Saltar ao contido principal
Xornal

‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’, unha homenaxe á vida e obra do compositor galego da man de Afundación e a USC

Inaugurarase o xoves 10 de outubro cunha visita guiada a partir das 18.30 h na Sede Afundación da Coruña

Actualizada: 08-10-2019 13:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Javier Garbayo, xunto a Montserrat Capelán e Paloma Vela. Foto: Abanca

A USC e Afundación, Obra Social de Abanca, organizar o proxecto expositivo ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’, un percorrido pola vida e a obra do recoñecido compositor galego Andrés Gaos neste ano 2019, denominado ‘Ano Gaos’ no que se cumpren 60 anos do seu falecemento. Os comisarios e profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Montserrat Capelán e Javier Garbayo, e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, presentaron este martes en rolda de prensa os detalles da mostra.

A inauguración oficial celebrarase o vindeiro xoves 10 de outubro ás 18.30 h, pero este mesmo martes 8 xa darán comezo as actividades organizadas no marco desta mostra co concerto ‘O violín restaurado de Andrés Gaos’, a cargo do pianista Julio Mourenza e do violinista Florian Vlashi, quen realizará a súa interpretación cun violín de finais do século XVIII utilizado polo propio Gaos no seu momento, despois de anos de desuso e tras pasar por un coidado proceso de restauración. O concerto deste martes comezará ás 20.00 horas no Auditorio da Sede Afundación da Coruña.

A exposición
A exposición poderase visitar ata o vindeiro 14 de decembro na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 horas e os sábados e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Afundación tamén organizou unha programación de visitas guiadas, concretamente o 17 de outubro cos dous comisarios da mostra; o 14 de novembro con Javier Garbayo; e o 12 de decembro cos dous comisarios de novo. Todas elas serán ás 19.00 horas e con entrada gratuíta, previa inscrición no 981 185 060, no correo areaeducativacoruna@afundacion.org ou na recepción da sede.

A mostra está conformada polo legado do compositor conservado no Fondo Gaos, recentemente doado polo  seu fillo á Universidade de Santiago de Compostela. Está estruturada en seccións temáticas que amosan as súas relacións familiares, a súa época, a súa faceta como intérprete, compositor e director ou a súa relación con Arxentina e con Galicia. Tamén se expoñen os violíns que se conservan de Gaos, dous deles procedentes do fondo da USC, un dos cales foi restaurado recentemente, e outros dous cedidos polo Concello da Coruña. Xunto a eles pódese gozar de documentación como programas, cartas, fotografías, críticas, partituras e demais documentación persoal.

Andrés Gaos Berea
Andrés Gaos Berea nace en 1874 na Coruña no seo dunha importante familia de músicos. Comeza os seus estudos de violín moi novo, e con 9 anos ofrece os seus primeiros concertos, recibidos con grande éxito por parte da crítica. Continúa a súa formación con Jesús de Monasterio en Madrid e con Eugène Isaÿe en Bruxelas grazas a unha bolsa concedida pola Deputación da Coruña. Unha vez finalizados os seus estudos, realiza diferentes xiras por todo o mundo, actividade que continuará ao longo da súa vida. En 1895 recala en Arxentina, país no que fixa a súa residencia permanente ata o seu falecemento, tras unha pequena estancia en Uruguai e algún período posterior en Francia.

Na súa faceta de intérprete, Gaos é sobre todo coñecido como violinista, aínda que tamén contaba cun gran dominio do piano. En canto ao seu traballo como compositor, a súa obra suma máis de 70 títulos incluíndo repertorio escénico, orquestral, pianístico, para violín, para violoncello, e para voz e piano. Sempre tivo moi presente a Galicia, tal e como mostra a súa última composición, Rosa de abril, na que rememora a súa terra natal, a pesar de que había xa máis de sesenta anos que marchara.

Ao longo da súa vida tamén desenvolveu unha importante actividade pedagóxica, fundamentalmente como profesor de violín. Fundou dous conservatorios en Arxentina, un en 1904 e outro en 1923, e impartiu leccións musicais en Bos aires no Conservatorio Nacional Arxentino de Alberto Williams e no Conservatorio Pallaertz, así como no Conservatorio La Lira de Uruguai xunto a América Montenegro, a súa primeira esposa.

Tamén dirixiu varias orquestras, desenvolvendo así a súa faceta como director. A primeira a da Sociedade de Concertos da cidade de Vigo con apenas 17 anos. Tras a súa chegada a Arxentina, dirixirá habitualmente as orquestras dos Conservatorios nos que era profesor. En París dirixirá a orquestra da Asociación de Concertos de Lamoureux.


Outras imaxes


A mostra poderase visitar dende o vindeiro xoves na Coruña. Foto. Abanca

O público poderá coñecer parte do legado do compositor conservado no Fondo Gaos, recentemente doado á USC. Foto: Abanca