Saltar ao contido principal
Xornal

‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’ lanza a sexta edición das xornadas para profesorado e ofrece seis kits de investigación na aula

Un equipo de trazabilidade alimentaria e outro de análise fotométrica , novidades da convocatoria. Aberta ata o 25 a inscrición nas xornadas docentes de ensino medio

Actualizada: 08-11-2019 14:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Docentes participantes nunha edición anterior das Xornadas para Profesorado do proxecto 'Xuvenciencia. Fago logo aprendo'

O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do campus de Lugo que coordina a profesora Mercedes Novo Rodríguez, lanza a súa sexta edición coa aspiración de chegar a máis dun milleiro de alumnos de secundaria e bacharelato no curso 2019-20, ao tempo que abre a convocatoria para o profesorado de ensino medio que desexe participar na próxima edición xornadas formativas para docentes cos que arranca o proxecto. Este programa conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da última convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.

 

As persoas interesadas en participaren nesta actividade formativa e incorporárense á familia XuvenCiencia poden formalizar a matrícula antes do 25 de novembro a través do formulario en liña da páxina web https://xuvenciencia.org/portal/xornadas-profesorado/. Unha das novidades para a convocatoria 2019/2020 reside en que por primeira vez se ofertan programas diferenciados para os profesores novos en XuvenCiencia e para aqueles que xa teñen participado en anteriores anos académicos e queren afondar na metodoloxía investigadora.

 

A sesión de apertura das VI Xornadas XuvenCiencia para profesorado celebrarase o vindeiro 30 de novembro no Campus de Lugo e consistirá en oito horas lectivas baixo o epígrafe ‘A práctica investigadora na aula’. Entre outros contidos, os e as asistentes poderán achegarse ao método de traballo científico desde o deseño do experimento, pasando pola toma de datos, a súa análise e representación gráfica e a interpretación dos resultados ata a súa plasmación en artigos científicos ou comunicacións que empregan audiovisuais, blogs ou redes sociais.

 

A aplicación práctica é o sinal de identidade de XuvenCiencia, que oferta seis kits para a experimentación nas aulas. Como novidades, para o actual ano académico 2019/2020 veñen de desenvolverse os kits DNA-MEAT ‘Ensaio molecular de trazabilidade animal’ e Fotometrix ‘Análise fotométrico’, dirixido este último á determinación de proteína que contén un alimento. Asemade, os participantes en XuvenCiencia poderán traballar con kits xa rodados polo alumnado como Vitroplant ‘ Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’, Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’, Photonics Explorer ‘Luz, cor e vida’ e Aqualab ‘Sensores de medida de humidade no solo’.

 

Do mesmo xeito, a presente edición de ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’ contempla a actualización dos kits xa existentes (Vitroplant, Animal CSI, Photonics Explorer e Aqualab) con novas actividades interdisciplinarias e adaptadas ao currículo escolar e prácticas ligadas ás probas de acceso á universidade, así como aos programas de Bacharelato STEM (científico-tecnolóxico) e os clubs de ciencias dos institutos e centros.

 

Polo que atinxe ás novidades, o kit DNA-MEAT ‘Ensaio molecular de trazabilidade animal’, no que está implicado profesorado do Departamento de Xenética da USC, pretende achegar as técnicas básicas rutinarias dun laboratorio de bioloxía molecular a estudantes preuniversitarios. O obxecto desta nova ferramenta é a identificación da composición de produtos cárnicos manufacturados coa finalidade de poder detectar posibles fraudes alimentarias.

 

Pola súa banda, o novo kit Fotometrix ‘Análise Fotométrica’, en cuxo deseño participa profesorado das áreas de Química Física, Bioquímica, Enxeñaría Agroforestal e Expresión Gráfica, ten como obxectivo familiarizar ao estudantado coas análises química e bioquímica, a través dunha ferramenta de amplo uso como é o fotómetro, pero aplicándoa á determinación analítica da proteína que contén un alimento. Estes recén incorporados equipamentos engádense á carteira de kits de XuvenCiencia:

 

Vitroplant Multiplicación de árbores por cultivo in vitro

Está dirixido a profesorado de Bioloxía e foi desenvolvido por profesorado da área de Produción Vexetal do Campus de Lugo da USC. O Kit Vitroplant inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores. Neste proxecto continuarase o traballo xa iniciado de adaptación das actividades para a súa realización nos centros sen necesidade de condicións estériles e adecuación dos contidos ao currículo escolar. Ademais, en grupos de traballo con profesorado que xa ten experiencia co kit, elaboraranse proxectos de investigación baseados no cultivo in vitro de árbores para ofertar a alumnado de programas STEM ou clubs de ciencia.

 

Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’

Profesores das áreas de Patoloxía Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias desenvolveron este kit indicado para experimentar na materia de Bioloxía de ensino preuniversitario. O obxectivo de Animal CSI é que os estudantes se inicien no estudo da anatomía e de bioloxía celular e adquiran competencias básicas e científicas mediante a realización de técnicas de investigación habituais nos nosos laboratorios: 1) técnica de  necropsia, 2) probas de diagnóstico rápido, 3) frotis sanguíneo e 4) técnica histopatolóxica. Elaboraranse proxectos de investigación para alumnado de programas STEM ou clubs de ciencia baseados na resolución de casos clínicos.

 

Photonics Explorer ‘Luz, cor e vida’

Os alumnos de Física e Química e Tecnoloxía poderán traballar con este kit deseñado pola área de Química Física do campus de Lugo da USC. Para este proxecto adaptouse o kit Photonics Explorer, que foi desenvolvido no proxecto europeo GoPhoton! O kit inclúe compoñentes ópticos, como láseres, lentes, LEDs, etc., e material didáctico modular e adaptable (fichas informativas e de actividades, guías para o profesorado e material multimedia) que permiten a realización de 8 actividades por parte de 10 grupos en paralelo. Unha das súas actividades, ‘A ciencia como profesión’, incide especialmente en atraer as mozas para estudar ciencias e enxeñerías e está previsto utilizala no marco deste proxecto para unha acción de sensibilización nos centros de secundaria con motivo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

  

AquaLab ‘Sensores de medida de humidade no solo’

O máis multidisciplinar dos kits de Xuvenciencia permite traballar nas aulas de secundaria nas materias de Tecnoloxía, Bioloxía e Ciencias da Terra e do Medio Ambiente grazas ao deseño de profesores de Enxeñaría Agroforestal do Campus Terra. Este proxecto baséase na realización dun balance hídrico moi sinxelo dun solo nunha maceta. A estimación dos elementos do balance hídrico é unha parte fundamental para o coñecemento e cuantificación do ciclo hidrolóxico co fin de conseguir un uso sustentable da auga. Neste proxecto proponse ampliar este kit para complementar ao kit Vitroplant, incluíndo non só o rexistro de variables ambientais (iluminación, temperatura e humidade do aire), senón tamén a automatización desas variables ambientais, acendido de luces, conexión e desconexión da calefacción, control da humidade ambiental, mediante o uso de técnicas como a placa Arduino e de relés.

 

Balance de actividades

Durante os cursos académicos 2015/2016 e 2016/2017 repartíronse 48 kits que foron empregados por arredor de 1.800 alumnos e alumnas de institutos das catro provincias galegas, de diferentes cursos de ESO e Bacharelato. Polo que atinxe á convocatoria pasada, 2018/2019, entregáronse 47 kits (e cinco reposicións de material) e participaron máis de 1.000 estudantes.

 

Para a inminente andaina de XuvenCiencia, a do curso 2019/2020, os seus responsables contan con superar o milleiro de participantes no programa, que experimentarán con 40 kits que se ofertarán de novo e cos xa entregados en anteriores convocatorias. Desde o comezo desta iniciativa celebráronse cinco xornadas formativas para profesorado, nas que participaron preto de 150 profesoras e profesores de ensino medio de todas as áreas científico-técnicas, así como un grupo de profesorado de Ciencias Sociais e Humanidades.

 

O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo’, que xa contara con respaldo da FECYT nas edicións de 2017 e 2015, concorreu a esta convocatoria de axudas xunto con outras 254 candidaturas promovidas por entidades privadas e pública de toda España na liña de Creatividade e vocacións científicas, na que logrou a cuarta puntuación máis alta, logo de acadar 96 puntos dun máximo de cen.