Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O plan galego de I+D+i require a complicidade de todos os axentes sociais" .

Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de I+D+i

"O plan galego de I+D+i require a complicidade de todos os axentes sociais" .

Salustiano Mato de la Iglesia
Salustiano Mato de la Iglesia
  • Ignacio Rodríguez

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, Salustiano Mato de la Iglesia, entende que o novo Plan de I+D+i deseñado pola Xunta de Galicia constitúe unha innovadora aposta estratéxica coa que se pretende acadar un maior desenvolvemento de Galicia, pero que require a complicidade e da colaboración de todos os axentes sociais.

O borrador do novo plan galego de I+D+i apunta un volco da situación actual que atravesa a investigación, ¿significa isto que a I+D+i estaba infravalorada en Galicia?
Non sei se estaba infravalorada ou non, pero o que si é certo é que estaba infradotada. As dotacións significan valoración, sobre todo en apostas. O que pasou é que todo debe evolucionar. Neste eido houbo avances, que se recollen no borrador xa deseñado. Aínda así, temos que pisar o acelerador para avanzar na I+D+i co fin de que repercuta no desenvolvemento socieconómico do país.

O borrador recolle destacadas inversións e plantexa o gran obxectivo de estabilizar os nosos investigadores. ¿Pódese acadar esta meta só con cartos?
Este plan ten dúas apostas estratéxicas: Artellar a carreira do investigador e estabilizar e consolidar os recursos humanos dos que dispoñemos. Isto resulta máis complexo que as axudas financeiras, pero teñen que darse as dúas condicións para que os investigadores poidan incorporarse a súa actividade. A aposta feita polo Goberno de Galicia é capital, pero precísase tamén a participación dos axentes sociais e do tecido empresarial, pois é esencial a complicidade de todos os estamentos para promover a incorporación do personal científico.

Vostedes artellan o itinerario que ha de seguir a chamada carreira investigadora, pero ¿non cre necesario antes potenciar a cultura investigadora nas empresas e tamén nas institucións públicas?
De xeito paralelo ao desenvolvemento deste programa de recursos humanos, no que se define a carreira investigadora e se abre ao sector privado, a Xunta tamén promoverá outro programa encamiñado a divulgar e potenciar a cultura investigadora nas empresas. A creación desta cultura no empresariado debe seguir un proceso lento, a fin de que os empresarios vexan na I+D+i unha aposta estratéxica.

¿Coida que ata o momento as políticas de I+D+i aplicadas pola Administración autonómica primaron o ladrillo ante o capital humano?
Evidentemente, pois estas actuacións enmarcáronse dentro dunha moda xeral. Os esforzos orzamentarios en investimentos son máis doados de acadar que os que atinxen a recursos humanos ou equipos. A modo de exemplo, poderíase dicir que un euro destinado a recursos humanos equivale a invertir cen en infraestructuras. Entendo que tiveran dificultades, pero nós tamén as temos agora. A distribución orzamentaria que fan os países avanzados neste capítulo prima os recursos humanos fronte aos investimentos nunha relación de seis a catro.

Definir a carreira do investigador supón un gran avance, pero ¿resolve isto as reiteradas demandas feitas polos bolseiros investigadores?
O deseño deste plan tivemos que facelo en setembro pasado, para poder arbitrar partidas nos orzamentos. Aínda así, coido que superamos as directrices xa recollidas no Estatuto do Becario e incluso nos achegamos ás peticións do colectivo de precarios. É certo que aínda arrastramos bolsas de convocatorias vixentes, pero a nosa idea é que as bolsas de posgrado sexan dignas e con características semellantes ás do Estatuto do Becario. Asemade, as próximas bolsas predoutorais tamén serán en formato de contrato, agás as convocatorias de achegas para completar estancias de investigación en centros e laboratorios do extranxeiro.

A proposta do plan galego de I+D+i presentada xa pola Xunta cifra en doce anos o periodo que han de pasar os investigadores ata consolidar un emprego acorde coas súas capacidades. ¿Non é un percorrido demasiado longo?
Somos conscentes de que doce anos constitúen un periodo longo e durante o que moitos dos investigadores deberán tomar decisións importantes para as súas vidas. Por iso se definiu precisamente a carreira investigadora, para que a xente saiba o que custa chegar á fase final desta carreira. Os que rematen van ter casi asegurado o futuro. Este proceso de formación e consolidación de investigadores ten que servir para formar líderes a nivel internacional, pero non todos teñen por que chegar a selo.

Entón, ¿a pasarela hacia o sector privado supón unha alternativa para o colectivo de científicos?
Abrir a carreira investigadora ao sector privado posibilitará que moitos xoves doctores poidan chegar a colocarse nas empresas. Asemade, nas convocatorias de bolsas predoutorais tamén se intentará potenciar as investigacións aplicadas e ligadas co sector productivo, co que se ampliarán as posibilidades de que o autor do estudo poida chegar a ser contratado. Ademais, a Xunta tamén incentivará ás empresas a fomentar este tipo de contratacións, pois é evidente que ten que haber pasarelas e camiños parellos que permitan aos investigadores decidir en cada momento.

¿O tecido empresarial galego ten capacidade para asumir todo o capital humano que se forme nas nosas universidades?
Imos facer convocatorias de bolsas que se axusten o máximo posible ao número de científicos que poidan asumir as empresas. A priori, estaríamos a falar da promoción de douscentos investigadores, un centro recalarían nas empresas e o resto no sector público.

¿Baralla a Xunta algún tipo de compensanción fiscal ou financeira para as empresas que acollan nos seus planteis a investigadores en formación?
Se se acometera a reforma do Estatuto de Galicia ao mellor poderíase facer algo neste terreo, pero de momento non temos competencias neste eido. En cuestións coma esta vese que ten sentido a demanda de máis autogoberno, xa que permitiría á Xunta asumir máis competencias. Aínda así, unha característica fundamental da aposta pola pola I+D+i estriba na asunción dun certo nivel de risco.

Aínda que o devandito plan non comezou a súa aplicación, ¿teñen cifrado xa o seu posible impacto socieconócimo no país?
Ata o momento non se pode falar de cifra algunha, mais a aposta do Goberno galego pasa por situar o gasto en I+D+i no 1,5% do Producto Interior Bruto (PIB), co que dobraríamos o gasto que se fai neste capítulo actualmente.

¿Entende que esta iniciativa fará que Galicia dé o pulo definitivo que lle permita converxer con Europa?
O deseño do plan galego de I+D+i 2006-2010 está feito coa intención de que Galicia convexa co seu entorno. Trátase dun elemento estratéxico máis que debe ir acompañado doutras accións, pero é evidente que axudará neste cometido.

Vostede que vén da universidade...
Si. Disfruto na Universidade, á que vou volver, porque é o lugar que quero e no que desenvolvo a miña vida profesional.

Xa, ¿pero como vai incidir este plan de I+D+i na ivestigación universitaria?
Vai ter incidencia, pois as directrices deste plan tratan de ligar a investigación universitaria ao sector productivo. Non é máis que a chamada transferencia de coñecemento e tecnoloxía.

Entevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, 22 de febreiro de 2006