Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O modelo europeo de ensino superior supón un desafío importante para os docentes"

Miguel Ángel Santos Rego, director do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago

"O modelo europeo de ensino superior supón un desafío importante para os docentes"

Miguel Ángel Santos Rego
Miguel Ángel Santos Rego
  • Ignacio Rodríguez

O catedrátrico da área de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto de Ciencias da Educación, Miguel Ángel Santos Rego, considera que o proceso de harmonización do ensino universitario no contexto europeo supón un "difícil reto para o profesorado".

Ata fai poucos anos, o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC era o único centro que impartía o Curso de Aptitute Pedagóxica (CAP), que agora tamén asumiron as outras universidades galegas, ¿favorece esta realidade a formación dos novos profesores?
O ICE naceu nunha coxuntura distinta de formación do profesorado, pero logo, as outras universidades que emerxeron no Sistema Universitario Galego tamén asumiron para elas estas funcións. Esta situación é unha consecuencia directa do artellamento do SUG, pero o importante é que as universidades fagan todo o posible para mellorar a formación dos profesores.

A Lei Orgánica de Universidades (LOU) contemplaba a remodelación do CAP, que aínda non se levou a cabo, pero ¿hacia onde camiñaba esta reforma proposta?
A reforma do CAP tivo que retrasarse porque tamén se retardou a implantación da reforma educativa. Neste intre, o Goberno socialista prantexou unha demora co fin de que se poida debatir e consensuar un novo modelo educativo máis completo e tamén con mellores indicadores para a formación inicial do profesorado de Secundaria, un problema que segue a estar sen resolver.

¿A que problemas se refire?
Á falta de realismo, que coido que é a traba fundamental, posto que nunca se teñen en conta os condicionantes da formación. Mentras non se artellan mecanismos para implantar a formación do profesorado nas facultades de Ciencias da Educación estaranse a facer parches sen acadar unha solución. Na actualidade dámoslle máis importancia aos coñecementos que ten o profesor sobre unha materia en cuestión que á súa capacidade pedagóxica e ámbalas dúas facetas teñen que ir en consonancia, pois os docentes deben adquirir certas habilidades pedagóxicas ao longo da súa formación. De feito, os modelos educativos máis recoñecidos en todos os países propoñen unha formación integral.

O ICE tamén é un instituto de investigación, ¿cales son as liñas de traballo programadas neste eido para o pre sente exercicio?
Como vostede ben dice, a investigación tamén está entre os cometidos fundamentais deste instituto, que está a traballar na mellora dos procesos de ensino aprendizaxe e tamén na deteción e mellora das carencias percibidas na aprendizaxe dos alumnos. A investigación vencellada a didácticas específicas e a formación de emigrantes son outros dos traballos que nos ocupan. Nun nivel externo, tamén hai que apuntar o esforzo que fai o ICE en tarefas de educación social, educación ambiental...

O espazo europeo de educación superior é xa unha realidade en cernes. ¿Afecta isto á actividade do ICE?
A formación pedagóxica do profesorado é unha das tarefas primordiais do ICE, que organiza moitos cursos e seminarios vencellados co proceso de converxencia europea. A proximidade da implatación deste novo modelo de ensino si se está a percibir nun elevado grado de asistencia de docentes a este tipo de actividades, que outrora despertaban un menor interese.

¿Coida que os profesores están preparados para asumir as novas res- ponsabilidades que se derivan dos postulados establecidos na Declaración de Boloña?
Sinceiramente, penso que non. A asunción do novo modelo educativo supón un desafío de proporcións importantes que debemos asumir con moita seriedade. É imprescindible que as universidades potencien o cambio de mentalidade dos docentes e tamén que impulsen actividades encamiñadas a impulsar métodos innovadores na xestión da aprendizaxe, aínda que sen deixar de lado os resortes máis básicos do ensino.

Vostede fala de reto, desafío importante..., pero ¿é optimista ante o futuro que lle agarda á realidade universitaria?
A internacionalización do ensino universitario é, cando menos para min, fundamental. A Universidade de Santiago ten que internacinalizarse o máis que poida, porque isto vai evidenciar a xestión exitosa do futuro. As universidades que acaden unha dimensión máis internacional contarán cada vez con máis recursos e tamén con máis posibilidades á hora de competir.

¿Que predisposición atisba no estudantado para afrontar este proceso de profundo cambio?
A miña experiencia dime que os alumnos xa están acostumados a traballar con certa autonomía, aínda que seguen a precisar de patróns tradicionais. Teño a impresión de que a comunidade estudiantil vai adaptarse bastante ben ao novo marco educativo, pero tamén vexo necesario temperar as esixencias académicas dos profesores, sobre todo mentras non se completa este proceso de cambio.

Vostede tamén traballa en temas de educación para a diversidade e a interculturalidade. ¿En qué medida afeca a inmigración ao sistema educativo galego?
Galicia non é unha das comunidades máis afectadas polo fenómeno da emigración. Aínda así, nas nosas aulas están matriculados en torno a 8.000 inmigrantes e iso trae consigo certos problemas e dificultades puntuais nalgún centro. Esta realidade é se cabe máis grave cando non hai en Galicia ningún curso para formar nesta temática aos profesores.

¿Considera pois que a escola, tal e como está concebida na actualidade, está aberta á diversidade cultural?
A escola nestes intres ten que ser moi sensible á diversidade. Coido, ademais, que debe ser a institución de vangarda para mellorar a xestión da diversidade cultural e para así potenciar as competencias interculturales dos nosos estudiantes.

A Xunta vén de publicar un volume, coordinado por vostede, sobre a investigación educativa levada a cabo en Galicia nos últimos catorce anos, ¿que destacaría vostede neste eido?
Home, pois resulta moi alentador comprobar que o nivel da producción científica levada a cabo en Galicia relacionada coa investigación supera a media nacional. Ademais, tamén é relevante o elevado grado de participación de especialistas de ata quince áreas diferentes, que colaboraron neste traballo.

¿E que logros apuntaría?
O incremento do número de teses de doutoramento defendidas nos centros do Sistema Universitario Galego e o notable aumento dos proxectos de investigación sobre innovación educativa son dous dos capítulos máis importantes. Aínda así, tamén chama a atención a creación de múltiples novos grupos de investigación, entre outros logros.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 2 de febreiro de 2005