Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A Universidade tratará de potenciar a mobilidade estudiantil no campus lugués"

Elena Vázquez Cendón, vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago

"A Universidade tratará de potenciar a mobilidade estudiantil no campus lugués"

Elena Vázqez Cendón
Elena Vázqez Cendón
  • Ignacio Rodríguez

A vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela, Elena Vázquez Cendón, que recentemente presentou no campus lugués o programa A ponte entre o ensino medio e a USC defende a necesidade de incrementar a relación da institución académica compostelá cos centros de ensino medio para mitigar deste xeito o vértigo que desperta a Universidade entre o estudantado máis novo.

 

A primeira edición do programa A ponte foi cualificada de exitosa polo goberno da USC, pero ¿trátase este proxecto dunha iniciativa artellada só para captar máis alumnado?
É indubidable que este proxecto axudou a incrementar o número de novos matriculados na USC, pero a finalidade do programa A ponte entre o ensino medio e a USC vai máis alá e a súa pretensión última é a de conectar aos alumnos de ensino medio coa realidade universitaria. Para acadar este obxectivo non só nos diriximos aos estudantes, senón que tamén mantemos contactos cos orientadores, cos directores dos centros e tamén coas asociacións de nais e de pais.

 

Vostede fala dun aumento de novos matriculados, pero ¿podería apuntar algunha cifra?
Resulta complexo aportar cifras exactas, pero eu diría que a nova matrícula medrou este ano entre un cinco e un dez por cento respecto ao exercicio anterior. Non se pode achacar esta situación só o programa A Ponte, pero, doutra banda, tamén é certo que a maioría dos novos alumnos tiñan participado xa nestos encontros. Non podemos esquecer que a maioría dos universitarios de hoxendía son fillos de universitarios, que teñen unha imaxe da Universidade moi antiga, xa que a realidade mudou moito nos últimos vinte anos.

 

A caída do estudantado obriga ás universidades a ofrecer cada vez máis e mellores servizos, pero neste eido ¿cales son as institucións máis competitivas coa USC?
Por proximidade, non cabe dúbida de que temos que falar das institucións académicas do Sistema Universitairo Galego. Aínda así, todas as universidades son competitivas entre si, pois a batalla principal céntrase en parámetros de calidade. Se falamos de Lugo, que xa merece xa o calificativo de cidade universitaria, non podemos esquecer que ten un campus de referencia en algunhas titulacións como Veterinaria ou Agrónomos.

 

A USC vai á cabeza dos programas de mobilidade estudantil no ámbito europeo. ¿É certo que os 'erasmus' van limpar?
Penso que iso non é de todo verdade. É certo que hai unha maior flexibilidade cos expedientes académicos, pero non é menos certo que os rapaces tamén teñen que estudar. O que pasa, como é lóxico, é que o alumno que se vai fóra cando torna sempre conta o mellor. Asemade, o alumno que quere acollerse a unha bolsa do programa Sócrates ten que superar antes a barreira que supón a proba de idioma, así coma ter superados un determinado número de créditos académicos. A esta dificultade tamén lle deberiamos sumar o esforzo que supón o proceso de adaptación a outro país e a outras culturas.

 

¿Mantense á alza o fluxo de estudantes 'erasmus' entre os matriculados na Universidade de Santiago?
As nosas previsións indican iso. Repito, falto de previsións, pero, dacordo coas nosas estatísticas, a USC recibirá ao longo deste curso preto duns seiscentos rapaces doutros países europeos. O número dos nosos estudantes que decidiron irse é máis baixo, pero tamén anda preto dos cincocentos.

 

¿Esta situación é homoxénea nos dous campus da USC?
Non. A maioría dos alumnos erasmus recalan no campus de Compostela, onde tamén se rexistra unha demanda de bolsas máis elevada. Un dos nosos obxectivos neste eido pasa por potenciar os programas de mobilidade estudiantil na sé universitaria luguesa.

 

O éxito que desperta o programa 'Sócrates-Erasmus' entre o alumnado da USC non se corresponde coas bolsas concedidas pola institución académica aos rapaces de intercambio. ¿Por que a USC dá bolsas moito máis pequenas aos 'erasmus' ca outras universidades?
Os alumnos erasmus perciben axudas da Axencia Nacional Leonardo, da Xunta de Galicia e tamén da Universidade. Son tres bolsas compatibles e procedentes de tres entidades distintas. O compromiso adquirido polas universidades foi o de ir incrementado as bolsas co paso dos anos e cada institución adoita financiar aos seus estudantes do xeito que pode. No caso da USC, ésta dispón dun orzamento de 60.000 euros anuais para becar a este tipo de alumnos. Hai universidades que dan máis cartos e outras menos. Sen embargo, no caso de Galicia, un feito moi importante é que a Xunta acordou incrementar nun 40% o orzamento adicado a costear as estadías dos alumnos do SUG que solicien o Erasmus.

 

A inserción laboral dos estudantes entraría tamén dentro das competencias do vicerreitorado que vostede dirixe. ¿dispón de datos neste eido?
Temos estudos de inserción laboral parciais, dalgunhas titulacións en concreto, pero non de todas. De todos xeitos, os indicadores xerais que hai por aí amosan un bo resultado para os egresados da USC. As estatísticas de Premios Nacionais tamén destacan que esta Universidade acada moitas distincións o que, dalgún xeito, tamén refrenda o bo nivel de coñecementos e de formación que reciben os nosos estudantes.

 

E como explica entón que dezaseis de cada cen matriculados da USC deixen os seus estudos ao longo dos dous primeiros anos da carreira
Mudar de estudos despois de dous anos non ter porque considerarse como un fracaso. A formación universitaria é unha decisión moi importante, xa que, en principio, vai afectar ao resto da vida. Entón, se un rapaz se da conta despois de dous anos que o que está a estudar non vai con el, por que non vai empezar outra cousa que lle guste máis. Eu entendo que esta decisión non responde a ningún tipo de fracaso.

 

A solidariedade universitaria é por todos coñecida, pero parece que este loable comportamento non se deu con motivo da traxedia provocada polo 'tsunami'.
Aínda que non saíran á luz, o certo é que xa temos accións emprendidas. O que pasa é que a USC, a diferencia do sucedido co fundimento do Prestige non acordou liderar esta acción solidaria, senón que fixo chegar á comisión de cooperación internacional xa existente na Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE) unha proposta para que, de xeito conxunto, todas as universidades españolas adoptaran medidas de axuda cunha finalidade sostible. Unha das propostas baralladas é a de acoller a estudantes procedentes das rexións afectadas nas universidades españolas.

 

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 9 de febreiro de 2005