Saltar ao contido principal
Xornal

O programa Argos de conformación de equipos de emprendedores amplía o seu prazo de inscrición ata o 15 de novembro

Actualizada: 07-11-2019 11:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da convocatoria 2019 de Argos

A presentación de propostas ao programa Argos da USC poderá realizarse ata o próximo día 15, logo da ampliación do prazo de inscrición. Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves desta convocatoria, cuxo obxectivo é conformar equipos interdisciplinares de persoas emprendedoras e ás que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. Argos diríxese a alumnado de últimos anos de grao, posgrao, máster, doutoramento ou titulados/as das últimas promocións, así como persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación dos campus de Santiago e Lugo.

A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible en http://www.uninova.org/ ou en http://www.usc.es/avte/emprendemento.html, que deberá remitirse por correo electrónico a argos@usc.es. As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 ou 982 822 854.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do seu plan de empresa. O programa comeza a última semana de novembro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén  unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.

Premios
Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha, Argos Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da USC) e Argos Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O programa conta ademais co apoio da Deputación de Lugo, IGAPE e GAIN.