Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A Física pode explicar a evolución do Universo, pero non a orixe da vida"

Joaquín Sánchez Guillén, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC

"A Física pode explicar a evolución do Universo, pero non a orixe da vida"

Joaquín Sánchez Guillén, director do Instiuto Galego de Física de Altas Enerxías
Joaquín Sánchez Guillén, director do Instiuto Galego de Física de Altas Enerxías
  • Ignacio Rodríguez

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, que dirixe o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Joaquín Sánchez Guillén, orgnanizou recentemente un acto conmemorativo do cincuenta aniversario da creación do Centro Europeo de Investigación Nuclear (Cern), con sé en Suiza e no que desenvolven labouras de investigación moitos dos alumnos de postgrao da facultade de Físicas da USC.

O Cern, que xa cumpliu 50 anos, ¿que influencia tivo na facultade de Físicas de Santiago?
Dende o seu comezo hai anos o traballo investigador do departamento de Física de Partículas e do Instituto Galego de Física tivo unha relación moi directa co Cern, o que contribuíu á relevancia das metas e a excelencia na formación de profesores e nos métodos de traballo, do que se beneficiou toda a facultade. Como exemplo, os primeiros correos electrónicos de Galicia utilizáronse no departamento de Física de Partículas.

Quince investigadores da USC traballaron no Cern. ¿Como valora este feito?
Para a Universidade de Santiago é unha proba de que se fixo ben o traballo e para as novas xeracións un estímulo.

¿Ve relevante o protagonismo dos investigadores da USC neste centro europeo?
É evidente que si, e contribúe moito a boa imaxe da USC e o fortalecemento e incremento da súa participación.

¿A que o atribúe?
Á vontade de conseguilo, ós apoios intitucionais, á calidade dos investigadores e, sobre todo, o seu enorme esforzo.

O director do Instituto de Estudos Avanzados de Trieste, Daniel Amati falou na facultade da emerxencia do ser humano, ¿como contribúe a física a este feito?
Especificamente, aumenta o rango de aplicabilidade das teorías de campos (como a de Pott) e algoritmos de computación empregados. Xenericamente, ilustrou un dos conceptos, das ciencias da complexidade á emerxencia, nas que a Física xoga un papel primordial xunto a outras disciplinas.

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, que vostede dirixe, inclúe nalgunha das súas liñas de traballo a contribución ao desenvolvemento do acelerador de partículas do Cern. ¿O traballo no eido da Física debe ser sempre unha laboura colectiva?
En efecto, inclúe diversas contribucións ó desenvolvemento do acelerador, tanto nos seus detectores como na preparación da análise dos datos coa rede de interconexións de ordenadores (GRID). Un traballo tan ambicioso e complexo require a unión de moitos esforzos a tódolos niveis, dende o económico ata os últimos axustes de compoñentes experimentais. De feito co Cern colaboran miles de persoas e é unha das súas grandezas. De tódalas formas, tanto as ideas como o liderazgo no seu desenvolvemento teñen unha compoñente moi persoal, aínda que xurdan do diálogo e da colaboración.

O acelerador de partículas que se está a construir no Cern, ¿que vai cambiar na física europea?
O acelerador vai consolidar a Europa na hexemonía total da Física de Partículas ademais de contribuír ó desenvolvemento dos seus investigadores e enxeñeiros, así como as universidades e empresas tecnolóxicas.

Vostede e o profesor Pajares atribuíronlle ó Cern a característica de facer ciencia de xeito aberto e con carácter internacional, ¿que queren dicir con esta afirmación?
Por cuestións de principios e de eficacia, que o único criterio debe ser a capacidade. Ese espírito logo trasládase a outros ámbitos de traballo e relacións máis alá da ciencia.

Na Física de Partículas, ¿a investigación prioritaria está na vertiente básica ou na experimental?
É prioritariamente básica, tanto na teoría como, sobre todo, nos experimentos. Pero logo prodúcense moitos resultados laterais de utilidade práctica, como a de Internet.

A Física contribúe ao desenvolvemento da Medicina, pero ¿que aportacións pode facer neste eido?
As aportacións son innumerables e esenciais, dende o diagnóstico á instrumentación, pasando polas propias terapias. Sen ir máis lonxe, algúns exemplos sons: scanners, láser, raios x, radioterapia, resonancias, PET...

¿Qué lle parece o feito de que o Sistema Universitario Galego conte con dúas facultades de Física?
O que conta para min é a calidade, que no caso da facultade de Física de Santiago está claramente acreditada. A práctica totalidade dos seus profesores ten máis de dous sexenios recoñecidos de excelencia investigadora. Outro problema é, en xeral, a multiplicación de centros e servicios, pero esa é unha cuestión máis ben política.

¿Cal é o futuro que lle agarga aos titulados en Física?
Dentro da difícil situación laboral dos xoves, para os titulados de Física hai boas perspectivas específicas, como os físicos internos residentes (FIR) (con excelentes resultados ano tras ano para os licenciados de Santiago), ou as liñas relacionadas con electrónica aplicada. Tamén teñen a ensinanza nas súas diversas ramas e, sobre todo, un moi previsible gran aumento dos postos de investigadores.

Xa para rematar, vostede pensa que a Física Teórica podería permitir dar una explicación da creación ou da evolución do universo.
A palabra creación, ademais da súa carga ideolóxica, suxire un antes e un despois do noso tempo, o que encerra unha clara contradicción. En Física básica o tempo é unha magnitude, ligada ó espacio e que tamén se xenera e cambia co movemento e a enerxía. Os conceptos da relatividade son difíciles de asimilar intuitivamente. O que si é certo é que, hoxe, pódense explicar con moita fiabilidade, a evolución do Universo desde os primeiros segundos, fai mais de trece mil millóns de anos. E dende logo, a orixe dos seus planetas, estrelas e galaxias. A explicación de fenómenos máis complexos, como a vida ou incluso o ser humano, están en progreso

Esta entrevista foi publicada o mércores, 20 de outubro de 2004, no suplemento Campus de El Progreso de Lugo