Saltar ao contido principal
Xornal

Unha investigación da USC sobre a xestión de áreas litorais, premio da Asociación Española de Xeografía

O traballo realizado polo doutorando Daniel Cajade centrado no illote Areoso acaba de ser recoñecido co VI Premio ‘Jesús García Fernández’ a investigadores novos

Actualizada: 05-11-2019 11:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Daniel Cajade na súa intervención logo de recoller o premio

O doutorando Daniel Cajade Pascual, da área de Xeografía Física da USC, acadou o VI Premio ‘ Jesús García Fernández’ dirixido a investigadores novos e concedido pola Asociación Española de Xeografía. O traballo premiado é ‘La gestión de áreas litorales: el caso del islote Areoso’, no que se aborda a problemática da xestión deste pequeno enclave do litoral galego.

 

O xurado tivo en conta na súa valoración a “orixinalidade e transversalidade da investigación, os métodos aplicados e a relevancia dos resultados obtidos”. Este premio recoñece a relevancia das investigacións levadas a cabo por un equipo de traballo da área de Xeografía Física da USC, liderado polos profesores Ramón Blanco Chao e Manuela Costa Casais, e do que Daniel Cajade Pascual forma parte. Todos eles atópanse integrados no Grupo de Investigación RODA. Cajade recolleu o galardón no marco do XXVI Congreso da Asociación Española de Xeografía, celebrado en Valencia.

 

Un novo modelo de xestión

Areoso é un pequeno illote situado na parte central da Ría de Arousa que se caracteriza por unhas condicións naturais especiais en sintonía cunha  morfodinámica singular. Atesoura un variado patrimonio natural e cultural, que destaca pola presenza de importantes elementos arqueolóxicos. Trátase, de feito, dun lugar estreitamente vinculado á comunidade arousá, ao erixirse nun dos bancos marisqueiros máis relevantes da ría e configurarse como un espazo de uso lúdico desde os anos 70.

 

Na actualidade, presenta unha elevada vulnerabilidade, derivada da dinámica  erosiva e a presión turística. No estudo premiado analízanse aspectos naturais, socioeconómicos e culturais que afectan o illote, para propoñer un modelo de xestión, que contempla medidas que propicien a súa conservación: zonificación en tres tipoloxías de uso e cálculo da capacidade de carga para regular o acceso de visitantes.