Saltar ao contido principal
Xornal

Filoloxía aborda a figura de Quevedo no seu contexto europeo

O III congreso internacional terá lugar os días 24 e 25 de outubro baixo a coordinación da profesora da USC María José Alonso Veloso

Actualizada: 10-10-2019 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do congreso

O III Congreso internacional Quevedo no seu contexto europeo celebrarase os vindeiros 24 e 25 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC, baixo a dirección da profesora María José Alonso Veloso e impulsado polo grupo de investigación Francisco de Quevedo.

 

Investigadores das universidades de Xaén, Murcia, Valladolid, Salamanca e Complutense, así como de centros internacionais como as universidades de Orleans, Carolina do Norte, El Colegio de México, Ca' Foscari de Venecia ou Norges Arktiske de Noruega, daranse cita para abordar a figura do autor dende distintas ópticas.

 

A sesión do 24 de outubro abrirase cun grupo de relatorios sobre conceptismo e humanismo para, a continuación, afondar nos perfiles de Quevedo a través das súas cartas, así como na corte vista polo propio escritor e os seus contemporáneos. Xa en quenda de tarde, o congreso analiza ‘Los sueños’ de Quevedo, nunha primeira parte, para de seguido, abordar pautas para favorecer a difusión científica da investigación filolóxica.

 

Na derradeira sesión do congreso, novas investigacións en torno ao autor, así como a obra ‘El Buscón’, centrarán as intervencións da mañá. O foro culminará abordando a figura de Quevedo como poeta.

 

Este encontro científico supón a definitiva consolidación dunha iniciativa que comezou en 2016, co obxectivo de dar a coñecer, desde distintos enfoques e con carácter multidisciplinar, os heteroxéneos vínculos de Quevedo co seu contexto, o máis inmediato e tamén o europeo.

 

O encontro científico reunirá a un centenar de asistentes, entre os cales se contan alumnos do grao, en particular de Lingua e Literatura españolas da USC, pero tamén doutras titulacións filolóxicas, así como estudantes de terceiro ciclo. O programa de doutoramento en Estudos da Literatura e a Cultura recoñeceu o congreso como actividade formativa para os seus doutorandos. A inscrición pode formalizarse a través do enderezo electrónico mariajose.alonso@usc.es