Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O campus de Lugo acadou preto de 9 millóns de euros por actividades de I+D+i no 2004"

Carlos Hernández Sande, director do CITT da Universidade de Santiago de Compostela

"O campus de Lugo acadou preto de 9 millóns de euros por actividades de I+D+i no 2004"

Carlos Hernández Sande
Carlos Hernández Sande
  • Ignacio Rodríguez

O director do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) da Universidade de Santiago, Carlos Hernández Sande, salienta que a puxante producción científica e investigadora das universidades galegas contribuirá a un maior desenvolvemento de Galicia.

A USC acapara o 60% da producción científica de Galicia, segundo indicou o rector Senén Barro. ¿Coida que esta concentración da actividade investigadora nunha soa institución é positiva para o desenvolvemento da nosa comunidade?
A USC é unha institución cunha longa vida, multidisciplinar, e comprometida coa educación, a I+D+i e a transferencia de coñecemento á sociedade, polo que é lóxico a puxanza que ten na producción científica de Galicia. As outras universidades e organismos  de investigación de Galicia veñen cada día facendo máis esforzos neste eido, tendo cada vez máis implicación na I+D+i. Esta puxanza conxunta de todos eles, incluída a USC, contribuirá sen dúbida a un maior desenvolvemento da nosa comunidade.

¿Non cre que esta elevada producción científica debería ter un maior recoñecemento nas liñas de financiación fixadas nos orzamentos do SUG?
Fixéronse grandes esforzos nos derradeiros anos por incrementa-las liñas de financiación nos orzamentos do SUG e confiamos que este esforzo continuará e se incrementará nos vindeiros anos.

¿Atisba moitas diferencias entre a producción científica do campus lugués e o de Compostela?
O campus de Lugo é moi novo, polo que é lóxico que aínda haxa algunha diferencia entre os dous campus nestes temas, pero co paso do tempo estas diferencias están a reducirse.

A I+D+i+E medrou de xeito salientable durante o pasado noconxunto da USC, pero ¿tamén se aprecia esta evolución no caso da sé luguesa?
O campus lugués ven tendo un incremento considerable nos derradeiros anos, tanto en número de proxectos e actividades de I+D+i, como nos ingresos obtidos  a partires de éstes. A este respecto no ano 2004 os ingresos obtidos no campus de Lugo por estes conceptos estiveron perto dos 9 millóns de euros.

O campus de Lugo conta con preto de 8.000 estudantes e máis de 400 docentes, pero ¿presenta unha producción científica acorde a estes parámetros de persoal?
Podemos dicir que o campus de Lugo amosa uns resultados acordes ao seu plantel de investigadores e conforme continue crecendo estes resultados continuarán a mellorar.

¿Coida que a USC pode mellorar a súa producción de I+D+i+E sen incrementa-lo número de investigadores ?
Mellorar os resultados existentes sempre é posible sin incrementa-lo número de investigadores, a través dun aumento das relacións con empresas e do número de proxectos presentados a convocatorias competitivas. Esto non é impedimento sen embargo para conquerir aumenta-lo no número de investigadores para achegarnos á media de outros países, que é tamén unha preocupación da Comisión Europea,  para tratar de alcanzar tasas en Europa semellantes ás que existen en Estados Unidos ou Xapón.

¿Ve preciso aumentar a financiación que percibe a Universidade das empresas?
A financiación que a USC recibe das empresas privadas non é pequena -un 16% dos 34,7 millóns de euros recabados no 2004-, aínda que obviamente é necesario incrementala. Neste eido Europa en xeral e España en particular presenta un retraso importante na financiación da I+D+i por parte das empresas con respecto aos Estados Unidos. Debe seguir a facerse un esforzo importante para mellora-las cousas neste eido. A USC ten asumido a importancia da colaboración coas empresas e pretende que cada vez máis as actividades da I+D+i teñan unha parte crecente de participación empresarial, sen descuidar en ningún momento a solicitude de proxectos competitivos autonómicos, racionais ou internacionais.

¿A USC podería desenvolver I+D+i+E sen as achegas externas?
Podería facelo, aínda que xeito moi limitado, pero non só a USC senón tamén outras universidades. De feito a USC adica unha parte dos seus propios recursos a financiar este tipo de actuacións, pero lóxicamente a maior parte dos fondos veñen do exterior.

Entón, decir que as universidades son entes autonómos non deixa de ser unha utopía
Non debemos entender o termo autonomía das universidades como autonomía financiera na I+D+i, porque esto non sucede en ningunha parte. Os fondos necesarios para a I+D+i proveñen, en tódalas universidades, tanto en España como no resto do mundo, de concurrencias competitivas en proxectos de investigación, contratos e convenios con empresas e outras institucións .

Como director do CITT da USC, ¿para vostede que é máis importante facer investigación ou transferir os resultados desta á sociedade?
Ámbalas dúas son de grande importancia para a USC, de feito son parte dos pilares nos que se sustenta a función da USC. Os propios estatutos da Universidade fan referencia a que a investigación e a transferencia do coñecemento á sociedade son dúas das funcións esenciais.

¿E como se está a producir esta transferencia de avances tecnolóxicos e científicos acadados pola comunidade universitaria ao exterior?
As universidades crearon cos primeiros plans nacionais de investigación, as oficinas de transferencia de resultados de investigación (OTRI´s). A USC foi das primeiras universidades en crear unha OTRI propia, o CITT, que é a canle para a transferencia dos resultados de investigación da USC ás empresas e á sociedade en xeral.

A USC impulsou nos últimos catro anos a través do programa 'Uniemprende' a creación de 73 empresas. ¿Cantas xurdiron no campus lugués?
Do total de empresas creadas na USC, 19 xurdiron no campus lugués.

¿Podería dicir que estas novas empresas son rendibles, en término medio, ou pola contra, non todas chegan a implantarse de xeito exitoso?
Tódalas empresas de nova creación en xeral teñen unha certa mortalidade, por así decilo, nos primeiros anos de existencia, e as de base tecnolóxica non son excepción. Sen embargo a USC está moi satisfeita cos resultados obtidos e coa implantación acadada no mercado destas empresas.

Agora ven de constituirse 'Uninvest', ¿que cometido vai desenvolver esta sociedade na promoción da investigación?
Uninvest está destinada a convertirse na estrutura financeira máis importante de España e de Europa, creada por universidades, tanto polo número e calidade dos socios participantes como polo alcance e a envergadura do investimento en I+D. Os socios participantes desta sociedade representan máis do 40 por cento da capacidade científica do contorno académico do Estado, porcentaxe que podería incrementarse nun futuro próximo ata o 60 por cento coa probable incorporación doutras universidades e institucións investigadoras como o Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 19 de outubro de 2005