agradeceuse a colaboración brindada polos reitores das tres universidades para levar a cabo tanto a campaña de doazón como o ‘Reto 5000’, ao tempo que fixo un chamamento a todos os membros da comunidade universitaria para que se acheguen a participar activamente nesta solidaria iniciativa.