Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O meu obxectivo é que a USC sexa o paradigma da modernidade entre as universidades históricas"

Senén Barro Ameneiro

"O meu obxectivo é que a USC sexa o paradigma da modernidade entre as universidades históricas"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Ignacio Rodríguez

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, quizá pola súa capacidade para a xestión e a negociación, conta hoxe cunha acreditada reputación entre os seus colegas estatais e tamén diante das administracións. Nesta entrevista Barro pronostica que a institución que dirixe será recoñecida como líder do emprendemento.

¿Que lectura fai dos tres anos que leva ao fronte do goberno da USC?
Foron tres anos enormemente intensos, esixentes, comprometidos e difíciles. Estiveron enmarcados por unha situación económica moi delicada, e ter que dar resposta a unha situación excepcional deste calibre esixiu medidas excepcionais, imaxinación, valentía e tesón. Por fortuna, e co compromiso de todas e todos, estamos saíndo dun pesadelo.
 
¿A USC é hoxe a que vostede imaxinaba fai tres anos?
Tres anos non cambian profundamente unha Universidade como a USC, xa consolidada hai moito tempo. Pero o que si creo é que boa parte dos obxectivos que nos marcamos cando concorremos ás eleccións están conseguidos ou moi preto de selo. Desde ese punto de vista a resposta á súa pregunta sería si. Particularmente, imaxinaba unha universidade emprendedora no sentido pleno do termo. Emprendemento económico, social, medio ambiental, cultural… Creo que hoxe somos un dos referentes como universidade emprendedora.

O novo marco financeiro do SUG supuxo un sopro de aire fresco para a USC a comezos deste curso.
Ter un plan de financiamento ata o 2010 é positivo. Non é doado planificar unha política de accións e inversións se non hai certeza sobre a evolución dos ingresos nos anos vindeiros. Ademais, a súa total independencia respecto do número de alumnos permite ter garantías sobre a evolución das achegas que ano a ano recibiremos por parte do goberno autónomo. Sen dúbida isto é un claro avance respecto do plan anterior.

Vostede nunca se mostrou plenamente satisfeito con este acordo. ¿Ve posibilidades de renegocialo?
No seu momento puxen de manifesto o que me parecía insuficiente ou inadecuado do plan. As miñas demandas reclamaban un modelo de financiamento máis sensible coa realidade das universidades, como institucións docentes, investigadoras e prestadoras de importantes servizos. Tamén na atención ás necesidades e obxectivos específicos que a USC ten e persigue, distintos en parte aos das outras universidades do SUG.

Outro dos retos da USC nestes intres é o proceso de harmonización eurpoea. ¿Que nos deparará o futuro?
O mesmo que para o resto de universidades. Unha serie de obrigas e tamén de oportunidades. Temos que avanzar co conxunto de universidades do estado español cara a unha harmonización cun espazo de educación superior a nivel europeo, que hoxe por hoxe está bastante lonxe de ser homoxéneo. Temos a oportunidade de aproveitar este reto para cambiar o modelo de ensino-aprendizaxe, centrándoo máis no estudante, e redefinir a nosa oferta docente, tanto no grao como, e sobre todo, no posgrao.

¿Confía en que a nova dimensión internacional da USC incrementará o prestixio desta institución?
Si, pero non vai a ser sen esforzo nin sen a imprescindible planificación. Movernos nun novo espazo máis amplo, competitivo e internacional vai a esixir de nós, como institución, como comunidade universitaria e como individuos desa comunidade, novas formas de comunicación, de traballo, de proxección exterior e de cooperación en redes, que estamos empezando xa a desenvolver.

¿A USC afronta esta etapa desde unha posición de vantaxe?
Temos algunhas fortalezas que hai que converter en oportunidades. A nosa condición de universidade histórica, cunha sólida reputación nacional e internacional, é sen dúbida unha desas fortalezas. Pero tamén temos que rachar con certas inercias, certo conservadorismo intelectual que tamén é característico das universidades con maior pouso histórico, e que tamén é unha debilidade. O meu obxectivo é que a USC sexa o paradigma da modernidade entre as universidades históricas. Levamos camiño de selo.

E que di das titulacións da área das Humanidades.
Creo que hai argumentos dabondo, coa cabeza, e sen ter que apelar a outros máis vencellados ao corazón, para defender a permanencia desta oferta formativa. O proceso de definición da nova oferta de títulos de grao e posgrao acaba de ser encetado, e dun modo racional, obxectivo, con datos, defenderemos a necesidade de que o novo mapa da educación superior contemple esta oferta docente.

As conversas con Universidade Aberta non chegaron a bo porto, de momento. ¿Ve posibilidades de retomar estas negociacións a curto prazo?
Pola miña parte, xa o dixen, estou disposto a seguir apostando por configurar un goberno o mais representativo posible do sentir, das sensibilidades, dos modelos de universidade que coexisten na nosa comunidade universitaria. Son persoa de diálogo, e de diálogo entendido como colaboración e non simplemente como vía para escoitarnos uns aos outros, pero sen mudar as posturas de partida. Traballarei sempre por ser o necesario catalizador dun proceso delicado e difícil, pero sen dúbida bo para o goberno e o futuro da USC.

Vostede é un defensor das TIC, pero ¿pensa que esta era vai revolucionar a formación universitaria?
Son un firme defensor do bo uso das TIC. Do seu uso como un medio, moi poderoso, eso si, e non como un fin en si mesmas. Nesta liña impulsamos un plan estratéxico de penetración progresiva das TIC en todos os ámbitos e actividades da Universidade. Dentro do grupo de traballo das TIC da Conferencia de Reitores de Universidades de España, que teño a honra de presidir, estamos impulsando moitos proxectos e iniciativas de interese común para o conxunto das universidades, e estou seguro de que estamos a percibir xa con claridade unha evolución positiva no modo de facer.

Agora incorporamos á investigación, ao desenvolvemento, e á innovación o emprendemento, ¿ata onde poderemos chegar?
A USC quere ser un referente no emprendemento. Quere ser coñecida e recoñecida como unha Universidade líder no emprendemento. E non só no emprendemento económico, o que se asocia normalmente á I+D+i, e en particular á transferencia dos seus resultados á sociedade en xeral e ao ámbito económico en particular. Tamén queremos liderar o emprendemento social, cultural, medioambiental… A universidade que non sexa sensible aos cambios e ás demandas da sociedade, máis aínda, a que non lidere ditos cambios, está condenada ao ostracismo, ou incluso á desaparición.
 
Aínda que falta un ano para rematar o seu mandato, ¿xa decidiu se vai concorrer ás eleccións o vindeiro ano?
Encamiñada a recuperación económica da USC é o momento do despegue ou a consolidación en moitas outras frontes, que creo saber impulsar, planificar e dirixir. Por tanto, se quen me apoiou nas anteriores eleccións seguen mantendo a confianza en min, non teño motivos para non concorrer ás próximas eleccións como candidato a reitor. O meu compromiso coa Universidade non só non diminuíu, senón que é moito máis firme que nunca. En todo caso, debemos intentar que o goberno dos próximos catro anos teña o maior apoio e sexa o máis representativo posible do conxunto da Universidade. Se se entende que pode haber alguén que poida conciliar mellor ca min esa pluralidade existente, e incluso desexable, na USC, eu non vou a ser un obstáculo.



Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 29 de xuño de 2005