Saltar ao contido principal
Xornal

USC e Instituto da Muller entregan os Premios Innovatia 8.3 para fomentar o espírito empresarial feminino

O reitor Antonio López participou na entrega de premios aos mellores proxectos empresariais creados co apoio das universidades españolas e liderados por mulleres

Actualizada: 09-10-2019 08:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto de familia dos premiados

O II Concurso Innovatia 8.3 cofinanciado polo Fondo Social Europeo e organizado conxuntamente pola USC e o Instituto da muller, recoñeceu este martes os mellores proxectos empresariais creados co apoio das universidades españolas e liderados por mulleres. No acto de entrega, tomou parte o reitor Antonio López, xunto a Rocío Rodríguez, directora do Instituto da Muller; Soledad Murillo, secretaria de Estado de Igualdade; e Eva Alcón, delegada do presidente de Crue Universidades Españolas.

 

Do mesmo xeito que na I Edición, esta convocatoria, á que concorreron corenta e tres candidaturas, contemplou dúas modalidades de premios: a de proxecto empresarial de Base Tecnolóxica, dotada con 10.000 euros e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector; e a de proxecto empresarial Startup, premiada con 7.000 euros e, igualmente, asesoramento personalizado durante tres meses por unha profesional referente no sector.

 

‘Bounsel’, plataforma intelixente de xestión integral de contratos da Universidade de Valencia, venceu na categoría Proxecto Empresarial Startup, onde resultaron finalistas un proxecto das universidades Carlos III e outro da Rey Juan Carlos de Madrid. O obxectivo xeral do proxecto gañador é o deseño e desenvolvemento dunha nova solución de software baseada en intelixencia artificial e analítica de datos para a xestión intelixente e integral de contratos por parte das empresas, ofrecendo funcionalidades que axuden a optimizar e automatizar todas as tarefas asociadas dun proceso que na actualidade realízase de maneira manual.

 

Pola súa parte, '3D Surgical Technologies S.L.' da Universidade Miguel Hernández de Elche gañou a modalidade de Proxecto Empresarial de Base Tecnolóxica. 3D Surgical Technologies está especializada no desenvolvemento e fabricación de prótese con posibilidade de personalización para o seu uso en cirurxía, anatómicas, lixeiras e de deseño adaptado a cada necesidade específica. Traballan para mellorar a calidade de vida das mulleres sometidas a cirurxía xinecolóxica, mediante produtos especialmente deseñados para optimizar os resultados das intervencións, evitar complicacións, acurtar a recuperación e aumentar o confort da paciente. Nesta categoría, foron tamén finalistas iniciativas das universidades Miguel Hernández de Elche e da Universidade de Barcelona.


Outras imaxes


O reitor Antonio López no acto de entrega do premio