Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A totalidade dos efectos dunha universidade non se poden medir"

María Pilar Murias Fernández, invesitagora luguesa da USC

"A totalidade dos efectos dunha universidade non se poden medir"

Pilar Murias
Pilar Murias
  • Ignacio Rodríguez

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar nun libro a tese de doutoramento defendida o pasado verán pola luguesa Pilar Murias Fernández (natural de Trabada), que centrou a súa investigación en analizar a eficiencia técnica da Universidade de Santiago, segundo a aplicación da metodoloxía da Análise Envolvemente de Datos.

-Vostede analizou na súa tese de doutoramento a eficiencia técnica da Universidade de Santiago, segundo a aplicación da análise envolvente, ¿que motivos a levaron a acometer este estudio que vén de ser publicado nun libro editado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria?

-Supoño que semella bastante lóxico que un se sinta interesado polo funcionamento da institución na que traballa, especialmente porque a Universidade é unha institución complexa incluso para os que formamos parte dela, dunha ou outra maneira. E despois está todo o debate xerado nos últimos tempos, primeiro coa nova lei sobre universidades, agora coas dificultades financeiras que atravesan algunhas institucións, a caída no número de estudiantes... A Universidade, que ten unha clara proxección cara ó futuro, é hoxe tamén un asunto de plena actualidade.

-E, unha vez vistos xa os resultados acadados, podería dicirme ¿cal é ou podería ser a súa utilidade?

-Dentro dunha universidade, como en calquera outra institución pública ou privada, hai que tomar moitas decisión de asignación de recursos entre distintas unidades, neste caso, departamentos. Pois ben, parece lóxico que antes de asignar novos recursos exista unha análise seria para coñecer se os distintos departamentos están empregando ben os recursos cos que xa contan. Os resultados dunha análise de eficiencia aportan máis información a aqueles que teñen que decidir como repartir fondos monetarios, prazas de profesorado... Por suposto que para iso ten que existir un consenso previo en cada institución sobre os factores que deben considerarse na análise de eficiencia.

-Despois da profunda análise realizada, vostede está autorizada para decir se a USC é unha institución eficiente ou non.

-Máis que analizar a eficiencia da USC como un todo, eu analicei a eficiencia dos distintos departamentos que a compoñen. E por suposto atopei departamentos máis eficientes que outros. De calquera forma, hai que ter en conta tamén que temos departamentos que afrontan situacións moi distintas: algúns teñen poucos alumnos matriculados e poden dedicarse máis a investigación, noutros aínda quedan vestixios da masificación de décadas pasadas. Neste sentido, os cambios na demanda por parte dos alumnos afectan obviamente ó funcionamento interno da universidade, e provocan un desequilibrio entre titulacións, e polo tanto entre departamentos, que explica, aínda que parcialmente, o menor grado de eficiencia observado nalgúns.

-¿Sería lícito dicir que a USC presenta unha producción inferior aos recursos que consume?

-Non penso que ningunha investigación aplicada poida levar a dicir iso, nin da USC nin de ningunha outra institución universitaria. A cuestión é moito máis complexa porque, ¿cal é o producto dunha universidade e como se mide? Podemos medir o número de alumnos que se gradúan, o número de patentes que se xeran. Se pode, e se debe na miña opinión, facer estudios de inserción laboral. Pero os efectos da Universidade, directos e indirectos, sobre os alumnos e sobre a sociedade en xeral, nunca poderán ser medidos na súa totalidade.

-¿Que erros ou aspectos mellorables atisbou no funcionamento técnico da institución académica compostelá?

-As condicións nas que actúa a nosa universidade están cambiando, así que xa non serven os patróns establecidos nas últimas décadas. Penso que a universidade está reaccionando e adaptándose a nova situación, mostrando un maior interese por cuestións de calidade, tanto na docencia como na investigación. En concreto, paréceme moi importante que se estableza unha maior colaboración entre a institución universitaria e o tecido empresarial galego, que a universidade sexa capaz de captar tamén recursos no mercado.

-¿Coida que se arbitraron os medios e os mecanismos necesarios para invertir estas situacións?

-Si, penso que hai iniciativas nese senso, pero obviamente fai falla un tempo para que se consoliden. Está claro que a universidade está máis aberta á sociedade hoxe do que o estaba fai uns anos.

-Para levar a cabo o seu traballo de doutoramento vostede tivo que ter en conta multitude de datos e parámetros. ¿Permitiulle isto apreciar indicadores de máis ou menos eficiencia nos campus de Compostela e Lugo?

-Non se realizou un estudio por campus, porque non o consideramos un factor relevante. En cambio si houbo que ter en conta cuestións como a rama de coñecemento á que pertence o departamento, ou o grado de experimentalidade das ensinanzas que imparte.

-A análise envolvente de datos é unha técnica recente, pero ¿a que atribúe o auxe acadado por esta recente metodoloxía?

-Sen dúbida ó feito de que é unha técnica moi flexible e non necesita realizar moitas hipóteses de partida. Analizar a eficiencia nunha empresa privada, onde os prezos dos factores e dos productos están claramente determinados, resulta relativamente fácil. Pero analizar a eficiencia en institucións públicas, onde os prezos se descoñecen, é bastante máis complicado. Esta metodoloxía non precisa de coñecer os prezos para facer unha primeira aproximación á eficiencia técnica, por iso se aplica moitísimo no sector público.

-Ademais do ámbito universitario, ¿que outros campos de aplicación tería esta técnica?

-A Análise Envolvente de Datos empregouse de maneira exhaustiva no campo educativo en xeral. Como lle dicía é de especial interese para analizar a eficiencia no sector público, así que hai aplicacións en provisión de servicios sanitarios, para comparar a eficiencia coa que traballan distintos hospitais ou servicios de urxencias, en programas de protección social para comparar tamén distintos centros... E tamén se están perfilando unha serie de aplicacións radicalmente distintas, fóra do campo da eficiencia. Eu agora mesmo estou traballando con esta técnica para construír indicadores sobre benestar e nivel de vida que nos permitan comparar distintas rexións ou países.

-¿Aproba a iniciativa da Consellería de Eduación de publicar estudos de investigadores xoves?

-Por suposto. De feito, eu síntome moi satisfeita, e obviamente agradecida á Consellería de Educación, por terme publicado este traballo, xa que os investigadores xoves temos moi difícil atopar plataformas que nos permitan facer público o noso traballo.

Esta entrevista foi publicada o mércores, 22 de decembro de 2004, no suplemento Campus de El Progreso