Saltar ao contido principal
Xornal

Formación do Profesorado favorece a atención á diversidade

Formación Profesorado entrega ao Ceip Illa Verde de Lugo material sensorial acaído para o alumnado con necesidades educativas específicas no marco dun proxecto ApS

Actualizada: 04-11-2019 13:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Fiuza Asorey, con alumnas de Formación do Profesorado que participan na elaboración de material sensorial para usos educativos

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC traballa desde hai xa catro anos nun proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) co Ceip Illa Verde da capital luguesa, unha iniciativa a prol da atención á diversidade, a través da que os seus promotores pretenden emprender e desenvolver experiencias de aprendizaxe, nas que o alumnado universitario destaca pola súa participación activa, ao tempo que o alumnado receptor tamén acada servizos beneficiosos desta relación.

 

Os resultados da cuarta edición deste proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS), un programa que coordina a profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC María Fiuza Asorey, consistiron na elaboración de materiais sensoriais acaídos para favorecer a aprendizaxe do alumnado con necesidades educativas especiais matriculados no citado centro educativo lugués.

 

Este material educativo, previamente solicitado desde o Ceip Illa verde e cuxa realización estivo supervisada por unha docente de Pedagoxía Terapéutica, así como por unha mestra de educación infantil e outra de sexto curso de educación primaria, permanece desde hoxe a disposición do centro educativo lugués, segundo indicou a profesora Fiuza Asorey, quen subliñou que este tipo de accións proban que a Universidade mantén abertas as súas portas e desenvolve un traballo comprometido coa sociedade á que pertence.

 

Fiuza Asorey destaca asemade que este tipo de proxectos de aprendizaxe e servizo (ApS) posibilitan a integración do servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos, habilidades e valores, constituíndose así unha alianza de éxito, na que todas as partes implicadas realizan achegas e reciben beneficios a un mesmo tempo.


Outras imaxes