Saltar ao contido principal
Xornal

A Facultade de Psicoloxía analiza a situación dos menores como vítimas da violencia de xénero

A xornada deu comezo cunha sesión plenaria da reunión de traballo interdisciplinar na que tomaron parte ao redor de setenta especialistas

Actualizada: 08-11-2019 14:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Sesión plenaria da xornada. Foto: Alfonso Ponte

A xornada ‘Os/as menores como vítimas na violencia de xénero’ contou este venres cun panel de expertos e expertas que abordaron a identificación, análise e mellora das boas prácticas na atención a menores expostos á violencia de xénero. O encontro contou coa presenza da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

 

A xornada deu comezo cunha sesión plenaria da reunión de traballo interdisciplinar na que tomaron parte ao redor de setenta especialistas e profesionais de distintos ámbitos como son o xurídico, social, sanitario, educativo, ou as forzas e corpos de Seguridade. O encontro contou cunha ampla representación de profesionais, entidades e institucións centradas neste eido.

 

Organizado pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC, este foro impúlsase ao abeiro dun convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, e de Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de Medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2019 (Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade), en colaboración co grupo PS1 da Universidade de Vigo.