Saltar ao contido principal
Xornal  »  "O teatro require unha renovación de público, de escena e unha nova ética"

Euloxio Rodríguez Ruibal, ensaísta, dramaturgo e profesor asociado da USC

"O teatro require unha renovación de público, de escena e unha nova ética"

Euloxio Rodríguez Ruibal
Euloxio Rodríguez Ruibal
  • Ignacio Rodríguez

Rodríguez Ruibal atisba que a afección polo teatro está a experimentar un lixeiro rexurdir no estamento universitario. O ensaísta, dramaturgo e profesor asociado do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Euloxio Rodríguez Ruibal, ingresará o venres como membro numerario da Real Academia Galega, nunha cerimonia, na que pronunciará un discurso baixo o título Do escénico e o fílmico. Notas sobre a linguaxe teatral no cinema contemporáneo.

Dramaturgo, ensaísta, profesor universitario... coida que hai moito teatro nas aulas?
Non. Non hai moito teatro, pero é certo que dende hai uns anos percíbese certo rexurdir pola afección dramática.

Houbo tempos mellores, ¿non si?
Se botamos unha ollada ao pasado, observamos como alá pola década dos sesenta había na Universidade grupos teatrais de vangarda, que levaban a escea montaxes de Ionescu ou incluso de Valle-Inclán. Aínda así, esta situación empezou a decaer a partir dos anos setenta.

Aínda así, seguro que vostede é dos que pensa que lle hai que botar máis arte á vida
Por suposto que si. Indubidablemente, pois é preciso tomar a vida con arte, pero tamén temos que darlle vida á arte.

O venres toma posesión da súa cadeira na Real Academia Galega e convértese en académico numerario. Que supón para vostede este novo recoñecemento?
Pois que lle vou dicir, que estou moi satisfeito. Despois de tantos anos adicándome á escrita, cando chega un recoñecemento así, é para estar satisfeito, pois un pensa en todo no que traballou e en todos os sinsabores e agora ve que teñen un valor. Os que escribimos nun idioma minoritario como é o galego estamos a traballar contra corrente, pero o feito de ser académico supón unha proxección ao pasado e tamén para o futuro.

A condición de académico leva implícito máis traballo?
Entrar nunha academia supón seguir a traballar, pero cunha dimensión moito maior. No meu caso, esta nova condición non vai cambiar a miña liña de traballo, pero terei que integrarme nunha sección e iso quizás traiga consigo máis obrigas, escritos e peticións.

Do escénico e o fílmico. Notas sobre a linguaxe teatral no cinema contemporáneo é o título do discurso de ingreso na Real Academia Galega que vai pronunciar vostede. Supón esta intervención unha pequena denuncia á situación que atravesa a escena teatral na actualidade?
Indirectamente, si. Refírome sobre todo ao audiovisual, pero tamén aludo ao escénico. É unha pequena queixa, porque o mundo do teatro necesita unha renovación. Unha renovación do público, do teatro e tamén unha nova ética. Estamos no século XXI e temos a obriga de facer outra sociedade.

Coida que o teatro aínda é unha arte pequena?
Pois non o sei, aínda que estou seguro de que si é arte. O problema do arte dramático xurde cando é crítico, cando rompe os moldes burgueses. Entón si que molesta aos poderes e á xente conservadora, que pensa que o arte ten unha función decorativa.

Xa que o seu discurso está centrado no audiovisual, que me di da relación existente entre a televisión e o teatro?
A televisión vén gañando espazos e público desde hai moitos anos. Ver teatro esixe un esforzo, require un ritual. Durante os últimos trescentos anos, o teatro foi un espectáculo burgués. Ben é certo que aquí —en Galicia— nunca houbo teatro, pois só chegaban os espectáculos populares, pero nós seguimos a liña do teatro burgués, que logo foi absorbido pola televisión, que agora ofrece ao espectador un teatro moi degradado, pero ao fin e ao cabo, teatro.

Por que di que o teatro require esforzo e esixe un ritual?
O teatro require que o espectador esté a crear ao mesmo tempo que sigue a escenificación. Se non se dá esta interrelación entre a escena e a butaca non hai teatro.

Coa súa entrada na Real Academia Galega, dez dos trinta membros numerarios que integran este organismo proceden da Universidade. Trátase dunha situación lóxica?
Non sei se é lóxico ou non, pero é unha realidade. Entendo que non é un dato significativo, aínda que sí demostra que as universidades, que durante moitos anos tiveron esquecida a cultura galega, mudaron coa creación das facultades de filoloxías e de centros coma o Ilga, que se preocupan moito máis polos aspectos culturais. Así as cousas, hoxe resulta inconcebible que unha Real Academia non teña entre os seus membros un nutrido número de filólogos.

A Real Academia Galega, que empezou a súa andaina aló polo ano 1906 e está a piques de cumprir o primeiro século de vida. Cales son as súas pretensións para os novos tempos?
A Real Academia Galega persigue os mesmos obxectivos que calquera outra institución semellante. Non obstante, o feito de ter unha lingua minoritaria, como é o galego, obrigalle a extender un pouco máis o seu labor, pois ademais de preocuparse polo estudo da lingua, tamén ten que procurar defender e espallar a cultura galega. Xa no discurso inaugural da creación da Real Academia Galega, Murguía apuntaba que o cometido deste órgano non debía ceñirse tan só á lingua, senón que tiña que abranguer a literatura e o arte.

De novo no eido da escena e xa que estamos nunha semana na que comenzan os distintos festivais teatrais organizados pola USC, ¿Atisba necesario o cultivo do xenéro dramático nas aulas universitarias?
A min paréceme fundamental. Non só é preciso a existencia do teatro, senón tamén a asistencia. Creo que todos os universitarios deberían participar dalgún xeito no proceso de creación, pois no teatro hai sitio para todos. Arquitectos, literatos, actores, guionistas, iluminadores... todos poden traballar no teatro, que non é máis que unha tarefa de equipo. Velaí onde está o enriquecemento cultural, pois o teatro posibilita establecer unha canle de diálogo e axuda á formación.

Xa para rematar e sen saír do ámbito estrictamente académico, coida que as universidades configuran unha fructífera canteira de actores?
As universidades son un foco importante, pois basta pensar que hai grupos de teatro en todas as facultades e en todos os campus. Aínda así, tamén cómpre pensar que hai moito teatro nos centros de ensino medio en nos colexios de Primaria, por non falar de asociacións culturais, centros de maiores... Hoxendía vólvese ao teatro na escola e, incluso se non hai medios, a lectura conxunta dos textos dramáticas é enriquecedora. Insisto, na actualidade hai moito teatro, aínda que sí é certo que lle falta proxección.

Entrevista publicada no suplemento Campus do xornal El Progreso, do 22 de marzo de 2006