Saltar ao contido principal
Xornal

Vodas de prata do Maratón Fotográfico do Campus

O certame promovido ao abeiro do Convenio Lugo Cultural celebra o 17 de novembro a súa vixésima quinta edición. A inscrición é gratuíta e permanece aberta

Actualizada: 06-11-2019 15:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Tarexia Ferreiro, Varela Zapata e Eduardo Ochoa

O Maratón Fotográfico do Campus, un certame artístico promovido pola Área de Cultura da USC en colaboración co grupo fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, celebra o vindeiro 17 de novembro as súas vodas de prata cunha edición  repleta de novidades.

 

A nova edición deste certame, presentado este mércores na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo nun acto no que participaron o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, e o coordinador deste do Maratón Fotográfico do Campus, Eduardo Ochoa, inclué tres premios con dotación económica e a través dos que se pretende tributar unha homenaxe a dous dos seus máximos valedores, como o son Carlos Valcárcel e Eduardo Ochoa.

 

O premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros, trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía presentada ao certame, mentres que o premio Eduardo Ochoa será para o autor da mellor fotografía do tema proposto pola organización. Este galardón está dotado con 300 euros, trofeo e diploma. O terceiro premio, que recaerá na mellor fotografía de tema libre, inclúe unha gratificación de 250 euros, trofeo e diploma.

 

As persoas interesadas en participar neste certame, que se desenvolverá desde as 9.30 horas do domingo 17 de novembro ata as 10.30 horas do día seguinte, poden formalizar a súa inscrición de balde na oficina da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es ou no formulario en liña habilitado na web de Lugo Cultural. O prazo de inscrición remata o 15 de novembro ás 14.00 horas.

 

Alén dos premios, as 12 mellores fotografías seleccionadas polo xurado deste certame servirán para ilustrar un calendario no que se informará das actividades programadas ao abeiro do convenio Lugo  Cultural durante o ano 2020. Asemade, as 20 mellores imaxes formarán parte dunha exposición que se poderá visitar na Biblioteca Provincial desde o 9 de decembro ao 12 de xaneiro.