Saltar ao contido principal
Xornal

Resoltos os XV Premios á calidade lingüística aos TFG e TFM

Os galardóns impulsados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC buscan fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego

Actualizada: 08-11-2019 12:20
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do certame

A USC acaba de resolver os XV Premios á calidade lingüística nos Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) que buscan fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Dende o Servizo de Normalización Lingüística destacan o gran número de candidaturas presentadas, 72 TFG e 64 TFM, fronte aos 68 TFG e 35 TFM que concorreron á convocatoria do ano pasado.

 

Estes premios incentivan nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, ou a coherencia, e facelo na nosa lingua. Os galardóns serán entregados oficialmente nun acto institucional a principios do vindeiro ano.

 

Gañadores

Resultaron gañadores dos cinco premios para os TFG ou Proxectos Fin de Carreira (PFC), dotados con 300 euros e diploma, o traballo da área de Enxeñarías, Ferramenta de control transparente dos accesos a ficheiros de programas Linux mediante a virtualización parcial do sistema de ficheiros, de Jaime Mosquera Rivas, pertencente ao grao en Enxeñaría Informática. O TFG está dirixido polo profesor Francisco Fernández Rivera.

 

En Ciencias Sociais e Xurídicas, foron recoñecidos ex-aequo, os traballos A concepción da AICLE nas sección bilingües e os programas plurilingües dos centros privados e concertados de Lugo, de Begoña Varela Argerey, estudante do grao de Mestre de Educación Primaria e dirixido por Paula López Rúa; así como, Monte Louro: Interpretación crítica dunha área protexida costeira de Galicia en chave paisaxística, de Rubén Boga González, estudante do grao de Xeografía e Ordenación do Territorio. Este TFG foi dirixido por Valeriá Paül Carril.

 

Tamén ex-aequo, na área de Ciencias foron premiados os traballos Análise e simulación das néboas orográficas da Mariña Lucense, de Adrián Naray Ares, estudante do grao de Física e dirixido por Gonzalo Míguez Macho; Problemas de rutas de vehículos e algoritmos de aforro: o algoritmo de Clarke and Wright, de Elena Blanco González, estudante do grao de Matemáticas e dirixido por Balbina Virginia Casas Méndez e David Rodríguez Penas; e A álxebra exterior das formas diferenciais, de Tomás Otero Casal, estudante do grao de Matemáticas. Este TFG foi dirixido por José Antonio Oubiña Galiñanes.

 

Sistemas lipídicos nanoestruturados como portadores de antimicobacterianos para o tratamento da enfermidade de Crohn, de Santiago Rama Molinos, estudante do grao en Farmacia e titorizado por Mariana Landín Pérez, foi premiado no eido de Ciencias da Saúde.

 

Daniel Amarelo Montero co traballo Linguaxe e (homo)sexualidade: construción identitaria no discurso gay galego, dirixido por Elisa Fernández Rei; e Enrique Manuel Neira Pereira co traballo A difusión dos números indoarábigos en Galicia, titorizado por Carlos Baliñas Pérez, foron recoñecidos na área de Arte e Humanidades.

 

Dotados con 500 euros e diploma foron premiados os TFM Parque Natural Fragas do Eume: Acordos e desacordos ó redor dun espazo natural protexido, de Hugo Fernández Franco, do Mestrado de Enxeñaría de Montes, e titorizado por Ana Cabana Iglesia (área de Enxeñaría); e O control administrativo da actividade urbanística, de Julián García Esmorís, e dirixido por Xosé Antón Sarmiento Méndez e Paulo López Porto (Ciencias Sociais e Xurídicas).

 

No eido de Ciencias, foron premiados ex-aequo os TFM O problema de empaquetamento, de Diego Frade Amil, do Mestrado en Técnicas Estatísticas, e dirixido por María Luísa Carpente Rodríguez; así como O método das rexións solución aplicado a sistemas con condicións non lineares, de Marcos Tella Álvarez, do Mestrado en Matemáticas, e dirixido por Fernando Adrián Fernández Tojo.

 
En Ciencias da Saúde, foi recoñecido o traballo Estudo de novas actividades senolíticas, de Fernando Castro Prado, do Mestrado en Xenómica e Xenética, e dirixido por Eduardo San Miguel Salán; así como Desenvolvemento de técnicas para o estudo das quinases MST, de Sara Vázquez Mera, do Mestrado en Investigación Biomédica, e dirixido por  Celia María Pombo Ramos.
  
Finalmente, Unha interpretación de Beade (Ourense). Vestixios do esplendor vitivinícola, de Lucas Sánchez Taboada, do Mestrado en Xestión do Patrimonio Histórico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte, e dirixido por David Chao Castro; así como A muda lingüística na xuventude: momentos e factores, de Lidia Gómez Martínez, do Mestrado en Lingüística Aplicada, e dirixido por Xosé Luís Regueira Fernández, foron os TFM galardoados no eido de Artes e Humanidades.