Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A harmonización europea do ensino chega nun bo intre para o campus"

Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo

"A harmonización europea do ensino chega nun bo intre para o campus"

Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo
Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo
  • Ignacio Rodríguez

Pasados xa dous anos da súa chegada ó vicerrectorado de Coordinación do campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre fai un balance positivo da evolución experimentada pola sé universitaria luguesa ó longo deste período, ao tempo que lle atisba un futuro prometedor no escenario que se deseñará co desenvolvemento do espacio europeo de ensino superior, no que "este campus debe manter a súa posición preponderante dentro do Sistema Universitario Galego".

Chegada a hora de facer balances, ¿que lectura fai dos dous anos que leva á fronte do vicerrectorado de Coordinación do campus?
A miña lectura é netamente positiva, xa que coido que neste tempo acadouse una maior consolidación deste vicerrectorado, ao tempo que tamén se avanzou na descentralización e na autonomía da xestión.

Si, pero en termos concretos, ¿que logros destacaría?
A recente implantación das enxeñerías en Obras Públicas e Topografía pódese considerar como un fito importane para a potenciación do campus, xa que se trata de dúas titulacións que despertan un grande interese entre o alumnado e que presenta unha boa inserción laboral. Xunto con esto, tamén resaltaría a forte aposta pola mellora da calidade, tanto no eido da docencia -a maioría dos centros participaron en programas de acreditación da súa calidade- como no da investigación, no que se incrementaron os recursos captados por proxectos desenvolvidos. Ademais, tamén aumentaron as partidas orzamentarias recibidas dos fondos Feder.

Vostede fala de autonomía e descentralización do vicerrectorado lugués con respecto á USC. ¿Cre que estos dous factores fomentaron o crecemento do campus?
Non o sei, posto que estos logros responden a algunhas das pretensións inciais do rector Senén Barro, que quería potenciar este vicerrectorado. Sen embargo, si que podo afirmar que neste tempo fíxose unha xestión dos recursos dun xeito máis próximo ao campus, o que tamén se puido traducir nunha optimización dos bens.

¿Por onde debe avanzar o campus nos vindieros anos?
Creo que este campus debe camiñar en dúas liñas. Por unha banda, debe consolidarse como o campus non principal de referencia no Sistema Universitario Galego. Asemade, coido que hai que afondar no perfil agroalimentario que caracteriza esta sé universitaria, pero sen renunciar a outras áreas do saber, tal e como pode ser a das chamadas enxeñerías civís.

¿Está a falar da posibilidade de implantar novas titulacións?
Non, pois penso que este non é o momento máis axeitado para proceder á reapertura do mapa de titulacións por mor dos cambios que xerará o espacio europeo de ensino superior.

¿Pensa que a USC pode saír reforzada neste novo escenario do ensino?
Entendo que este novo plantexamento pode ser beneficioso para o Sistema Universitario Galego, xa que o feito de harmonizar as titulacións no marco europeo deixanos nunha situación de vantaxe competitiva. Ata de agora, o modelo norteamericano era o que lideraba a captación de alumnos. Sen embargo, co novo deseño a universidade europea poderá competir en termos de calidade e tamén de investigación.

¿Esta nova realidade traerá consigo grandes cambios?
É indubidable que haberá variacións, tanto na duración dos estudos, como na estructura dos mesmos. Aínda así, o primeiro cambio debe ser de mentalidade, tanto dos docentes como dos alumnos.

No que atinxe ao campus lugués, ¿que efectos pode provocar a implantación do modelo postu- lado pola Declaración de Boloña?
Moitas das titulacións do SUG vanse ver afectadas pola súa adaptación a este novo marco de ensino, que inclúe distintos catálogos de títulos. No que atinxe ao campus de Lugo, coido que este proceso de transformación nos vai coller nun bo momento, pois temos moitas titulacións de primeiro ciclo, que contan cun arraigo e que se poderán convertir en títulos de grao.

Xa no eido das inversións, ¿cando se prevé que se liciten as obras do edificio que albergue os servicios de investigación do campus?
Segundo as previsións, a licitación das obras terá lugar á volta do verán. Xa chegamos a un acordo coa Diputación para a cesión do terreo no que estará ubicado este complexo, que albergará o Servicio Agrobiolóxico, o Servicio de Información Territorial, así coma o servicio xeral de investigación en química, física e tecnoloxía dos alimentos, amén da Oficina de Innovación Tecnolóxica (Oit) e o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (Citt).

¿Trátase da maior inversión que prevé facer a USC no campus este ano?
Sen dúbida, pois este proxecto ten un orzamento de preto de tres millóns de euros, dos cales o 70% serán financiados con fondos Feder, mentras que a USC aboará a cantidade restante. Ademais desto, a USC acadou máis doutro millón e medio de euros dos fondos Feder para dotacións de equipamentos e instrumental científico.

Un dos episodios máis polémicos da actualidade universitaria vén dado polo plan de equilibrio económico e financeiro, ¿como van as negociacións?
Na miña opinión non sería lóxico trasladar o debate da negociación aos medios de comunicación, posto que este debate ten que facerse no seo da mesa negociadora. A reducción de persoal é posible, pero está sen cuantificar.

Xa para rematar, vostede resalta a consolidación da USC en Lugo, pero ¿como é a resposta recibida da sociedade?
A resposta das institucións luguesas sempre foi boa coa USC, porque vena como un ben importante para o desenvolvemento económico e social. O peor é que o campus segue a ser un gran descoñecido tanto na cidade coma no resto da provincia.

Entrevista publicada o mércores 7 de xullo no suplemento Campus do xornal El Progreso