Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O SUG debe aspirar a unha oferta de títulos atractiva, de calidade e con pertinencia social"

José Ramón Leis Fidalgo, director xeral de Ordenación e Calidade do SUG

"O SUG debe aspirar a unha oferta de títulos atractiva, de calidade e con pertinencia social"

José Ramón Leis Fidalgo
José Ramón Leis Fidalgo
  • Ignacio Rodríguez

Leis Fidalgo destaca a autonomía de cada unha das tres universidades galegas para decidir cal vai ser o seu perfil futuro e como van aparecer ante a sociedade. O director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario Galego (SUG), o catedrático de Química-Física, José Ramón Leis Fidalgo, fai de seguido unha análise do estado actual da universidade galega e avanza algunhas das medidas aprobadas polo Goberno galego cara á promoción e á potenciación do ensino superior e das tarefas investigadores levadas a cabo en Galicia.

¿Conta Galicia cun sistema universitario ben estructurado?
O sistema Universitario Galego conta con tres universidades públicas que poñen a disposición dos galegos unha oferta ampla de estudos de ensino superior e cun bo nivel de calidade. A estructura ten vantaxes e inconvintes como todas. Ten a vantaxe da proximidade ós estudantes cos sete campus e, o mesmo tempo, ten algunhas disfuncións menores derivadas desa mesma dispersión.

¿A diseminación xeográfica dos sete campus do SUG repercute dalgún xeito na calidade do ensino e da investigación?
A calidade media ofertada polos diferentes centros é razoable. Todos os campus teñen mellores e peores facultades e escolas, pero penso que as maiores diferenzas derívanse da maior ou menor consolidación dos centros.


A súa vida profesional transcurríu no seo da Universidade de Santiago, pero agora correspóndelle artellar o futuro SUG. ¿Atisba moitas diferenzas entre as tres universidades galegas?
Pareceríame moi pobre que as tres universidades galegas foran iguais. Penso que cada unha debe ter o seu perfil e ten a súa historia e os seus plans de futuro e isto é valido tamén para os campus. Coido que cada universidade ten a súa propia oferta á sociedade e por suposto ten as súas fortalezas e debilidades e, ademais, teñen a autonomía para decidir cal debe ser o seu perfil futuro e como queren aparecer ante a sociedade.


¿Atópanse as tres institucións académicas en boas condicións para converxer con Europa?
O espazo europeo de ensino superior supón un reto e, o mesmo tempo, unha oportunidade de converxencia esencial para a futura integración e competitividade dos nosos titulados no mercado de traballo europeo. Os cambios que se aveciñan son de tipo estructural —un novo esquema de títulos e contidos—, e de metodoloxía do ensino —unha formación máis personalizada e tutelada do alumno e con menos lección presencial—. Trátase de fomentar a aprendizaxe de habilidades, competencias e destrezas e non só de contidos. Temos universidades cun persoal ben formado e capaz que non terá máis problemas dos previsibles cun cambio da envergadura que se aveciña nos próximos anos.


O proxecto dos orzamentos da Xunta para o 2006 contempla unha partida para financiamento universitario de máis de 300 millóns de euros. ¿Coida que esta achega garante o bo funcionamento do SUG?
O gasto directo no SUG para o ano que vén será de 301 millóns fronte aos 267 do goberno anterior. Isto supón un incremento sustancial do 12,7 %. A estas achegas haberá que engadir as que as universidades acadan cada ano do Plan Galego de I+D. En calquera caso, con este notorio incremento encetamos o camiño cara o obxectivo de acadar un investimento equivalente o 1% do PIB galego no ensino superior.

¿E se falamos de bolsas a estudantes?
O esforzo económico en axudas directas ós estudantes vai a ser no próximo ano considerable, cun crecemento récord do 52%, pasando dos 2.160.000 euros no 2005 a 3.295.000 no 2006. O noso obxectivo na lexislatura é dobrar o número de beneficiarios e actualizar a contía das axudas.

Vostede foi coordinador xeral de Servicios de Apoio á Investigación entre 1994 e 1998 e ex vicerreitor de Investigación da USC. ¿En que situación se atopa actualmente este colectivo universitario?
A actividade investigadora universitaria ten en Galicia boa saúde, con crecemento constante e sendo sen dúbida o referente investigador da comunidade. Dito esto, debemos engadir que está aqueixado das eivas típicas dun sistema con carencias orzamentarias, con pouca participación do sector privado, con déficit de investigadores e, en xeral, con escaso aprecio social da laboura investigadora. Entendo que debemos facer un esforzo por poñer a investigación galega nuns niveis de financiación adecuados e isto implica traballar na nosa mellor baza que son as universidades. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de crear a Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG que ten prevista unha dotación orzamentaria de máis de 9 millóns de euros para o próximo exercicio.


¿Atisba medidas que posibiliten erradicar a curto prazo a precariedade dos bolseiros e investigadores das universidades galegas?
Penso que, por unha banda as reformas da LOU e, por outra, os esforzos conxuntos das direccións xerais de I+D e de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG conseguirán artellar un esquema de carreirra investigadora que clarifique a situación, o acceso e a promoción do persoal adicado a tarefas investigadoras.


A proposta de modificación da LOU está a suscitar un intenso debate, pero ¿de que xeito repercutirá nas universidades?
Hai que agardar a que o debate se clarifique, pero en principio trátase de asuntos que, xa no seu día, foron moi controvertidos e que demostraron un funcionamento deficiente.


Outro dos debates abertos é o referido á incoporación ou non das ensinanzas artísticas á universidade, ¿cal é a súa opinión ó respecto?
Penso que a converxencia europea definirá esta situación e que en calquera caso, dentro da vía universitaria ou cunha vía específica, estes estudos deben conservar a sua especial idiosincrasia.


O espazo europeo de ensino superior está á porta, ¿cando se van por en marcha os posgraos oficiais nas universidades galegas?
Nos primeiros meses do ano próximo verán a luz as primeiras propostas que deberán entrar en funcionamento en outubro de 2006. Este é un proceso a medio prazo que teremos que ter pechado a primeiros da próxima década. Non esquezamos que os alumnos actuais e os dos próximos anos seguirán sendo maioritariamente licenciados e non graduados. Aínda así, debemos encetar o proceso de aprobación e posta en marcha de másters e doutoramentos oficiais pensando nunha oferta versátil que poida adaptarse ao perfíl de alumo actual e futuro. É importante artellar unha oferta con vocación de futuro, que responda ás necesidades socioeconómicas galegas, ás expectativas de formación dos alumnos e ás necesidades estructurais de funcionamento das universidades. Debemos aspirar, polo tanto, a unha oferta de titulacións galega que sexa atractiva, competitiva, de calidade e con pertinencia social.


Xa para rematar, ¿que cometido cumpre o campus lugués dentro do Sistema Universitario de Galicia?
É, sen dubida, unha peza moi importante pola sua singular oferta, polo número de estudantes e pola probada calidade e pertinencia social das suas actividades docentes e investigadoras.


¿Poderíase dicir que é unha sé universitaria con entidade propia dentro é fóra de Galicia?
A min paréceme que non se pode discutir que, un campus como o de Lugo, ten personalidade propia e goza de recoñecemento e prestixio ben merecido a nivel nacional. Baste como exemplo a facultade de Veterinaria, que é unha das poucas do Estado que están acreditadas a nivel europeo. Non me cabe dúbida que o campus lugués cumpre cuns estándares de calidade que lle garanten unha persoalidade propia dentro do noso mapa universitario galego.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 9 de novembro de 2005