Saltar ao contido principal
Xornal  »  un exemplo de superación persoal e académica

GORETTI LÓPEZ

un exemplo de superación persoal e académica

Alumna de enfermería con minusvalía de xordeira
Alumna de enfermería con minusvalía de xordeira
  • Andrés Tarrío

Estudante de Enfermería na Universidade de Santiago, esta alumna que padece xordeira desde o seu nacemento bota de menos unha atención máis individualizada nunha institución académica "que non está preparada para atender os discapacitados''

O seu é un problema de superación. De superación no plano persoal e de superación no eido académico. Goretti López Martínez leva toda a súa vida afectada por un problema de xordeira. Vintedous anos escalando etapas académicas nunha situación nunca ben entendida por profesores e compañeiros, que moitas veces descoñecen o seu problema e outras, inda coñecéndoo, volven os ollos cara a outro lado, ignorando que unha alumna ten que facer un esforzo suplementario por manterse ó mesmo nivel que o resto das persoas que ten ó seu carón.

Na actualidade estuda segundo curso de Enfermería na Universidade de Santiago, unha institución "pouco preparada para acoller alumnos con discapacidade'', segundo nos indica a propia afectada, que bota de menos unha atención máis individualizada para axudala a superar todas as trabas coas que topa cada día. "Debería haber un titor por centro para atender os problemas de persoas coma min que dificilmente podemos seguir o ritmo dos demais compañeiros''. "Cómpre ter en conta'', continúa Goretti López, "que en algo tan esencial como coller os apuntamentos, as persoas coma min temos dificultades engadidas. Se atendemos a explicación non collemos os apuntamentos e se collemos os apuntamentos fáisenos difícil estar atentos ó que nos vai explicando o profesor. Hai que ter en conta que na maior parte dos casos eu sei o que o profesor está explicando a través do movemento dos seus labios, o cal me dificulta escribir e atender ó mesmo tempo''. Son os alumnos os que mostran máis sensibilidade, o cal, por certo, non ocorre con todo o profesorado, que nalgúns casos ignora absolutamente o seu problema, limitándose a impartir docencia para todos igual. "Hai preocupacións exemplares por parte dos docentes'', coméntanos, "pero en xeral son máis solidarios os propios compañeiros que os profesores'', e son estes últimos os que lle deixan, por exemplo, copiar os apuntamentos tras rematar a clase e lle solucionan calquera problema que lle poida xurdir.

"O que sería ideal'', coméntanos a afectada, "é que a propia Universidade facilitase os apuntamentos para que así eu puidese centrar as horas de docencia na atención, ou que as titorías fosen máis flexibles'', sobre todo tendo que en conta a carga lectiva dos estudantes de Enfermería que deben compaxinar a docencia teórica pola mañá coas horas prácticas pola tarde.


A importancia das prácticas en Enfermería

Goretti López non encontra especiais dificultades á hora de enfrontarse ás prácticas da súa profesión. Acostumada a convivir cunha dificultade suplementaria que fai que teña que prestar máis atención, esta alumna modelo que sorprendeu mesmo a seus pais a medida que ía escalando postos na súa carreira académica, encóntrase ben no desenvolvemento da súa profesión e considera que nun futuro, cando teña que acceder a un posto de traballo, a súa doenza non ten porque ser un handicap para acceder a un posto de traballo.

Douta banda, esta estudante de Enfermería da Universidade de Santiago tamén lles fai un chamamento a outras persoas que se encontran na súa mesma situación para que traten de superar os atrancos que poidan atopar e se decidan a estudar unha carreira universitaria.

Ela é un exemplo de que a vontade pode cunha doenza que a priori a podía deixar na marxe dos estudios superiores e que sen embargo a converte, por dereito propio, nunha abandeirada da intelixencia e da forza de vontade.

Entrevista publicada no suplemento "Universidade" de El Correo Gallego e Galicia Hoxe o día 11 de maio de 2004