Saltar ao contido principal
Xornal  »  "As eleccións son imprescindibles para manter a autonomía universitara"

Antonio López Díaz, decano de Dereito e presidente da Comisión Electoral Central da USC

"As eleccións son imprescindibles para manter a autonomía universitara"

Antonio López Díaz
Antonio López Díaz
  • Ignacio Rodríguez

O profesor de Dereito Financeiro e Tributario e decano da facultade de Dereito da USC, o lugués Antonio López Díaz, vén de ser elexido presidente da Comisión Electoral Central da USC, polo que se perfila como o principal garante de que as xa inmediatas eleccións ao Reitorado da institución académica compostelá non sufran ningún tipo de adulteración.


Vostede vén de ser elixido presidente da Comisión Electoral Central, que agarda da nova cita coas urnas que debe afrontar en breve a USC?
Pois por unha banda hai que agardar que o proceso se desenvolva coa normalidade que é habitual na Universidade e, por outra, confiar en que sexa unha nova oportunidade para poñer sobre a mesa novas ilusións e e novas solucións para os problemas da Universidade.

Dous candidatos, supoñemos que dous programas diferentes... pero ¿percibe realmente a comunidade universitaria diferenzas notables en función de quen ocupe o Reitorado?
Bueno, hai que decir que, de momento no hai candidaturas formalmente presentadas, aínda que sí hai dúas persoas que adiantaron a súa intención de presentarse para as eleccións á Reitoría. Pero as eleccións a celebrar nesta primavera son máis que iso, xa que tamén se elixirán representantes de todos os sectores da comunidade no Claustro, xuntas de centro e departamentos. Polo que se refire á segunda parte da pregunta, non cabe dúbida que cada candidato ou cada equipo de candidatos deberá esforzarse por trasladar á comunidade os seus proxectos de futuro.

Cre oportuno que o colectivo universitario vexa interrompida cada catro anos a súa actividade normal por mor destes procesos electorais?
Eu non diría que se interrompe a actividade normal. Digamos que a actividade normal se complementa co desenvolvemento de procesos electorais que en ningún caso, dende o meu punto de vista, prexudican o normal desenvolvemento das actividades docentes e investigadoras que son propias da Universidade.

Falamos dun exercicio democrático ou de exceso de burocracia?
Para min é sen dúbida un exercicio democrático que, ademais, resulta imprescindible para que a Universidade siga sendo autónoma como predica a nosa Constitución e os nosos estatutos. Cuestión diferente é que estes procesos necesarios resulten complicados de xestionar na medida en que, ademais de reitor, eliximos representantes no Claustro, en 25 centros, e en arredor de 80 departamentos. Seguramente no futuro haberá que pensar en ferramentas de voto electrónico que permitan simplificar estes procesos, diminuíndo así o prezo que temos que pagar pola nosa autonomía.

Vostede acostuma a figurar como vixiante de moitos dos procesos que teñen lugar na USC —comisión de elaboración dos estatutos da USC, plano de normalización lingüística...—. Significa isto que é vostede unha garantía de transparencia e legalidade?
Eu diría que vixiante de nada e garantía de case nada. Simplemente son un máis dos moitos que hai que entendemos que a función do persoal docente non é só desenvolver tarefas de docencia e investigación, senón afrontar tamén encargos de xestión, imprescindibles para a autonomía universitaria. Partindo dese convencemento, digamos que non son difícil de convencer. E, por outra banda, hai que dicir que nos traballos que vostede menciona a min tocoume a parte quizas máis vistosa, pero detrás hai un número moi importante de persoas que a través de grupos de traballo, comisións, etc, son os que fixeron e fan posible eses resultados.

No eido estrictamente académico, vostede compaxina a súa actividade como profesor de Dereito Financeiro coa de decano desta facultade. É compatible o ensino coas tarefas de dirección e xestión?
Como acabo de dicir, non só son compatibles, senón que eu considero que forman parte das nosas tarefas. Lóxicamente como o tempo é o que é, a maior adicación á xestión supón menores encargos docentes e tamén unha menor adicación a investigación obviamente. E, porque non decilo, supón tamén sacrificar parte do tempo de disfrute persoal.

A facultade de Dereito é un dos centros máis históricos da cinco veces centenaria USC.Como decano desta facultade, comparte os desexos xa reiterados polo reitor Senén Barro de facer deste centro o máis moderno de todas as históricas facultades?
Non só os comparto, senón que foi unha das liñas programáticas que presentei coa miña candidatura. Histórico non é sinónimo de antigo nin antónimo de moderno.

¿Como se pode acadar esta meta?
Eu considero que o camiño pasa por aproveitar todo o positivo da historia, o valor engadido que representan, sobre todo, os miles de galegas e galegos que teñen pasado polas nosas aulas tanto como docentes como discentes. Pero, ó mesmo tempo, temos que estar dispostos a afrontar procesos continuos de mellora adaptándonos ás novas necesidades e ós novos tempos. A historia non debe ser un freo para a mellora nin unha desculpa para quedarnos quietos.

A competencia das universidades nos estudos xurídicos é moi grande, pois son moitas as que imparten esta titulación. Como afecta esta realidade á evolución do alumnado matriculado na facultade de Dereito da USC?
A facultade de Dereito de Santiago sufriu o proceso xeral de caída do número de estudantes universitarios. De todolos xeitos podemos dicir que nos tres últimos anos o número de alumnos de novo ingreso estabilizouse arredor de 300, o que fai que o número total de alumnos da facultade sexa de 2000. A previsión parece indicarnos que este número non sufrirá xa variacións moi significativas. Por outra banda este descenso do número de alumnos temos que aproveitalo como unha oportunidade para a mellora da calidade docente na medida en que o número de alumnos por grupo se ten reducido tamén sustancialmente situándose nunha media de 120 en primeiro ciclo e arredor de 70 no segundo ciclo.

Barallouse nalgún momento a posibilidade de crear unha titulación doble, tal e como xa sucede na Universidade da Coruña?
Si que temos pensado nesa posibilidade, aínda que neste momento o máis prudente parece esperar a que se publiquen as novas directrices de títulos universitarios. No momento da aprobación dos novos planos de estudo será a ocasión para plantear esa posibilidade ou outras de titulacións dobres.

Xa que logo, dado que o espazo europeo de ensino superior é unha realidade en cernes, que vai pasar coa licenciatura en Dereito?
A verdade é que aínda existen moitas dúbidas sobre os futuros títulos. Todo parece indicar que o Grado de Dereito requerirá a superación de 240 créditos (4 anos), aínda que trala superación de 180 créditos de formación básica se poderá pasar a cursar estudios de posgrado, eso sí, sin obter o título de Grado que requerirá, en todo caso, 240 créditos.

Os estudantes deberán completar tamén un prácticum?
Si, parece que todo apunta a que dentro deses 60 créditos de formación complementaria se van contemplar actividades de prácticum. O que non está definido é cal será a súa duración.

Xa para rematar e dado que vostede naceu en terras de Lugo, aínda que moi preto da costa, que me di do campus universitario da súa provincia?
Penso que non falto a verdade se digo que o campus de Lugo é sen dúbida o primeiro non central das universidades galegas. Eso débese, por unha banda, á importancia dunha oferta académica coherente que consolidou un número moi alto de alumnos, incluso en períodos de descenso demográfico, e, por outra, a un armónico desenvolvemento e implantación na cidade que permite afirmar que o campus é un dos principais motores do desenvolvemento da mesma.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso de 1 de marzo de 2006