Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O galego é con moito a lingua da administración universitaria"

Manuel Carlos Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC

"O galego é con moito a lingua da administración universitaria"

Manuel Carlos Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC
Manuel Carlos Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC
  • Ignacio Rodríguez

-O galego é a lingua institucional da Universidade de Santiago, pero isto non se corresponde coa realidade sociolingüística da comunidade universitaria. ¿A que atribúe este desfase?

-Cómpre distinguir dous planos, o legal e o sociolingüístico. O marco legal da Universidade é claro: o galego (e tamén o castelán) son oficiais na Universidade de Santiago, o galego é, ademais, a lingua propia desta institución segundo estipulan os seus Estatutos. Outra cousa é que a nivel sociolingüístico haxa unha descompensación no uso. Agora mesmo o castelán segue sendo a lingua máis empregada, pero a lingua que avanza é o galego. Por desgraza a velocidade de avance non é tan rápida como algúns desexaríamos.

-¿Acaso esta lingua non é apta para a ciencia?

-Desde logo que é apta, para a ciencia e para calquera outro uso. Non hai que esquecer, porén, que en máis de cincocentos anos de historia, o galego só existe de xeito oficial desde hai pouco máis de vinte anos. As inercias son poderosas...

-Entón, ¿falar galego non está de moda?

-Non creo que se trate de modas. A universidade nútrese, en xeral, de persoas provenientes de clases medias e acomodadas e de orixe urbana. Sabemos que o galegofalante estándar é maioritariamente de clase baixa e orixe rural. Digamos que, de cara á normalización do galego, a universidade ten un público difícil.

-En termos xerais, ¿como é a actitude da comunidade universitaria cara a esta lingua?

-A actitude é moi boa. Isto é un feito moi común no noso país. As opinións sobre a lingua e sobre o seu uso e a súa implantación son moi favorables, non obstante estas actitudes tan contundentemente positivas non acaban de callar en feitos.

-Se non se percibe un rexeitamento manifesto, ¿sería lícito apuntar outros factores como o desinterese ou a falta de identidade coa terra e a cultura propia?

-Si, probablemente se trate dunha mestura de razóns, as que ti apuntas e así mesmo inseguridades, prexuízos, inercias... De todos modos a universidade é moi grande, e pode ser ollada desde puntos de vista moi diferentes. Hai facultades e escolas nas que o galego é máis empregado có castelán, desde logo non son a maioría, pero si un exemplo excelente de que un centro universitario pode funcionar en galego e facelo ben e sen complexos. O galego é, con moito e desde hai máis de dez anos, a lingua da administración universitaria.

-¿A realidade da lingua no eido universitario é reflexo da súa situación na sociedade?

-Desde logo, pero non da sociedade en xeral, senón, e sobre todo, dese segmento do que falaba antes. Non debemos esquecer que o galego é a lingua maioritaria de Galicia, e polo tanto debería selo tamén da Universidade.

-¿Como se xustifica isto?

-Por razóns históricas, basicamente.

-Vostede, que é lugués de berce e compostelán de adopción, ¿entende que no campus da súa cidade, que ten un marcado carácter agropecuario, o idioma galego sexa minimamente relevante no que atinxe á súa docencia?

-Enténdoo, pero non o comparto. De feito o meu traballo consiste en contribuír a mudar esta situación. Hai que ser conscientes, tamén, de que son cambios lentos e que só poden darse por medio da invitación, do convencemento; as políticas impositivas adoitan producir resultados contrarios a aqueles para os que foron concibidas. O Servizo de Normalización Lingüística ten unha oficina en Lugo, e algúns centros como a escola Politécnica ou Administración de Empresas teñen comisións de normalización lingüística que están realizando un labor excelente.

-Xa no eido administrativo, ¿vostede aprecia erros de vulto na planificación educativa no que atinxe á lingua?

-A planificación lingüística na universidade é correcta, de feito existe un Plan de Normalización Lingüística aprobado polo Claustro que recolle medidas moi interesantes. O que se cadra ocorre é que a súa aplicación está sendo moi demorada.

-¿Como explica as diferenzas porcentuais do emprego das linguas vernáculas na docencia en dúas comunidades históricas como son Galicia e Cataluña?

-As situacións sociais, de prestixio da lingua, de percepción da identidade nacional, de apoio institucional do goberno autónomo, mesmo de recursos económicos dedicados á cuestión son moi diferentes, polo tanto os resultados obtidos tamén o son.

-¿O galego acadará algún día un nivel de implantación na docencia semellante ao que presenta na actualidade a comunidade veciña?

-Ese sería o meu desexo, e insisto, así é arestora nalgúns centros.

-¿Avoga porque todas as linguas oficiais sexan recoñecidas na constitución europea?

-Naturalmente. Unha constitución que dea as costas a esas linguas estaría deixando de lado os dereitos de millóns de europeos. O gran mosaico de culturas que é Europa non se pode permitir un descoido semellante.

-¿Abriría isto novos horizontes para o espallamento da cultura do noso país?

-Seguramente si, polo menos contribuiría a paliar unha carencia do galego da que creo que non se é moi consciente: a súa falta de visibilidade exterior. O éuscaro e sobre todo o catalán son coñecidas fóra do Estado español, o galego non na mesma medida.

-Centrados xa nos cometidos do Servizo de Normalización Lingüística da USC, ¿cales son os maiores logros acadados por este organismo universitario?

-Quizais o feito de que o galego avance na Universidade, moito no que atinxe á galeguización administrativa, máis paseniño na docencia, e que ese avance fose feito sen fracturas.

-¿Ve por diante un futuro esperanzador?

-Gustaríame velo.

Esta entrevista foi publicada no suplemento Campus de El Progreso, o mércores, 10 de novembro de 2004