Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Temos que achegarnos aos centros de ensino medio para informar de que somos e que pretendemos"

Luis María Hervella Torrón, Coordinador do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade’

"Temos que achegarnos aos centros de ensino medio para informar de que somos e que pretendemos"

Luis María Hervella Torrón
Luis María Hervella Torrón
  • Ignacio Rodríguez

O catedrático do departamento de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade, Luis María Hervella Torrón, salienta o acertado desta iniciativa posta en marcha pola institución académica compostelá, ao tempo que suliña que a licenciatura en Matemáticas ten un marcado carácter vocacional.

A etapa universitaria supón vertixe para aqueles alumnos de Secundaria que están a piques de dar o salto do instituto ás aulas da universidade. A qué atribúe este excesivo temor?
Penso que o temor é fundamentalmente ás probas de acceso á Universidade, e sobre todo ó posible descoñecemento que teñen sobre a universidade, salientando tamén que se ben agora é unha etapa máis da súa formación, ó longo da vida é unha importante elección a que van facer.

O programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ contribuíu a eliminar ou, cando menos, a reducir este medo?
O programa que eu coordino, pretende que o paso do ensino medio á universidade sexa o máis coordinado posible. Con todas as actuacións do programa, estamos seguros que os estudantes que se apuntan a algunha delas dan o paso entre os dous ensinos de forma máis segura e, por suposto, sen medo ó descoñecido, porque xa lles é familiar.

No eido das esixencias académicas para o estudante, coida realmente que hai tantas diferenzas entre o último curso de Bacharelato e o primeiro ano na universidade?
É difícil contestar esta pregunta, xa que para algúns estudantes non hai apenas diferenzas e para outros as diferenzas son enormes. Por suposto inflúe moito o tipo de carreira que se elixa así como o entorno familiar, a elección que se fixo de Bacharelato, etc.

Que destacaría como máis positivo das iniciativas postas en marcha pola USC para aportar información aos centros de ensino medio e aos potenciais estudantes universitarios?
Destacaría a colaboración continua que temos cos orientadores e directores de centros, onde falamos das súas necesidades e das dos estudantes, así como coas asociacións de pais e nais de alumnos para os temas máis relacionados coa intendencia na súa vida universitaria. Por outra banda, as visitas ós centros por parte dos colaboradores da comunidade universitaria, peza fundamental do programa, onde se lles explica todo o relacionado coa mesma, así como as visitas que fan os centros de ensino medio á universidade son moi apreciadas polos estudantes. Nestas últimas lévanse os estudantes ós centros que eles elixen dentro dos dous campus de Lugo e Santiago para que se lles conte en que consisten os estudos que van facer. Ademais móstranselles os laboratorios e as aulas e residencias onde van estar ó ano seguinte.

Vostede, xa na década dos oitenta, xunto co daquela vicerreitor, Miguel Cortizo, foi un dos pioneiros nestas tarefas. Pensa que a captación de estudantes é actualmente un labor máis difícil?
Pouca diferenza existe entre ambas etapas. É importante suliñar o labor que realizan os orientadores e directores dos centros de ensino medio hoxe en día. Os estudantes están máis motivados e tamén máis informados en moitos casos polo que o labor é máis sinxelo.

Coida que nestes intres é preciso que as institucións académicas entren de cheo na promoción dos seus valores, das súas titulacións e dos seus servizos?
Coido que temos que achegarnos ós centros de ensino medio para informar de que somos e que pretendemos, de forma clara e sen enganos. Ademais esta é unha demanda da sociedade e forma parte do compromiso social da USC.

Algúns poden interpretar que se trata da mercantilización do ensino público?
O que a universidade se achegue á sociedade non pode interpretarse como mercantilismo senón como un servizo máis á mesma, xa que o que facemos é contarlles as facilidades que teñen para poder estudar, algo que moitos deles descoñecen. Sabemos polos datos que obtemos nas xornadas de presentación que os estudantes que participan no programa dispoñen de máis información sobre bolsas, residencias e outras axudas que se canalizan desde a USC.

Que razóns inflúen no feito de que a institución académica compostelá sexa máis atractiva para os mellores alumnos de Secundaria?
Penso que os máis de cincocentos anos de existencia e a compatible modernidade pesan moito. Ademais aquí si que creo que a Universidade debe facer un esforzo para conseguir eses estudantes, xa que eles son os que axudarán a manter o prestixio da mesma. Neste momento a USC preocúpase moito da calidade, o que é apreciado polos estudantes.

Vostede tamén foi durante moitos anos presidente do Tribunal Único de Selectividade en Galicia. Que impresións tiña do estudantado que facía o exame de acceso á Universidade naquela época?
Coido que apenas hai diferenza entre aqueles estudantes e os de hoxe. Quizais hoxe están mais protexidos polos seus pais.

As múltiples reformas que se levaron a cabo no eido académico, sobre todo as referidas aos niveis medios, contribuiron a mellorar a formación e o nivel de coñecementos dos alumnos ou, pola contra, tiveron un efecto contrario?
Eu diría que o efecto foi o contrario. Todas as reformas parecen boas hasta que se poñen a funcionar e un dase conta das limitacións que teñen tanto económicas como de persoal.

No caso das Matemáticas, que é a súa área de coñecemento, coida que esta materia perdeu peso nos niveis educativos preuniversitarios?
Por suposto que perderon peso e notámolo moito non só na carreira de Matemáticas, senón en outras como por exemplo Farmacia ou Químicas, onde os estudantes poden acceder sen facer Matemáticas en segundo de bacharelato, o que xera unha desconexión ó chegar á universidade. Conscentes desta dificultade ofertamos as materias ponte na segunda quincena de setembro para paliar estas carencias.

E se nos referimos á licenciatura en Matemáticas, como explica a súa evolución nestes últimos anos, nos que mermou o número de matriculados?
Non estou dacordo con esta apreciación. A carreira de Matemáticas é unha carreira fondamente vocacional. Eu, cando vou falar ós centros e me preguntan sobre matemáticas, trato de ser o máis realista posible. Sempre digo que esta carreira é a mellor que se pode elixir por aqueles alumnos que teñen gusto polas matemáticas. Por exemplo, se eu lles dou un problema para resolver e eles disfrutan facéndoo, que non dubiden que van trunfar nesta carreira. Polo tanto, non é unha carreira para moitos estudantes. Ademais, o que agora deben coñecer é que estudar matemáticas para dar clase é unha saída máis. Hoxe dispoñemos de tres especialidades: Matemática Pura, Estatística e Investigación Operativa e Matemática Aplicada. Esta oferta prepara ós estudantes para diversas actividades relacionadas coa empresa e as institucións. De feito, todos os anos a finais de curso veñen varias empresas que terminan contratando ós nosos licenciados e licenciadas.

E, que vai pasar con estos estudos no xa case inmediato espazo europeo de educación superior?
Xa estamos preparándonos e adaptándonos ó espazo europeo de estudo superior dunha maneira lóxica. Este curso, houbo varias materias que xa se explicaron dacordo cos créditos europeos. Se a isto se une o feito de que xa están elaboradas as liñas do que será a futura licenciatura en Matemáticas pois, obviamente, estes estudos seguirán dun xeito análogo ós xa existentes.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso de 8 de marzo de 2006