Saltar ao contido principal
Xornal

A Casa do Saber acolle do 21 ao 26 de outubro a proxección de dous dos ciclos programados na 41 Semana de Cine de Lugo

Montserrat Valcárcel salienta a aposta da USC pola actividade cinematográfica no acto de presentación do certame organizado polo Grupo Fonmiñá

Actualizada: 15-10-2019 14:59
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Montserrat Valcárcel, no centro, na presentación da 41 Semana de Cine de Lugo

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, participou este martes na presentación da 41 Semana de Cine de Lugo, un festival de cine promovido polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá en colaboración coa USC, Concello de Lugo, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, que se desenvolverá do 21 ao 26 de outubro e no marco do que se proxectarán no auditorio da Casa do Saber as producións cinematográficas agromadas nos ciclos ‘As curtas tamén son cine’ e ‘Cine galego’.

 

Valcárcel salientou neste acto a aposta da USC polo cine e a produción cinematográfica, xa a través do seu Espazo de Cine, do que son profesores Pepe Coira e Andrés Goteira, ou do certame audiovisual Findecurta, cuxos gañadores teñen a oportunidade de presentar o seus traballos e competir na sección oficial da Semana de Cine de Lugo.

 

O director do grupo cinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz; o director da Semana de Cine de Lugo, Manuel Curiel; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo e deputada provincial, Maite Ferreiro; a xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, acompañaron a Valcárcel na presentación da 41 Semana de Cine de Lugo, que terá no auditorio da Casa do Saber un dos seus escenarios ao longo da próxima semana.

 

Daquela, a Casa do Saber acubillará do 21 ao 26 de outubro, unha dobre sesión cinematográfica cada día. Así, este espazo universitario acollerá de luns a sábado, ás 18.00 horas, a proxección dos 38 traballos audiovisuais encadrados no ciclo ‘As curtas tamén son cine’. Asemade, as 23 curtas incluídas este ano no ciclo ‘Cine Galego’ proxectaranse a partir das 20.00 horas.