Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O debate dos novos títulos de grao tense que facer no seo do SUG"

Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo

"O debate dos novos títulos de grao tense que facer no seo do SUG"

Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo
Carlos Herrero Latorre, vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo
  • Ignacio Rodríguez

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo,  Carlos Herrero Latorre, que está a piques de cumprir  o seu terceiro ano no cargo, salienta que ao longo  deste período a sé universitaria lucense ten avanzado moito, aínda que aboga por dar continuidade a este proceso de melloras.

A descentralización dos servizos constitúe  un dos principais logros acadados por este equipo rectoral, pero ¿que vantaxes trouxo este novo  organigrama para o campus lugués?
Vantaxes, moitas. Pois mire, a descentralización  dos servizos administrativos e de xestión permitiu  que agora se poidan resolver dun xeito áxil e sinxelo  máis cousas nesta sé universitaria. Ademais, esta  nova organización tamén lle otorgou novas competencias e responsabilidades á Vicexerencia do campus.

¿E permitiu acadar máis recursos financeiros para esta sé universitaria?
Sen lugar a dúbidas. A captación de recursos orzamentarios experimentou nestes anos un incremento salientable, sobre todo no que atinxe ás partidas  que agora residen e están depositadas no vicerreitorado de Coordinación. Coido que todo isto axudou a  remozar a imaxe deste campus,  que, a diferencia de hai uns anos,  agora está mellor artellado e dispón dunha boa señalización. Aínda así, son precisas novas actuacións.

¿Defende a tese dos  que apuntan que  o campus lugués  gaña cada vez máis  peso no seo da Universidade de Santiago?
A sé universitaria luguesa representa cada vez máis  unha parte consustancial e fundamental da Universidade  de Santiago. Eu iría  máis alá, posto que creo que este campus xa acadou a  súa maioría de idade. Só hai que  pensar que na a tualidade contamos  cun abano de titulacións axeitadas e con grupos de investigación de excelencia que resultan competitivos nas convocatorias de proxectos de investigación de ámbito nacional e tamén internacional.

Vostede resalta  a excelencia do labor  científico que desenvolven na actualidade os investigadores do campus lugués, pero  ¿que me di dos futuros  centros de investigación que as distintas administracións anunciaron crear en  Lugo?
A Universidade debe cumprir os obxectivos que se lle atribúen a calquera institución académica e, por tanto, debe colaborar na  medida das súas posibilidades na creación  de todos os centros que resulten de interés  para o desenvolvemento socioeconómico  de Lugo e de Galicia. De momento, a institución académica compostelá está a ollar  como se levan a cabo os distintos plantexamentos propostos, pero sempre coa disposición de colaborar.

¿Redundarán estas novas infraestructuras de investigación nun incremento da producción científica do campus lugués?
É posible, pero máis importante ca facer máis investigacións ou incluso ca gañar  proxectos de convocatorias internacionais,  coido que o máis interesente sería vencellar os traballos desenvolvidos cos sectores  productivos de Lugo, posto que isto daría  un valor engadido aos resultados acadados nas investigacións.

O espazo europeo de Ensino Superior é xa unha realidade en cernes.
É certo que os vindeiros anos estarán  marcados por numerosos cambios, pero o  campus lugués non debe ter ningún tipo de  medo nin complexos, xa que conta cun  abano de titulacións competitivas e que xa  superaron distintos procesos de avaliación.  Neste senso, cabe suliñar que a USC arbitrou partidas específicas para artellar as  accións de mellora propostas polos distintos comités avaliadores. Insisto, penso que estamos nunha boa posición para adaptarnos a Europa.

O novo catálogo de títulos de grao  publicarase previsiblemente en primaveira. ¿Que novos estudos aspira a impartir a Universidade de Santiago?
Ata o momento temos que agardar a  que se publique o novo catálogo de títulos  e logo, non hai que esquecer que o debate  sobre os distintos graos tense que desenvolver no seo do Sistema Universitario Galego, posto que os estudos ofertados redundarán no seu futuro. Diría que é moi cedo para falar disto, xa que aínda queda  moito por facer. Sen embargo, teño a plena confianza de que a oferta académica do  campus lugués vai saír fortalecida no futuro espazo europeo.

Insisto, xa que logo podería adiantar algo sobre os posgrados que se  ofertarán en Lugo.
Na miña opinión, os títulos de grao e  de posgrao deben ir ligados. Polo tanto,  non é lóxico falar dos estudos de posgrado  sen antes saber con que titulos vamos contar. É unha opinión, pero entendo fundamental a complementariedade destes dous  niveis de ensino.

Vostede amósase reacio a falar da  futura programación académica da Universidade de Santiago no seu campus  de Lugo, pero ¿conta esta institución  cunha plantilla de docentes axeitada para facer fronte ás novas esixencias do  ensino?
A nova estructura académica obrigará  a facer axustes na actual plantilla de profesorado, que penso que é suficiente. Aínda  así, cando falo de reaxustes de persoal  refírome a homoxeneizar os recursos de  persoal das diversas áreas que integran a  Universidade.
 
O espazo europeo constitúe una  aposta manifesta pola internacionalización da docencia. ¿Axudará este novo  escenario a paliar o progesivo descenso de matriculados nos campus da Uni- versidade de Santiago?
Non podemos facernos ilusións e pensar que esta nova dimensión da realidade  universitaria vai facer que o campus lugués  acade de novo os dez mil estudantes. A  nosa poboación estudiantil está máis ou  menos estabilizada ao redor duns 8.000  alumnos e se queremos que a matrícula  evolucione dun xeito favorable temos que  esforzarnos por manter una oferta académica cada vez máis atractiva e avalidada  por un ensino de calidade e pola continua  mellora dos servizos complementarios que  a USC pón a disposición dos estudantes.

Esta nova dimesión internacional  do ensino é un arma de dobre fío e, polo tanto, pode repercutir de xeito negativo. ¿Ten crédito o campus lugués entre  as universidades europeas?
Os programas de mobilidade estudiantil e de intercambio de docentes deixan  á USC e tamén a este campus nun bo lugar. Asemade, o interese de universidades  estranxeiras por crear másters ou posgrados en colaboración con centros universtiarios ubicados en Lugo fai pensar que este  campus goza cada vez de máis relevancia.