Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor David Araújo-Vilar, elixido presidente do Consorcio Europeo de Lipodistrofias

Actualizada: 09-10-2019 11:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe recente de David Araújo-Vilar

O profesor David Araújo-Vilar acaba de ser elixido presidente do Consorcio Europeo de Lipodistrofias (polas súas siglas en inglés ECLip), rede de excelencia de investigación clínica e básica en lipodistrofias infrecuentes que agrupa máis de corenta grupos de 20 países tanto de Europa como de Estados Unidos, Exipto e Emiratos Árabes Unidos. A súa designación produciuse no marco da asemblea xeral de ECLip celebrada recentemente en Burgos e na que se abordou a renovación da xunta directiva do consorcio ademais de celebrar o seu cuarto encontro.

David Araújo-Vilar
David Araújo-Vilar é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 1985, na que se doutora cinco anos máis tarde. Posteriormente realiza  estudos posdoutorais na Universidade de Oxford, no Radcliffe Infirmary (1989-1991). De 1992 a 1996 inicia a súa carreira docente no Departamento de Medicina da USC e dende 1998 é profesor titular de Medicina, con praza vinculada ao CHUS dende 2006 como especialista en Endocrinoloxía e Nutrición.

En 2003 Araújo-Vilar creou xunto co profesor Lado-Abeal a Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas (UETeM), que actualmente dirixe no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), coa intención de profundar na investigación das lipodistrofias infrecuentes e outras síndromes de resistencia grave á insulina, tanto nos seus aspectos clínicos como nas súas bases moleculares. Froito destes estudos foi o descubrimento dunha nova síndrome neurodexenerativa asociada á lipodistrofia, a Encefalopatía de Celia ou PELD. Máis recentemente o seu equipo ten desenvolvido unha aplicación para móbiles, LipoDDX, para identificación das síndromes lipodistróficas. A día de hoxe, a súa liña de investigación máis salientable é a xeración dun rato transxénico que recapitula a Encefalpatía de Celia.

É autor de máis de 50 traballos científicos, a maioría no eido das lipodistrofias. Ademais é presidente-fundador da Asociación Española de Lipodistrofias e membro do Comité de Expertos da Federación Española de Enfermidades Raras. En 2014 foi un dos fundadores do European Consortium of Lipodystrophies (ECLip) en Bolonia. No eido asociativo, enfocado á axuda das necesidades dos doentes, é membro da Xunta Directiva da Asociación de Familiares e Afectados de Lipodistrofias (AELIP).