Saltar ao contido principal
Xornal  »  "A política cultural da USC é un referente en Galicia e implica calidade e prestixio"

Mar Lorenzo Moledo

"A política cultural da USC é un referente en Galicia e implica calidade e prestixio"

Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria da USC
Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria da USC
  • Ignacio Rodríguez

A vicerreitora de Extensión Cultural e  Servizos á Comunidade Universitaria  da USC, Mar Lorenzo Moledo (Noia,  1968), asegura que “as bolsas de comedor nas residencias do SUR garanten a igualdade de oportunidades aos  estudantes con menos recursos económicos”.

Vostede leva tres anos como  responsable de Cultura da USC, ¿que balance fai da situación cultural do país?

Creo que en Galicia se fai unha  oferta cultural diversificada e ampla  que permite atender aos diversos intereses da poboación galega e que implica a distintas administracións, institucións e organizacións. Aínda así, deberíanse facer máis esforzos para consolidar determinadas liñas que inciden directamente na formación e  producción cultural e en coordinar o  traballo dos distintos programadores  culturais. Un bo exemplo desto último  é o programa Lugo Cultural, que permite que a Universidade, a Deputación  de Lugo, o Concello de Lugo e a Fundación Caixa Galicia acordemos traballar xuntos para ofrecer unha programación conxunta para a cidadanía.

¿Cre que os cidadáns galegos  teñen igualdade de oportunidades  no plano cultural?

Nos últimos anos a ampliación da  oferta e a desconcentración da mesma fixo posible que un maior número  de galegos e galegas tiveran acceso á  programación cultural de fundacións,  administracións, universidades... Con  todo, debemos marcarnos como obxectivo incidir naquelas áreas e colectivos que aínda seguen a demandar  unha actuación específica.

¿Que relacións se poden esta- blecer entre cultura, tecnoloxía e industria?

A nosa sociedade caracterízase  pola multiculturalidade e por ser a sociedade da información e das novas  tecnoloxías. Que duda cabe que ámbalas dúas impregnan a nosa política  cultural. Cultura e tecnoloxía deben  formar un todo, xa que a cultura non  pode pechar os ollos a unha realidade,  sobre todo se queremos apostar pola  innovación e o acercamento ás novas  tendencias. As tecnoloxías permítennos disfrutar de programas que doutro  xeito sería imposible abordar, sobre  todo para unha universidade. Pero a  cultura é tamén unha industria, a industria cultural, sin a cal non sería doado facer unha ampla e rica oferta.  Considero que este é un xacemento de emprego non suficientemente abordado e no que están implicados  moitos colectivos profesionais. 

¿De que xeito inflúe a USC na  vida cultural de Galicia?

Penso que a política cultural da  USC é un referente no plano cultural  galego, xa que desde a Universidade  se aposta por facer unha programación de calidade para toda a cidadanía. O noso traballo é recoñecido polo público en xeral e a marca USC  Cultural implica calidade e prestixio.

Pedagoxía, ciencia, música, artes plásticas, poesía... ¿que lle gusta máis?

Creo que me resulta imposible disociar. A Pedagoxía, en canto Ciencia  da Educación, é o ámbito científico no  que traballo e ao que adico moitas horas; é sin lugar a dúbidas a miña paixón. Pero os científicos da educación tamén precisan para o seu crecemento persoal e profesional da música, das artes plásticas, da poesía ou  do teatro, que para moitos constitúen  campos de investigación. No meu caso prodúcese un feedback continuo  entre o meu traballo na vicerreitoría e  a miña labor docente e investigadora. 

É responsable dos servizos á  comunidade universitaria da USC:  Servizo de Publicacións, Imprenta,  bares, comedores e residencias...  ¿Cre que a cultura libresca e a gas- tronómica teñen boa sintonía?

A nosa literatura recolle moitos e  variados exemplos desa relación que  constantemente se renova. Fai pouco  o Pen Clube de Galicia, co que a USC  colabora, celebraba unhas xornadas  de poesía e gastronomía que foron realmente exitosas. 

¿E que me di dos cursos de verán que vai celebrar a USC?

Nesta convocatoria de cursos de  verán introducimos cambios significativos, a fin de afonda na política de  descentralización dos mesmos. De feito, a USC oferta 21 cursos, 9 na provincia da Coruña, 7 na de Lugo, realizándose 4 no campus, e 5 en  Pontevedra. Os cursos do campus lugués xiran en torno as temáticas de  biodiversidade, alimentos funcionais e  saúde, filtración selectiva na industria  láctea e a prevención de riscos. 

¿Coida que o feito de vivir nun  centro do SUR supón un valor en- gadido para o estudante?

Por susposto, creo que a vida nas  residencias é un valor engadido na formación dos nosos universitarios e universitarias, xa que son espazos de  convivencia e de vida que contribúen  de forma salientable ao desenvolvemento social dos estudantes.

¿A proposta das bolsas de comedor vai solucionar o conflicto  que a USC ten cos residentes?

Si, xa que con esta medida, dirixida aos residentes e colexiais dos centros que integran o SUR con bolsa de  residencia do MEC na vindeira convocatoria, a USC pretende corrixir os  problemas derivados da incompatibilidade entre as bolsas do Ministerio e  as bolsas propias de residencia. Deste xeito, a Universidade segue coa súa  política social de apoiar aos estudantes con menos recursos garantindo a  igualdade de oportunidades. 

A residencia ‘Jesús Bal y Gay’,  que é a única que dispón a USC na  sé universitaria luguesa, foi obxec- to de melloras nos últimos anos,  pero ¿plantéxanse acometer novas  inversións para mellorar as infraes- tructuras e os servizos deste centro  universitario a curto prazo?

Fai uns días reafirmei o compromiso da USC coa mellora desta residencia, que no vindeiro mes de agosto acollerá actuacións encamiñadas a  mellorar as infraestructuras e os servizos que ofertamos e polo tanto mellorar a calidade de vida dos nosos residentes. Fíxose moito, pero nunca o suficiente, e espero que á volta das vacacións os residentes atopen unha residencia renovada. Ademais destes  proxectos, a dirección do centro propúxose como obxectivo dar a coñecer a residencia entre a comunidade  universitaria e a sociedade luguesa.

Este ano estamos a celebrar o  centenario do nacemento do músico lugués Jesús Bal y Gay. ¿Orga- nizará a USC algún acto en Lugo co  gallo desta data?

Si, a USC no marco do programa  Lugo Cultural e con outras institucións,  está a elaborar un amplo programa de  actividades para dar a coñecer a figura e a obra deste musicólogo lugués  que espero poida ser presentado en  breve. Queremos que o vindeiro curso  2005-06 sexa o ano de Bal.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 8 de xuño de 2005