Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Os funcionarios somos un colectivo a ter en conta como potenciais universitarios""

Manuel Díaz López , alumno da Facultade de Humanidades do campus de Lugo

"Os funcionarios somos un colectivo a ter en conta como potenciais universitarios""

Manuel Díaz López
Manuel Díaz López
  • Ignacio Rodríguez

Humanidades é unha das titulacións máis completas, que enriquece culturalmente ás persoas e facilítalle saídas laborais, sostén o funcionario lugués Manuel Díaz López (Sarria, 1957), que desde hai máis de dúas décadas desenvolve o seu cometido profesional como xefe de sección de Relacións Laborais no Sergas, é un dos moitos profesionais que optou por matricularse na licenciatura de Humanidades no campus de Lugo para ampliar a súa formación curricular, ademais de para invertir de xeito proveitoso o tempo de lecer.

O perfil de funcionario non é o máis habitual das aulas. ¿Que motivos o levaron a ampliar a súa formación académica xa nunha idade adulta?
Bueno eu creo que hoxe xa hai bastantes funcionarios que están facendo unha carreira universitaria, dende logo en Humanidades non estou eu só. Eu empezei esta carreira non só porque me pode valer para a miña actividade profesional, senón tamén porque me atopaba nunca etapa da mña vida que tiña que iniciar algo novo e matriculeime na Universidade.


¿E por que optou por cursar Humanidades?
A min sempre me gustaron as carreiras de letras. Ademais a Humanidades pódese acceder cunha diplomatura ao segundo ciclo, aínda que tamén se deben superar unha serie de materias complementarias que veñen a supoñer un curso máis.


¿Que atractivos aprecia nesta titulación que estivo a piques de desaparecer do novo catálogo de títulos?
Humanidades, creo que é unha das carreiras máis completas, estudiase historia, arte, filosofia, idiomas, literatura, lingua, retórica…, nese sentido, paréceme que é moi interesante e, dende logo, sería absurdo e incomprensible que desaparecera.


¿Entende que estes estudos capacitan ao alumno para desenvolver actividades profesionais ou coida que tan só o enriquecen cun amplo barniz cultural?
As humanidades enriquecen culturalmente, razón que xustifica o seu estudo en calquera idade, pero ademais proporcionalles aos que están nesta carreira multiples saídas profesionais, para o ensino, para a Administración, para moitas actividades humanas relacionadas coa cultura e coas relacións humanas. A proba é que os licenciados en Humanidades atopan traballo antes que os de outras titulacións e en campos moi diversos.


Hoxendía Humanidades recibe máis alumnos xa titulados ca recén saídos do instituto. ¿A qué atribúe este feito?
Un dos motivos pode ser que é máis fácil acceder, pero tamén unha vez que estás traballando, interesanche outras cousas e as materias que se dan nesta titulación dende logo son atractivas e complementan eficazmente a formación das persoas.


¿Cre que a excesiva especialización que propoñen os actuais títulos universitarios e os que están por vir potencia o enriquecemento cultural das persoas ou, pola contra, restrinxe os seus coñecementos?
Non, non creo que sexa boa a excesiva especialización. Pero tampouco estou moi de acordo con que haxa tanta asignatura optativa e de libre configuración en Humanidades, que levan a que case a metade dos créditos dun curso estén conformadas por este tipo de materias. Penso que iso é excesivo e vai en perxuizo da fortaleza que deberían ter algunhas das materias básicas do plano de estudos.


Antes de comezar esta licenciatura, vostede xa acadou outra titulación universitaria hai anos. ¿Aprecia moitas diferenzas no ensino?
Claro que aprezo diferenzas, o propio sistema de créditos. Antes cada curso tiña as súas materias obrigatorias, agora ata que un non se familiariza confúndeste un pouco, coas asignaturas obrigatorias, optativas ou de libre configuración. Ao final tes que andar facendo contas para saber cantos créditos che faltan e cantos tes aprobados. Tamén vexo aos estudantes como máis competitivos e, nalgunhas titulacións, parece que moi interesados e individualistas. En Humanidades non, nesta facultade obsérvase un outo grao de solidariedade e de compañeirismo.


¿O funcionamento e a estructura da Universidade pensa que mudou moito neste tempo?
Penso que mellorou moito, non só a nivel do profesorado, senón tamén do persoal de administración e servizos, un colectivo por certo moi profesional e moi eficiente nas súas tarefas laborais.
¿En que dirección foron os cambios?
Entre outras cousas, creo que a Universidade democratizouse como o resto da sociedade, os alumnos temos moitos máis servizos, pero tamén é verdade que a universidade deixou de ser aquel lugar efervescente, agora cada un vai máis ao seu. Tamén é certo que hoxe a universidade é de todos, feito que considero de relevancia, polo que significa que todos os cidadáns, independentemente da súa procedencia familiar ou mesmamente xeográfica, teñan acceso á formación e ao coñecemento.


¿Atisba unha evolución semellante na Administración, que é o seu ámbito de traballo?
Non cabe dúbida que todas as administracións melloraron, pero eu traballo nos servizos centrais da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, nunha Administración moito máis politizada, moi sometida ao goberno, con moitas eivas nese sentido, sempre me pareceu a administración universitaria un bo modelo a seguir.


¿É habitual que os funcionarios aproveiten o seu tempo de lecer para ampliar o seu currículo con novos estudos universitarios?
Cada vez é máis habitual e tamén máis necesario. Os funcionarios queren promocionar e para isto é indispensable estar en posesión da formación necesaria e dos títulos académicos correspondentes. Ademais o horario que temos e outras circunstancias fan que os funcionarios sexamos un colectivo a ter en conta como potenciais universitarios. Penso que para a Universidade tamén é unha boa noticia ante o descenso alarmante que se aprecia cada ano de rapaces e rapazas. Os profesores e as autoridades académicas terán que meimearnos para non quedarse sen alumnos.


¿Atribúe esta realidade ás deficiencias formativas que se poden apreciar nalgúns estamentos do funcionariado?
Pode tamén influir, pero cada vez o funcionariado está máis preparado. No grupo de subalternos hai moitos licenciados universitarios e tamén hai un porcentaxe alto de doctores.


Vostede é de Sarria, traballa en Santiago e está matriculado nun centro do campus de Lugo. ¿Significa isto que a facultade de Humanidades da sé universitaria luguesa cubre un valeiro formativo existente na oferta académica da Universidade de Santiago?
Son de preto de Sarria, de Betote, pero desde logo, a pesar do cariño que lle teño a Lugo, se houbera facultade de Humanidades en Santiago, seríame moito máis cómodo e podería asistir a clase con moita máis facilidade. Teño que agradecer a comprensión dos profesores e a boa vontade dos compañeiros que me facilitan moito as cousas. Certo é que a facultade de Humanidades de Lugo desenvolve un papel importante e con gran dignidade no panorama da educación superior en Galicia.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 26 de outubro de 2005