Saltar ao contido principal
Xornal

O simposio do ILG 2019 desenvolverase co lema ‘Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional’

Actualizada: 04-11-2019 14:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do simposio

Desde o ano 2001, o Instituto da Lingua Galega (ILG) organiza cada outono un simposio dedicado a un tema específico, escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación continua dos titulados universitarios. O Simposio ILG 2019 ‘Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional’ busca amosar algúns dos resultados obtidos durante o desenvolvemento do proxecto ‘ Patrimonio léxico da Gallaecia’, integrado no macroproxecto europeo GEOARPAD, que ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Con este marco de fondo, o encontro organízase en tres xornadas, que terán lugar dende este martes 5 ao xoves 7 de novembro na Facultade de Filoloxía da USC, con cadanseu foco temático. A inauguración celebrarase este martes a partir das 17.30 horas.

A finalidade da primeira xornada é facilitar principios metodolóxicos básicos, dende o punto de vista da antropoloxía cultural e da dialectoloxía, para unha recolleita adecuada do patrimonio inmaterial. Na segunda xornada preténdese mostrar o valor dos datos lingüísticos e presentar unha nova ferramenta para o estudo da variación dialectal, poñendo o foco no léxico da eurorrexión. Finalmente, a terceira xornada estará dedicada á presentación de proxectos vinculados coa recolleita de léxico e concibidos para o ámbito do ensino non universitario.

Como cada ano, o Simposio ILG 2019 está organizado polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega. Nesta anualidade, ademais, forma parte da oferta formativa do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso académico 2019/2020.