Saltar ao contido principal
Xornal  »  "Tratamos de que a pantalla sexa o primeiro contacto coa literatura"

Dario Villanueva Prieto, director do Consello Científico da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

"Tratamos de que a pantalla sexa o primeiro contacto coa literatura"

Dario Villanueva Prieto
Dario Villanueva Prieto
  • Iolanda Casal

A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes tivo en 2005 88 millóns de consultas e suma desde que naceu en 1999 máis de 16.000 textos en todas as linguas peninsulares. A cifra é, non obstante, un gran de area en comparación cos textos literarios que Google quere poñer en rede. Mais hai unha diferenza notable entre o macroproxecto do xigante do ciberespazo e o que preside Mario Vargas Llosa coa dirección científica de Darío Villanueva: “O problema de Internet é o infocaos... As bibliotecas dixitais teñen que ordenar e dar criterio para que a xente aproveite eses fondos”, di. Esta mesma fórmula marcará un novo proxecto europeo ao que a cervantesvirtual.com lle presta o seu apoio e co que parece que compartirá a súa base pública, aínda que con cabida ao mecenado de institucións privadas.

O proxecto da biblioteca virtual europea inclúe todos os países e linguas da UE, pero a fórmula que parece propoñer é similar á da Miguel de Cervantes, ¿formará esta parte nesta nova iniciativa?
Claro. Cando Google fixo público o seu proxecto, concertando acordos con varias bibliotecas universitarias de Estados Unidos e de Oxford (Reino Unido), na UE houbo unha reacción co obxectivo de situar o patrimonio literario europeo no mundo de internet e non deixar o campo absolutamente baleiro para o que doutra forma podería ser unha forma de colonización, fundamentalmente desde Estados Unidos. Desde entón mantivemos contacto cos responsables gobernamentais da materia para ofrecer a nosa biblioteca, que é a realidade máis forte que neste terreo pode ofrecerse desde o mundo hispánico.

As dimensións dun proxecto e doutro son ben distintas. Google fala de 15 millóns de textos nos vindeiros anos. A UE, de seis millóns no horizonte de 2010 e a Miguel de Cervantes vai por 16.000. Haberá tamén diferenzas de concepto...
A idea de Google parécenos ben, pero a nosa é distinta. Cremos que o problema de Internet é o infocaos, ten tanta información que pode chegar a sepultar os usuarios. Por iso a función destas bibliotecas dixitais, que son de acceso gratuíto, ten que ser ordenar e dar criterios para que a xente aproveite moito máis eses bancos de textos. ¿E iso como o conseguimos? Dando os textos, por suposto, pero cun arroupamento, a contextualización dos autores e das obras con apoios de audio e vídeo. Temos unha serie de portais de escritores e obras, e tamén de institucións como a Academia Argentina de Letras, a Academia Mexicana... Ademais, editamos os textos de xeito que se poidan introducir ferramentas de consulta, por exemplo, para facer índices de aparición de palabras, conexións hipertextuais... É algo distinto a un mero banco de textos, hai un valor engadido, unha creación cultural.

Un dos portais da biblioteca que máis éxito está a ter é o de poesía.
A poesía dá moi ben no escenario de internet, sobre todo cando a len actores profesionais ou mesmo os autores.

E cal é a predisposición do escritor a ceder os dereitos de autor?
Cada autor é un caso distinto, pero nós somos moi coidadosos con este tema. No noso padroado hai representantes do mundo editorial e nos casos nos que estes dereitos seguen vixentes (autores vivos ou falecidos hai menos de 80 anos) chegamos a un acordo beneficioso para ambos. Neste punto hai que ter claro que a biblioteca virtual non dana a circulación da literatura en libro. Temos comprobado o contrario. É moi significativo o caso de Mario Benedetti, que cedeu case toda a súa obra e mesmo le poemas seus. El mesmo recoñeceu que desde que está na biblioteca a súa obra está circulando moito máis. Porque o obxectivo desta biblioteca é formar lectores.

Lectores nun novo formato.Vivimos nunha sociedade na que sobre todo a xente máis nova ve as cousas antes que doutro xeito a través dunha pantalla. Por iso tratamos de que a pantalla do ordenador sexa o primeiro contacto coa literatura e que provoque o desexo de entrar en contacto co libro.

Algo así como o que xa acontece coa música?
Si, pero, insisto, coidando moito os dereitos de autor.

Empeza a darse o proceso contrario, que os autores se poñan en contacto con vostedes?
Si, cada vez máis. Como toda iniciativa novidosa, inicialmente hai certa prevención cara o descoñecido. Pero co tempo, como dixen, os autores comproban que é un xeito máis de distribución e que non dana o libro.

E que beneficios pode achegar a unha lingua como o galego?
Eu penso que é absolutamente necesario utilizar este tipo de posibilidades e novos recursos tecnolóxicos. E isto vale para calquera lingua, pero é evidente que o galego pode incrementar considerablemente a súa presenza no mundo literario a través de soportes como os que internet lle pode proporcionar. Xa fixemos varias xestións encamiñadas a ter un convenio en Galicia para potenciar máis os autores en lingua galega, queremos ampliar considerablemente esta achega.

O ano pasado a biblioteca volcouse co centenario de ‘El Quijote’, ¿haberá algún protagonista especial en 2006?
Imos prestarlle especial atención a México. Xa asinamos convenios con varias institucións como a Academia Mexicana de la Lengua e a Universidad Nacional Autónoma de México.

É en América onde hai máis usuarios, ¿non?
Un 60% é do continente americano, e desa porcentaxe case a metade é de Estados Unidos.

Mañá Ayala fará cen anos. Vostede está no grupo de expertos da organización do aniversario, ¿como o retrataría?
É un intelectual de grande altura, un personaxe que viviu a historia directamente e un escritor que utilizou a forma narrativa para revelar as contradicións sociais e históricas da época que lle tocou vivir. E, por certo, nas súas memorias son moi interesantes as páxinas que dedica ás personalidades galegas en Buenos Aires, entre elas, Rafael Dieste.

Entrevista publicada no xornal El Correo Gallego do 15 de marzo de 2006