Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A estabilización de investigadores depende de cuestións alleas á Universidade"

Eduardo García-Rodeja Gayoso, vicerreitor de Investigación e Innovación da USC

"A estabilización de investigadores depende de cuestións alleas á Universidade"

Eduardo García-Rodeja Gayoso
Eduardo García-Rodeja Gayoso
  • Ignacio Rodríguez

O vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Eduardo García-Rodeja Gayoso (Lugo, 1953), destaca a calidade da laboura investigadora levada a cabo polos distintos membros da institución académica compostelá

-¿Que calificación lle merece a actual laboura investigadora desenvolvida na USC?

-O cómputo xeral da actividade investigadora levada a cabo por esta comunidade universitaria coido que é bo, segundo amosan os datos dos distintos indicadores que concurren neste capítulo. Nestes informes, a USC aparece como unha das universidades que máis proxectos de investigación capta a través do Programa Nacional de de I+D, así coma da administración autonómica e tamén mediante os convenios e acordos suscritos con empresas e institucións. Ten moito mérito que a Universidade de Santiago sexa unha das universidades españolas que máis recursos financeiros capta por medio da investigación.

-O programa electoral da candidatura rectoral á que vostede pertence presentaba a investigación como un compromiso da Universidade coa sociedade, ¿acadáronse logros neste capítulo?

-A actividade investigadora non pode restrinxirse a un compromiso electoral, senón que é un dos obxectivos fundamentais da sociedade do coñecemento na que nos atopamos. Neste senso, penso que a produción científica da nosa Universidade experimentou un crecemento continuado nos últimos tres anos, malia as dificultades financeiras que atravesa esta institución. A pesar disto, a USC fixo neste período un gran esforzo, tanto en inversións para a adquisición de instrumental científico como en infraestructuras de investigación, o que fai aínda máis visible a forte aposta feita pola USC no eido das tecnoloxías e da investigación.

-Vostede, lugués de orixe e compostelán de adopción, ¿atisba diferencias na produción científica entre os dous campus da USC?

-A maioría dos investigadores universitarios están en Santiago, de aí que sexan os centros de Compostela os que presenten máis proxectos de investigación e capten máis recursos a través desta vía. Non obstante, non hai que esquecer que nos últimos anos, a comunidade científica do campus lugués experimentou un gran pulo no que atinxe a concurrir ás distintas convocatorias de proxectos e tamén na publicación de traballos.

-Se ben non aprecia distincións neste eido, tampouco deberían existir no que atinxe ao reparto de recursos.

-Entendo que a Universidade non fai discriminacións entre os seus dous campus á hora de repartir os fondos, pero é obvio que o campus de Compostela sexa o que perciba máis recursos. Aínda así, penso que nestes últimos anos o reparto dos recursos dispoñibles fíxose por riba desta proporcionalidade.

-A promoción e consolidación do persoal investigador da USC era outra das premisas recollidas na candidatura electoral do actual equipo de goberno, ¿cumpriuse este obxectivo?

-Este tema é moi complexo e non só depende da Universidade de Santiago, senón que tamén hai que ter en conta a intervención das distintas administracións, así como o desenvolvemento de decretos da LOU e doutros aspectos legais. De todos xeitos hai que dicir que a USC é moi competitiva en Galicia en canto á captación de investigadores se refiere. Ademais, un dos principais problemas que ten que solventar esta institución académica é o de integrar aos seus investigadores dentro das plantillas docentes para logo negociar coa administración autonómica.

-¿Estima necesario arbitrar máis medios para estabilizar nos vindeiros anos un maior número de investigadores noveis na USC?

-Insisto. Acadar este logro sería dar un paso moi importante, pero tamén é certo que depende de cuestións alleas á USC, na que últimamente se incrementou de xeito notable o número de investigadores contratados, mentras que a cifra de bolseiros diminuíu tamén nos últimos dous anos. Doutra banda, tampouco se pode obviar que Galicia conta cun número de investigadores moi inferior á media nacional.

-¿Qué finalidade pretende a Universidade de Santiago coa elaboración dun novo catálogo de investigadores?

-A nosa Universidade conta cun catálogo no que figuran máis de setecentos grupos de investigación, moitos dos cales son unipersoais. Este catálogo non está actualizado e neste tempo mudou moito a realidade investigadora, xa que agora dase máis importancia ao carácter multidisciplinar dos grupos e a interactividade entre os distintos membros ou distintos colectivos. Ante esta situación, o primeiro paso que debe acometer a USC é o de actualizar a súa base de investigadores para logo poder ser máis competitiva á hora de acadar proxectos autonómicos, nacionais e sobre todo, o que é máis importante, conseguir proxectos de convocatorias europeas.

-¿Que beneficios reportará o novo edificio de investigación do campus?

-Pois mire, na medida en que esté máis xunto o persoal e os distintos grupos de investigación sempre hai máis posibilidades de que se aproveiten as sinerxias. Doutra banda, a concentración de todo o instrumental científico nunha mesma sé tamén favorece o mellor aproveitamento dos mesmos e permite aforrar custos.

-Os ingresos captados pola USC mediante accións de I+D son cada vez maiores, pero ¿que medidas propón para incrementar estos recursos?

-Dúas accións. Primeiro, fomentar a actividade investigadora entre a comunidade científica e logo, no caso do gasto en I+D fornecer a relación da Universidade coas empresas do tecido empresarial galego, posto que se melloramos esta relación tamén acadariamos máis convenios, máis proxectos e con eso, máis recursos.

-O novo plan de financiamento do SUG artella una partida orzamentaria vencellada a labouras de investigación e pola que deben competir libremente as tres universidades galegas. ¿Parte a USC dunha posición vantaxosa?

-Todos os indicadores sitúan á Universidade de Santiago por riba do cincuenta por cento da produción científica levada a cabo en Galicia, o que indica que a maioría dos proxectos convocados serán concedidos aos nosos investigadores. Doutra banda, tamén entendo como moi positivo que se adopte a investigación como un dos criterios para asignar recursos orzamentarios. Nembargantes, coido que a partida arbitrada neste caso -uns 5,2 millóns de euros- responden máis a un desexo que a una realidade, posto que esta cantidade é moi pequena.

-¿As universidades mídense pola súa produción científica e tamén pola súa actividade docente, pero ¿que apartado é máis relevante?

-Para min, investigación e docencia son dúas parcelas inseparables e irrenunciables para calquera universidade. Son as dúas finalidades máis importantes que han de ter as institucións académicas, por diante da prestación de servicios.

Esta entrevista foi publicada no suplemento Campus de El Progreso, o mércores, 26 de xaneiro de 2005