Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Pretendo facer un cambio profundo na Universidade, pero sen estrondos e sen buscar un protagonismo baleiro de ideas e de proxectos"

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela:

"Pretendo facer un cambio profundo na Universidade, pero sen estrondos e sen buscar un protagonismo baleiro de ideas e de proxectos"

Senén Barro Ameneiro
Senén Barro Ameneiro
  • Ignacio Rodríguez

Catro anos despois de chegar ao Reitorado da Universidade de Santiago, o catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro Ameneiro repite como candidato á reelección despois de recabar o apoio dos dous grupos maioritarios de profesorado da institución académica compostelá: Plataforma Universitaria Progresista e Universidade Aberta, e coa pretensión de formar un equipo de goberno forte e estable para afrontar os novos retos que lle agardan á Universidade no futuro inmediato, marcado pola harmonización dos estudos universitarios en Europa.

Catro anos despois e vostede repite como candidato. ¿Significa isto que a Universidade aprobou a xestión levada a cabo nos últimos anos?
Espero que así sexa, pero iso saberémolo nas urnas. En todo caso, que eu repita como candidato responde a que non perdín a ilusión nin as gañas de traballar e ademais podo aportar a experiencia destes anos á fronte da USC. É certo tamén que ter acadado xa o apoio dos dous grupos máis numerosos do sector de persoal docente e investigador é un importantísimo estímulo.


Vostede manifestou recentemente que “é o momento de ter un goberno de coalición na Universidade”, ¿por que? Hai moito tempo que veño dicíndoo, aínda que ultimamente intensifiquei esta mensaxe. Sempre é bo ter gobernos cunha moi ampla base, pero moito máis cando os retos cos que nos enfrontamos son excepcionalmente importantes para configurar o que en boa medida será unha nova universidade. A implantación do Espazo Europeo de Educación Superior debe comportar cambios profundos en poucos anos.


¿Trátase de levar á vida universitaria a cultura de pactos instalada na política española?
En absoluto. A vida académica e a súa organización non teñen que replicar a vida política. Pero é verdade que unha universidade non deixa de ser unha peza importante da sociedade e en moitos sentidos é unha microsociedade con ideas e proxectos, tamén os da política académica, que se moven con frecuencia en sintonía cos do conxunto da sociedade.


Outra lectura das súas verbas podería dar a entender que agora mesmo non sobran os candidatos sólidos para dirixir a Universidade.
Penso que unha universidade co peso e a proxección social da USC ten e terá sempre candidatos sólidos para dirixila. En todo caso, á marxe de posibles alternativas, neste momento a miña experiencia e os retos que xa afrontamos e superamos nestes anos son un capital de enorme valor. Estou seguro de que así o entenderá a maioría da nosa comunidade universitaria.


A situación da institución académica compostelá semella agora máis próspera que cando vostede chegou ao Reitorado. ¿Pódese pensar entón que os vindeiros catro anos van permitir á USC dar o pulo definitivo para asentarse entre as universidades de referencia?
Estes anos estiveron marcados, e probablemente así se recordarán no futuro, pola difícil situación económico-financeira que tivemos que afrontar. Pero tamén foron anos de avances importantes en moitos eidos da docencia e a investigación. En todo caso, estou seguro que os próximos catro anos nos permitirán avanzar moito máis, e non só por ter máis recursos para facelo, algo imprescindible, senón, e quizás sobre todo, por non ter que consumir tanto tempo e esforzos en solucionar a crise económica que estamos superando e por ter avanzado neste tempo de modo moi significativo en diversas liñas estratéxicas que se concretarán nos próximos anos, como ocorre co plan xeral de infraestruturas.

Aínda que non rematou o traballo comezado alá por xuño do 2002, xa pode facer balance deste etapa. ¿que logros destacaría?
Creo que hai moitos avances e logros destacables, á marxe da superación da crise económica e de telo feito sen traumatismos. Voulle a subliñar un por cada un dos eixes nos que se organiza o programa electoral co que concorremos ás eleccións no 2002: diálogo, calidade, modernidade e intelixencia. O diálogo foi clave, sen dúbida, para poder conseguir o logro, histórico, de unir á Plataforma Universitaria Progresista (PUP) e a Universidade Aberta (UA) arredor dun novo proxecto para os próximos catro anos. O compromiso coa calidade creo que xa deu lugar a un pouso, a unha cultura, que non terá volta atrás. Este era o principal reto que asumíamos ao crear a Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica. A modernidade nos está convertendo na universidade máis moderna das históricas e tamén na universidade con máis historia dentro do selecto grupo das universidades modernas. Os nosos proxectos no ámbito das TIC e do emprendemento centrado na transferencia de coñecemento, co fito de nivel internacional que supuxo a constitución de Uninvest, son magníficos exemplos disto. Finalmente, a intelixencia corporativa se pode apreciar en resultados como a Memoria de Responsabilidade Social, ata o de agora a única nunha universidade española, ou a obtención o pasado curso das certificacións ISO 9001 para a área académica e a UNE-EN ISO 14001 para o sistema de xestión ambiental.

¿E que asignaturas pendentes lle quedan por diante?
É moito o que queda por facer. A Universidade sempre debe verse como un proxecto inconcluso. Acomodarse, sentirse satisfeito sen reservas, comporta perda de dinamismo, incluso pode desembocar en pasividade. A internacionalización da universidade e a planificación estratéxica son ámbitos que requiren importantes esforzos e medios.

O pacto subscrito recentemente entre a PUP e Universidade Aberta, é dicir, entre a órbita socialista de universitarios e os nacionalistas, non deixa de ser un acordo histórico. ¿Esta alianza reflexa realmente a vontade de ámbolos dou grupos ou responde a outros intereses ou inxerencias do bipartito que goberna a Xunta?
Pode estar seguro de que responde á vontade destes grupos e á miña propia por conformar un goberno máis representativo, con maiores opcións de afrontar con éxito os novos e importantísimos retos cos que nos enfrontamos.

¿Sería lícito falar dun matrimonio de conveniencia?
Resultaría claramente desatinado. Agás que a conveniencia se refira a defender mellor os intereses e o futuro da USC.

As negociacións aínda están abertas, pois a cita coas urnas está fixada para a primavera. ¿Coida que queda tempo suficiente para incorporar á candidatura liderada por vostede ós seus actuais socios de goberno?
Non queda moito tempo, xa que é necesario ir pechando fases para concretar o que será un novo proxecto e un novo equipo para concorrer ás próximas eleccións. Pero mentres o tempo ou as circunstancias deixen algún resquicio para poder contar con Converxencia Universitaria, non dubide que o seguirei intentando, xa que valoro moi positivamente a súa achega ao goberno da USC nestes anos.


O proceso electoral ao Reitorado da Universidade de Santiago aínda non está aberto, pero seguro que vostede xa empezou a traballar na configuración do seu equipo. ¿Haberá moitas caras novas?
Valoro moi positivamente e agradezo enormemente o traballo feito polo actual equipo, que tivo que asumir ademais das súas responsabilidades específicas un sobreesforzo e unha tensión importantes derivadas do proceso de recondución da situación económica da Universidade. Pero é evidente que a nova etapa demanda unha importante reconfiguración do Consello de Dirección, e así o entenden os propios membros do equipo.


O campus de Lugo foi unha praza moi importante, senón determinante, para a súa chegada ao Reitorado. ¿Cre que compensou a confianza que depositaron en vostede os membros desta sé universitaria?
Efectivamente foi determinante, pero non son eu quen debe contestar dita pregunta senón a comunidade universitaria do campus de Lugo. Fixemos esforzos de desconcentración da xestión, de inversión en infraestruturas, de estabilización do profesorado e de negociación a prol do campus cos axentes externos, particularmente coas administracións. Non é unha cuestión de devolver o apoio recibido senón de atender ás necesidades que aínda existen. Espero que se aprecien ditos avances, aínda que somos conscientes de que queda camiño por andar.


Xa no eido persoal, o seu talante mudou dun xeito salientable neste tres últimos anos, nos que a agresividade inicial das súas intervencións deron pé a discursos máis moderados. ¿Está a tornarse conservador ou, simplemente, son cuestións da estratexia política?
Espero que non sexa o meu talante o que mudara, e dende logo non é con agresividade como se avanza. Outra cousa é a intensidade dos discursos e a orientación dos seus contidos. Son as circunstancias as que en cada momento deben guiar ambos aspectos e particularmente non son partidario da polémica gratuíta ou de levantar a voz cada dous por tres. Se perde eficacia e o respecto dos demais. Pretendo facer un cambio profundo na Universidade, pero sen acudir gratuitamente a palabras grandilocuentes, sen estrondos, sen buscar un protagonismo baleiro de ideas e de proxectos.

Nestes anos, o equipo de goberno da USC centrou o seu traballo en cuestións de financiamento, ¿cales son as prioridades para o próximo mandato?
As prioridades son a construción do Espazo Europeo de Educación Superior, a intensificación do noso papel como institución investigadora e a consolidación da USC como un referente de universidade emprendedora.

Algúns sectores xa empezan a ser críticos cos postulados de Boloña, ¿cal é o seu pensar con respecto á harmonización dos estudos universitarios en Europa?
O problema non está nos postulados de Boloña, senón na lentitude, a falta de coordinación e de recursos cos que se está a traballar. Falo sobre todo do papel que necesariamente deberían desempeñar as administracións con competencias no deseño e implementación deste proceso, sen excluír ás propias Universidades. Aínda queda moito por facer, pero teño claro que nada avanzaremos movéndonos unicamente no terreo da crítica. A construción do Espazo Europeo de Educación Superior vai depender fundamentalmente do que fagamos as universidades.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, o mércores 11 de xaneiro de 2006