Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Os matemáticos estamos detrás do escenario para facer posible a función"

José Carlos Díaz Ramos, investigador lugués da USC gañador do concurso Softmat-04 de software matemático

"Os matemáticos estamos detrás do escenario para facer posible a función"

José Carlos Díaz Ramos
José Carlos Díaz Ramos
  • Ignacio Rodríguez

O lugués José Carlos Díaz Ramos, que está a piques de rematar a súa tese de doutoramento sobre as esferas xeodésicas en variedades de Riemann na Universidade de Santiago de Compostela, vén de gañar dous premios no concurso universitario Sofmat-04, que premiaba os mellores traballos mediante a aplicación de ferramentas de software matemático.

-Vostede vén de recibir dous galardóns no primeiro concurso Sofmat-04. ¿Síntese fillo da sociedade das novas tecnoloxías?

-Si. A maior parte do traballo de investigación que levo feito ata este momento está vencellado co emprego da informática como medio para facer cálculos. Desde o meu punto de vista a utilización destes medios é positiva xa que os resultados son máis fiables e a cantidade de tempo invertida menor.

-O seu traballo versaba sobre esferas xeodésicas en variedades de Riemann, ¿que novidades aportaba neste estudio?

-Para o estudio das esferas xeodésicas recórrese á información recollida en certos obxectos xeométricos asociados á curvatura, os cales esixen unha grande cantidade de cálculos. O esforzo que esto supón impediu a moitos matemáticos acadar información relevante. Co software desenvolvido ditos cálculos son cuestión de segundos, o que permitiu obter resultados rapidamente.

-¿E que utilidades pode ter tanto en tarefas de investigación como no ámbito docente?

-Desde o punto de vista da investigación os resultados apuntan a dúas vertentes diferentes. Por un la- do, obtivemos información sobre a xeometría dos obxectos estudiados, e por outro, os nosos resultados teñen unha interpretación física que esperamos aporte luz no estudio da Relatividade Xeral. No ámbito docente traballamos na posibilidade de empregar estas técnicas informáticas en proxectos de innovación educativa para permitir ao alumno visualizar e calcular sen necesidade de facer tediosas operacións que non aportan nada á comprensión.

-O perfil de universitario que representa é o máis común ou, pola contra, ¿cre que as institucións académicas aínda teñen moito que avanzar no eido das TIC?

-A situación está cambiando e faise cada vez máis esforzo para presentar contidos dun xeito máis atractivo mediante o emprego de medios informáticos. Sen embargo, ditos medios son moi recentes e cambian continuamente co cal actualizarse supón un esforzo. Creo que aínda queda bastante por facer e en grande medida somos as novas xeracións as que máis fomentamos as novas tecnoloxías.

-Vostede rematou a licenciatura en Matemáticas, una titulación que hoxendía non desperta o reclamo do alumnado, ¿a qué achaca este feito?

-As Matemáticas seguen despertando interese e sen lugar a dúbidas son un área fundamental na ciencia. Moitos estudios universitarios requiren un dominio máis ou menos avanzado das Matemáticas e no caso particular da propia titulación, hai unha demanda moi aceptable. Evidentemente a cantidade de estudiantes non é a mesma que hai uns anos debido ó descenso de alumnado, factor que non é alleo a ningunha titulación. Ademais, as Matemáticas son un área de estudio moi vocacional no sentido de que case a totalidade da xente matriculada elixe esta carreira por gusto, co cal, na miña opinión, o interese despertado polas Matemáticas segue sendo bastante alto.

-¿Que fixo que vostede escollera esta disciplina?

-Principalmente o feito de que desde moi pequeno fose unha materia que me gustaba moito. Ademais, a actividade intelectual requerida polas Matemáticas é esencialmente de raciocinio, sendo o traballo memorístico a parte menos importante. Esto significa que estudiar Matemáticas se semelle máis a un xogo ou a resolver un rompecabezas ca a un estudio tedioso.

-Memorización ou raciocinio, ¿que é máis importante nesta área de coñecemento?

-As Matemáticas constitúen unha actividade intelectual na que o que prima é adquirir hábitos de razoamento. Non se trata de almacenar información senón de conseguir capacidade de abstracción, relacionar os conceptos e desenvolver o pensamento deductivo. Por iso, o máis importante é o día a día: mellorar paulatinamente as capacidades intelectuais e ter unha visión globalizadora dos contidos. Pola contra, os grandes "atracóns" de estudio son infructuosos pois o importante non é almacenar datos, senón procesalos.

-¿As Matemáticas son ciencia ou unha ferramenta para facer ciencia?

-De todo un pouco. Hai un corpo científico propio e moitas das investigacións realizadas teñen como ámbito as propias Matemáticas. Sen embargo, indubidablemente son tamén unha ferramenta fundamental da ciencia. Case todo o que nos rodea depende das Matemáticas: desde a predicción meteorolóxica, pasando polo emprego das tarxetas de crédito, o funcionamento dun CD ata calquera intercambio de información de forma electrónica. E desde logo, as Matemáticas van case sempre varios pasos por diante da técnica, só podendo levarse a cabo o desenvolvemento tecnolóxico cando existe previamente unha base matemática sólida no que fundamentalo. Por así dicilo os ma- temáticos traballamos detrás do escenario facendo posible a función, aínda que despois sexan os actores os protagonistas.

-Matemático ou científico, ¿con que calificativo se queda?

-Ser matemático é un xeito de ser científico, igual ca ser biólogo ou químico. Gústame ser matemático pero non renego de ningunha rama da ciencia

-E se falamos de aspiracións, ¿cales son as súas?

-En primeiro lugar rematar a miña tese, cousa que espero que suceda o ano que vén. Despois, o futuro non está claro, aínda que me gustaría moito seguir investigando e permanecer vencellado co mundo universitario.

-Vostede é moi novo. ¿Coida que a idade constitúe un inconvinte para acadar un certo recoñecemento dentro da comunidade científica?

-O que marca o recoñecemento é a calidade dos resultados obtidos. E iso depende máis do traballo e da dedicación que da idade.

-Xa no eido académico, vostede que é de Lugo, ¿que opinión lle merece a sé universitaria da súa cidade?

-O campus de Lugo é un dos mellor deseñados do noso entorno, polo menos na súa rama científica, onde se aglutinan unha serie de estudios que están máis ou menos centrados na actividade agraria. O feito de que a USC xuntara varias titulacións desta índole (Veterinaria, Enxeñería Agrícola e Forestal, por exemplo) dálle un valor engadido xa que permite o intercambio científico entre temas con certa conexión.

-Se vostede puidera rediseñar este campus, ¿que modificacións introduciría?

-Creo que debería continuar nesta liña de interdisciplinariedade e seguir promovendo titulacións con características en común para permitir o intercambio de información que é sen dúbida o punto de arranque para o avance científico.

Esta entrevista foi publicada o mércores, 1 de decembro de 2004, no suplemento Campus de El Progreso