Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Hai que reorganizar a oferta de títulos nos nosos campus"

Senén Barro, reitor da USC:

"Hai que reorganizar a oferta de títulos nos nosos campus"

Senén Barro, reitor da USC
Senén Barro, reitor da USC
  • I. Casal

Di que nunha universidade coa dimensión da USC calquera mandato é duro, pero recoñece que a situación económica que obrigou hai agora un ano á USC a adoptar un plan de equilibrio financeiro foi complicada. Hoxe, o reitor, Senén Barro, ve bastante superada a crise e centra esforzos para que a harmonización no espazo europeo -2010- non sexa un "mero cambio de nomenclatura".

A caída do alumnado favorece a mellora da docencia en centros masificados, pero noutros cuestiona o seu futuro, sobre todo en facultades de carreiras que se duplican ata nas tres universidades galegas, ¿contémplase unha racionalización desta realidade?
O novo espazo europeo de educación superior (EEES) pode ser unha oportunidade magnífica para reorientar aspectos francamente mellorables. Ao fío do novo catálogo de títulos de grao, que se está a perfilar, creo que as tres universidades e a Xunta deben analizar o existente, as súas distribución xeográfica e demanda para facer un esforzo de reorganización da oferta. É o momento e, dende logo, esta universidade estará disposta a reflexionar, con rigor e sen traumatismos. Ao mesmo tempo, no ámbito interno cada universidade poderá atopar nos posgraos un elemento máis diferencial que defina a súa personalidade.

E que axude a captar novo alumnado...
Si, creo que así será.

¿Están xa a falar os reitores desa posible reorganización?
É prematuro porque estamos á espera de ver cómo se resolve o catálogo estatal de títulos de grao e posgrao. Coido que ese proceso de análise e reorganización dunha oferta xa acomodada aos novos tempos debería ser posterior e que en boa medida debería lideralo polo Goberno da comunidade autónoma.

¿E non teme que os localismos volvan ser os gañadores?
Porque no pasado se deron non descarto que poidan repetirse, pero confío en que o EEES sexa unha oportunidade de avance, nunca de retroceso, fronte a unha situación que creo que dista de ser óptima no tocante á distribución de títulos nos sete campus galegos.

¿E novas carreiras non existentes en Galicia?
Iso vai depender en boa medida dos recursos humanos que ao fío desa reestruturación poidan dedicarse a asumir outras responsabilidades docentes. O que non vamos poder facer é asumir unha nova oferta incorporando dun modo significativo novo persoal docente e investigador.

Vostede adoita apelar ao aproveitamento de recursos, pero tampouco dubidou en mostrar certos receos ante o plan plurianual de financiamento dos campus galegos. Pode resultar complicado entender que os 2.140 millóns de euros que se investirán ata 2010 non sexan de abondo, pensando que proxectos como o porto exterior coruñés, o maior do Plan Galicia, son 600 millóns, por exemplo....
Á xente non lle chama a atención que se faga un esforzo significativo na sanidade ou nas infraestruturas porque consideramos que no mundo no que nos queremos situar son importantes. Pero a formación é ademais o principal recurso que ten un goberno para apostar por unha alta cualificación dos seus profesionais e ter unha menor dependencia do resto do mundo. E quen proporciona iso son as universidades. Quen se estrañe do que demandamos debe pensar niso. Por iso pedimos medios equivalentes aos doutros países da UE, moi por enriba de nós en investimento en campus públicos.

Quizais España aínda estea moito na cultura do ladrillo, pero tamén é certo que os campus fallan á hora de facerlle ver o seu papel á sociedade....
Coincido con iso. Creo que o mellor Plan Galicia ao que pode aspirar este país sería un plan que investise moitos máis recursos en coñecemento ca en cemento. Recoñezo que a esta comunidade aínda lle faltan moitos investimentos importantes en infraestructuras de comunicación, pero non desatendamos o coñecemento. Investir nel é algo que tarda máis en rendibilizarse, pero a longo prazo é máis importante. Hoxe unha sociedade sitúase á cabeza non polas materias primas, senón polos seus recursos humanos e a súa capacidade de proxectarse en mercados cada vez máis importantes. O exemplo do silicio é moi claro. Galicia teno a esgalla, pero ¿onde está o seu valor? Nos circuítos integrados, no coñecemento proxectado sobre este material.

Falando de recursos, ¿cantos farán falta para o Campus da Saúde e que prazos ten?
Por agora non poñemos unha data, pero xa é inminente o comezo das primeiras obras. Houbo que lidiar con limitacións económicas e de solo, pero por fortuna estamos dando cunha solución, aínda que non sexa óptima, porque hai unha serie de condicionantes irreversibles, como o espazo que se ocupou arredor do hospital (o campus medrará ao outro lado da estrada). No tocante aos cartos, a día de hoxe aínda non temos os recursos necesarios, pero estamos seguros de ir acadándoos progresivamente. O que nos ocupa agora é ter un proxecto global adaptado ás necesidades do séc. XXI.

¿Que balance económico e anímico fai a estas alturas do seu mandato?
Creo que lle demos a volta, con serenidade e transparencia, a unha situación que puido ser catastrófica. Por fortuna vai quedando atrás un pesadelo, unha situación que hai que dicir que se repite en moitas universidades xa consolidadas, con maiores necesidades, pero tamén cunha maior inercia nos gastos. Agora miramos ao futuro con optimismo.

¿E quedan folgos para presentarse á reeleccción?
Estarei á disposición do que digan os grupos que me veñen apoiando para contribuír como reitor ou dende a miña cátedra. Pero se a pregunta é se teño forzas tras a crise, debo dicir que teño máis optimismo, ideas máis claras e as relacións institucionais máis sólidas ca nunca para afianzar proxectos ata 2006

Entrevista publicada, no xornal El Correo Gallego, o domingo 27 de febreiro de 2005