Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A USC ampliará ao Caribe o marco do ensino europeo"

CÁSTOR MÉNDEZ, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado

"A USC ampliará ao Caribe o marco do ensino europeo"

Cástor Méndez Paz, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado
Cástor Méndez Paz, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado
  • Ignacio Rodríguez

O catedrático de Psicoloxía Básica e vicerrector de Organización Académica e Profesorado da Universidade de Santiago, Castor Méndez Paz (Ourense, 1952), relata como está a afrontar a institución académica compostelá o proceso de converxencia europea, ó tempo que apunta algunha das pretensións da USC neste novo marco de ensino. Sempre coa ollada posta na realidade académica, Castor Méndez tamén expresa a súa confianza en que a Universidade logre remontar no novo curso a progresiva perda de alumnado experimentada nos últimos anos.

A creación do espacio europeo de ensino superior marca o futuro das universidades, pero ¿en que fase do proceso se atopa agora a USC?
Neste momento estamos á espera do desenvolvemento normativo que estableza a nova estructura de titulacións de grao e postgrao , xa que sen dita normativa non é posible avanzar na reforma. Non obstante estanse a realizar distintas experiencias de posta en marcha de asignaturas piloto de acordo coa metodología docente que vai requerir ese novo marco. Tamén preparamos un plan para a formación e o apoio ó profesorado, xa que o cambio que supón esa nova meto- doloxía vai requerir un esforzo moi importante por parte de todos os implicados.

¿Confía en que a USC estará ao fronte das universidades españolas no que atinxe á converxencia europea? Ese é o noso compromiso. E nese sentido estamos a traballar.

E, ¿que posto lle augura vostede á USC no contexto universtiario continental?
A USC é unha das universidade máis importantes tanto a nivel nacional como europeo e, por tanto, ten que estar entre as que lideren o proceso. Pero non se trata tanto de ser os primeiros como de facelo ben.

¿A proxección da USC no ámbito europeo pode levar consigo unha maior separación con respecto a Iberoamérica?
A USC, como se demostrou claramente na Conferencia de Rectores e Responsables de Relacións Internacionais Iberoamericanas, celebrada en Santiago no mes de febreiro, que é un referente moi importante en Iberoamérica. O espacio europeo de educación superior debe prolongarse no espacio latinoamericano ao do Caribe, tal como se recolle na Declaración de Compostela, e nesa prolongación a USC debe xogar un papel destacado xa que reúne condicións para facelo.

No que atinxe aos potenciais alumnos que poden aportar estos países, ¿por onde camiñan as iniciativas emprendidas pola Universidade?
A vía máis directa de aproximación a eses estudiantes son os másters e os programas de doutoramento, amplamente demandados. Non obstante, estamos en contacto con distintas universidades latinoamericanas, que tamén están interesadas en mandar estudiantes de primeiro e segundo ciclo á USC. O acceso a estos estudios ten unhos requisitos máis estrictos e estamos a buscar fórmulas que axuden a eliminar tódolos atrancos posibles.

Xa no plano de organización docente, ¿de que xeito vai afectar o reaxuste orzamentario ó plantel de docentes da USC?
Trataremos de que o efecto sexa o menor posible e, sobre todo, que non hipoteque o futuro desenvolvemento da Universidade.

Os escolares galegos comezan hoxe a selectividade. ¿Que expectativas de matrícula ten a USC para o vindeiro curso?
Tendo en conta os datos do curso actual cabe esperar que o número de alumnos que se matricule por primeira vez na Universidade de Santiago se estabilice ou, incluso, tenda a remontar.

¿Confía no éxito das campañas emprendidas pola USC para captar estudiantes?
Confiamos en que sexa así, posto que no curso actual xa se deixou sentir o efecto das campañas iniciadas o pasado ano.

¿Coida vostede que os datos de matrícula poden influir na negociación do futuro marco financeiro das universidades galegas?
Inda que só sexa psicolóxicamente é posible que sí. Non obstante, confiamos en que o número de alumnos non sexa o criterio fundamental para calcular o financiamento das universidades, xa que o custo da docencia non é directamente proporcional ao número de alumnos. Pero, ademais da docen- cia, as universidades teñen outra función fundamental que é a investigación. Á Universidade de Santiago manter o nivel de investigación acadado esíxelle moitos recursos que ten que detraer da docencia, xa que non recibe financiación por investigación.

¿Cre que as titulacións ofertadas constitúen un abano suficientemente atractivo?
Como toda Universidade con unha longa historia, a USC oferta un amplo abano de titulacións. Entre elas hainas que teñen unha gran demanda e outras que, pola súa naturaza, nunca van ser masivas, pero que aportan unha enorme riqueza á oferta. Non obstante, como se recolle no plano estratéxico, é preciso aumentar a oferta de titulacións técnicas, sobre todo en Compostela.

Lugo e Compostela son sés universitarias con perfís moi distintos, ¿cal encaixa mellor coas preferencias dos rapaces?
Polos datos de demanda dos últimos cursos non se pode dicir que un encaixe mellor coas preferencias dos estudiantes que o outro, xa que as variacións que se teñen producido afectan dun xeito parecido aos dous campus.

A priori, ¿cales poden ser as titulacións máis demandadas o próximo curso?
Nos últimos anos as titulacións máis demandadas foron Medicina, Xornalismo, Psicoloxía, Bioloxía, Farmacia e Veterinaria. As titulacións novas que se puxeron en marcha o curso pasado (enxeñería técnica en Topografía, enxeñería técnica en Obras Públicas, enxeñería técnica en Informática de Sistemas e Comunicación Audiovisual) tamén tuveron unha gran demanda. É de esperar que todas elas sigan a ser as máis demandadas.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso o mércores 16 de xuño